A moeda grega da Península Itálica e Sicilia orixinouse no seo das poboacións locais dos italiotas e dos siciliotas, comunidades prerromanas grecoparlantes do período helenístico procedentes de emigrantes gregos que formaron numerosas cidades-estado nas que facían as súas propias emisións. Taras (actual Tarento), foi unha das máis prominentes.[1]
Unha temática recorrente nas emisións de moeda italotas eran os bustos dos deuses e outras figuras mitolóxicas, e algunhas outras representaban animais e outros símbolos. Sirvan como exemplo as cuñaxes de Síbaris, coa deusa Minerva, as de Kroton (Crotone), co busto de Hércules ou as de Posidonia (Paestum), coa figura de Poseidón. As moedas da cidade de Taras, a máis próspera, caracterízanse pola presenza de golfiños e de cabalos de mar (estes últimos, cando van alados, refírense a Poseidón). Algunhas moedas destas cidades (Gela, Neapolis...) representan un touro con facehumana, o que probablemente aluda a algunha clase de alianza cos romanos.[2] A cidade de Gela en Sicilia, fundada por colonosrodios, que tomou o nome do do río que a atravesa, amosa nas súas moedas representacións diversas do deus do río local.[3]
Por outra banda, algúns tiranos na Magna Grecia conmemoraron as súas vitorias nos Xogos Olímpicos mediante a cuñaxe de moedas alusivas ás súas vitorias acadadas neles.[4]
O estilo dos motivos presentes nas moedas pódense pór en paralelo cos da olaría da rexión, o que nalgúns casos serve como método de datación desas pezas cerámicas, tendo ademais en conta que a data de fundación de varias destas cidades é ben coñecida.[5]
Padrón ponderal
Os pesos das primeiras emisións de prata foron tomados dos mercadorescorintios, cos que Taras mantiña unhas ligazóns comeciais moi estreitas. Este feito trouxo tamén consigo o padrón persa para as cuñaxes de ouro da Magna Grecia. Máis tarde utilizouse tamén durante un breve período o padrón de Exina, que chegara da man dos colonos calcídicos, antes de asumir definitivamente o padrón ático, de Atenas.[6]
Para o ouro, porén, utilizouse o talento siciliano (ou macedonio), en lugar do talento ático, máis pesado, utilizado en Grecia.[7]
As cidades de Taras, Metaponto, Síbaris e Kroton foron fundadas entre o 750 e o 650 a. de C. e é probable que trouxesen directamente desde as súas zonas de orixe o coñecemento das técnicas de cuñaxe, que apareceran pouco tempo antes.[11]
Taras
As moedas de Taras do século IV a. de C. caracterízanse pola figura dun soldado de cabalaría que porta un escudo (naquel momento, ningún outro exército dotaba de escudos a súa cabalaría) e tamén pola presenza de elementos mariños como os golfiños e os cabalos de mar.[12][13][14]
En toda a área de influencia grega era común que os padróns ponderais da moeda helenística fosen minguando progresivamente. Unha das máis singulares destas reducións de peso pode atribuírse por si mesma a un acontecemento: durante as guerras pírricas (280-275 a. de C.) as dimensións das emisións de Taras diminuíron sensiblmente, do mesmo xeito que ocorreu noutras comunidades gregas da Península Itálica.
As moedas de prata de Taras, Kroton, Heraclea, Turios e Metaponto tiñan un peso de 7,9 g antes da guerra e logo descendeu ata 6,6 g. As posteriores emisións monetarias tarantinas sufriron unha mingua de arredor do 5 %. Esta tendencia descendente viuse ademais significativamente afectada pola tensión financeira causada aos gobernos das cidades-estado por outros confitos bélicos do momento, como foi o da resistencia á expansión de Roma.[15]
Sicilia
Naxos era a cidade grega máis antiga da illa, fundada polos colonos calcídicos en 735 a. de C., e foi tamén a primeira cidade siciliana en emitir moeda. Dado o enriquecemento da cidade debido ao mercado do viño, tomouse para as primeiras emisións a figura do deus Dioniso. Outro tema recorrente nas emisións posteriores foron os sátiros.
Pola súa banda, Katana, fundada en 730 a. de C. por colonos que abandonaran a cidade de Naxos, tivo sona pola mestría dos seus gravadores, que deu como resultado unhas moedas de prestixio recoñecido. Finalmente, Dionisio I, tirano de Siracusa, destruíu a cidade de Naxos en 403 a. de C. e os seus superviventes fundaon Taormina en 358 a. de C.[3]
Hímera e Zancle (Messina), tamén fundadas por colonos calcídicos, foron outras das primeiras cidades-estado da illa de Sicilia que cuñaron moeda.
Durante o século IV a. de C. as emisións de moeda comezaron a escasear na illa, por causa da expansión cartaxinesa en Sicilia, ata o punto de que as moedas púnicas e os estateros corintios chegaron a se converter na parte máis substancial do seu circulante. E esa situación agravouse aínda máis no século III a. de C., cando as cuñaxes locais chegaron practicamente a desaparecer (coa excepción da moeda de cobre), como consecuencia da segunda guerra púnica, de xeito semellante ao ocorrido no sur da Península Itálica.[16]
Siracusa
No século VI a. de C.Siracusa empezou a emitir as súas propias moedas, baseándose no padrón ponderal ático-euboico, que axiña foron adoptadas por outras cidades-estado de Sicilia. No século V a. de C., caracterizado por un goberno forte e unha sociedade moi amplamente militarizada e gobernada polos tiranos, producíronse emisións monetarias moi abundantes.[16]
Cara ao 210 a. de C., Roma controlaba todas as cidades gregas da rexión e ao principio do século seguinte xa se pode apreciar unha clara influencia romana nas súas moedas, tanto na súa iconografía como no seu estilo. A moeda grega da Península Itálica neste período clasifícase adoito dentro das chamadas moedas provinciais romanas.[17][18]
Breglia, L. (1969): La circolazione della moneta ateniese in Sicilia e in Magna Grecia: atti del I convegno del Centro Internazionale di Studi Numismatici, Napoli, 5-8 aprile 1967. Roma. Istituto italiano di numismatica.