Paralelamente, en tempos do Imperio emitíronse moedas provincias romanas e algúns emperadores cuñaron moeda imperial, non cívica, que posteriormente foi a única en circulación na Península ata as primeiras emisións suevas e visigodas.[3]
A antiga Iberia mantiña estreitas ligazóns co Mediterráneo oriental e central, polo que se dan influencias coa moeda grega, romanas e púnica, o que non é óbice para que se produza unha dinámica propia e característica das emisións peninsulares.[4][5][6][7]
Etapas históricas
Do século V a. de C. á segunda Guerra Púnica (218 a. de C.)
En todo o Mediterráneo occidental, as tradicións monetarias apareceron arredor do século IV a. de C. As cidades non gregas da Península Itálica (incluíndo Roma) comezaron a cuñar xa no propio século IV a de C. e nos comezos do século III.[12]Cartago cuñou desde mediados do século IV a. de C. na tradición grega, seguindo as emisións previas das colonias fenicias en Sicilia.[13] No norte da Península Ibérica, as colonias marsellesas de Empúries e Roses cuñaron moedas de prata desde os séculos V a. de C. e desde finais do IV, respectivamente.[14][15][16] Máis ao sur, as colonias fenicias de Eivisa e Cádiz cuñaron moedas de bronce na segunda metade do século IV e nos principios III respectivamente.[17][18] Ademais, o salientable asentamento ibérico de Arse (Sagunt) cuñou moedas de bronce e prata desde mediados do século IV a. de C.[19][20]
Dentro da sociedade ibérica, a riqueza tomou varias formas, moitas veces específicas segundo a rexión. A descuberta de tesouros con moedas, xoias e lingotes de metal precioso suxire que as moedas eran un dos xeitos de gardar, amosar e intercambiar riqueza.[8] Por exemplo, un tesouro de finais do século V atopado no sitio ibérico de Puig de la Nau, no Baix Maestratvalenciano, contiña cinco pendentes, ouro e unha pulseira e unha moeda de prata de Empúries.[21] En varios tesouros similares, parte da prata fora cortada en partes máis pequenas, o que pode estar relacionado cos achados de pesas e balanzas, e isto suxire que este metal circulaba a modo de protomoeda.[22]
Segunda Guerra Púnica (218-205 a. de C.)
Parte da segunda guerra púnica tivo lugar na Península Ibérica, e todos os bandos combatentes utilizaron moedas, feito que levou consigo un notable aumento no número de cecas e, consecuentemente, da cantidade de moeda en circulación.
Para financiar as campañas, os cartaxineses cuñaron moedas de ouro, electro, prata e bronce.[23] Estas moedas poderían proceder dun obradoiro monetario instalado na capital, Carthago Nova, ou ben nos propios campamentos militares. Ademais destas, e das de Cádiz e Eivissa, as colonias fenicias do litoral sur, como Málaga e Sexi tamén cuñaron moedas de bronce.[24]
Na costa oriental, particularmente ao nordés, unha boa parte das cidades cuñaron dracmas de prata. Algunhas destas moedas imitaban os dracmas de Empúries e Marsella, en tanto que outras amosaban lendasibéricas. Poucas destas pezas poden ser asociadas a poboacións hoxe coñecidas e, mesmo, en moitas delas as lendas resultan ilexibles.[25] En xeral, considérase que as moedas de prata eran do bando partidario de Roma.[26] No entanto, tendo en conta a situación fluída da guerra, especialmente durante os primeiros anos, algunhas destas emisións poderían estar cuñadas para apoiar a causa cartaxinesa.[27]
República (década de 190 - 72 a. de C.)
Logo desta guerra e da posterior anexión romana dunha boa parte da Península Ibérica, varios pobos indíxenas e algunhas colonias romanas cuñaron a súa propia moeda durante o século II e principios do I a. de C. O catálogo de referencia para estas emisións é Corpus nummum Hispaniae ante Augusti aetatem (CNH) e, máis recientemente, tamén o Diccionario de cecas y pueblos hispanos.[28][29]
As cidades indíxenas de Hispania Citerior cuñaron moedas con escritura ibérica e con lendas celtas. Estas moedas eran similares tipoloxicamente, co retrato dun heroe no anverso e un xinete no reverso, e as áreas onde onde se cuñaban e onde circulaban foise facendo cada vez máis ampla á medida que se estendía o control romano na Península.
As lendas e a iconografía de Hispania Ulterior eran máis diversas, alternando as inscricións latinas coas ibéricas, en tanto que o púnico se seguía utilizando nas moedas das antigas colonias fenicias da costa meridional. Xa que logo, malia considerarse con frecuencia as moedas desta etapa como moedas ibéricas, esta descrición non abrangue todas as moedas cuñadas durante a República. Un pequeno número de cidades coloniais romanas, entre elas Valencia e Toledo, cuñaban en latín, seguindo de preto os exemplos italianos. O número de cidades que cuñaban foi máximo durante o derradeiro terzo do século II e principios do século I a. de C., especialmente na Hispania Citerior, despois do final da Guerra Sertoriana.[1]
A finalidade desta moeda é incerta. Podería estar relacionada coas esixencias ás tribos por parte dos romanos ou con rendas de terras confiscadas por Roma; porén, as cantidades cuñadas resultan insuficientes para representaren impostos habituais ou pagamentos a lexionarios.[30][31] A grande diferenza de produción suxire que os motivos polos que cada cidade facía as súas cuñaxes eran diversos.[32] Algunhas moedas parecen estar estreitamente relacionadas con determinadas actividades extractivas ou produtivas do sur, como a minaría ou a industria da salgadura nas zonas costeiras.[33][34] Ao deberse a decisión da cuñaxe ás autoridades locais (e moitos elementos da iconografía parecen ser importantes a ese nivel), podería haber nesas emisións unha forte compoñente de exaltación da identidade local.[35][36] Logo de entraren en circulación, as moedas ibéricas permaneceron predominantemente na rexión onde foran cuñadas, aínda que nalgunhas ocasións circularon en áreas máis amplas.[37] A produción de moitas moedas de bronce, a gran cantidade de fraccións e de moedas diferentes en lugares moi diversos, desde as grandes cidades ata as pequenas granxas, fai pensar que tiñan uns usos cotiáns moi diversos.[38][39]
Final da República e dinastía Xulio-Claudia (72 a. de C. - 41 d. de C.)
A partir do século I a. de C., o número de cidades que cuñaban moeda foi decaendo e as lendas latinas estandarizáronse en toda a Península.[40] Xa só emitían moeda as cidades máis importantes que adquiriran un status legal privilexiado de mans dos xenerais romanos victoriosos nas guerras civís e mesmo dos emperadores da época, Augusto e Tiberio, da dinastía Xulio-Claudia. Moitas das moedas emitidas proclamaban nas súas lendas e na súa iconografía o novo status das cidades emisoras como colonia ou como municipio, de xeito similar a outras provincias romanas.[38] Estas emisións adoitan recibir o nome de moedas provinciais romanas, e a obra de referencia para a súa catalogación é o volume I de Roman Provincial Coinage (RPC).[3][41][42]
Moeda ibérica antiga
A/: busto de Augusto á dereita; lenda: AVGVSTVS DIVI F
R/: xinete á dereita con lanza; lenda ibérica: "BILBILIS"
Varias casas de moeda do leste de Iberia intentaron manter as moedas coa tipoloxía característica do xinete e con lendas ibéricas e latinas, aínda que non resultaban moi populares. O groso destas emisións provinciais produciuse en tempos de Augusto e Tiberio, e as derradeiras moedas "locais" emitíronse baixo o emperador Calígula a mediados do século I d. de C., en todas as provincias romanas occidentais.[43] Desde entón, as únicas emisións na Hispania romana foron as das cecas imperiais, controladas polo emperador e usadas para fins determinados, como o pagamento dos lexionarios.[2]
Hai dúas razóns principais para as emisións provinciais: por unha parte, as novas colonias e os municipios querían anunciar o seu novo status e o favor imperial e, por outra banda, estas novas formas constitucionais levaban consigo gastos de Estado, que as emisións poderían estar destinadas a pagar. Logo de estaren estas moedas en circulación, probablemente fosen usadas na ampla variedade de papeis que tiñan as moedas na vida económica romana.[44][45]
García-Bellido, M. P. (2005-2006). "Indicadores de identidad cultural: La representación de las joyas en las monedas". En Kalathos. 24-25. Páxinas 341-356. ISSN 0211-5840
Ripollès Alegre, P. P. (1999). "De nuevo sobre la localización de Ikale(n)sken". En Valero Tévar, M., Primeras Jornadas de Arqueología Ibérica de Castilla-La Mancha. Consejería de Educación y Cultura. Páxinas 145-168. ISBN 84-7788-212-6
Ripollès Alegre, P. P. (2011). "Cuando la plata se convierte en moneda: Iberia oriental". En García-Bellido, M.; Callegarin, L.; Jiménez, A., Barter, money and coinage in the ancient Mediterranean (10th-1st centuries BC).Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Páxinas 213-226.
Ripollès Alegre, P. P.; Llorens Forcada, M. (2002). Arse-Saguntum. Historia monetaria de la ciudad y su territorio. Fundación Bancaja. ISBN 84-8471-027-0
Rouillard, P. (2009). "Greeks and the Iberian Peninsula: Forms of exchange and settlements". En Dietler, M.; López-Ruiz, C. Colonial encounters in ancient Iberia: Phoenician, Greek and indigenous relations. University of Chicago Press. Páxinas 131-151. ISBN 9780226148472
Sanmartí, J. (2009). "Colonial relations and social change in Iberia (seventh to third centuries BC". En Dietler, M.; López-Ruiz, C., Colonial encounters in ancient Iberia: Phoenician, Greek and indigenous relations. University of Chicago Press. Páxinas 49-88. ISBN 9780226148472