As emisións monetarias dos reinos de Asia Menor en determinados períodos da súa historia foron moi habituais e abundantes. Logo da expansión de Pérgamo baixo a dinastía Atálida, os reinos máis pequenos aproveitáronse da situación política e aumentaron o seu poder na rexión. Bitinia, Capadocia e o Ponto son casos ben coñecidos e estudados polas súas abundantes emisións en certos momentos. O reino de Bitinia incorporou as áreas máis monetizadas baixo o seu dominio e os seus gobernantes cuñaron series de moedas de prata e bronce longas e constantes. Noutros lugares, os capadocios salientan principalmente polas súas emisións militares de moedas, e a rexión póntica, menos monetizada, cuñou moedas de ouro, prata e, moi abundantemente, de bronce. Coñécemnse tamén emisións de Bitinia e da Capadocia en bronce.[1]
Cuñaxes do reino de Bitinia
En tempos do primeiro rei de Bitinia, Cipetes I (ca.298 - ca. 279 a. de C.) descoñécese calquera tipo de emisión monetaria.[2]
As primeiras moedas bitinias das que se ten constancia corresponden ao reinado de Micomedes I (ca. 280 - ca. 250 a. de C.). Este monarca é coñecido por levar os galosgálatas a Asia Menor en 277 a. de C. para loitar contra o seu irmán Antíoco I, o que ocasionou problemas ás poboacións gregas locais durante un século. A principios de 260 a. de C., probablemente en 264, segundo Eusebio, trasladou a capital a Nicomedia, cidade na que existía unha casa de moeda. Deste período coñécense tetradracmas e dracmas de prata do padrón ático, e sábese tamén que se levaron a cabo cuñaxes de bronce.[3] De feito, tanto os bitinios como os capadocios comezaron as súas emisións de moeda propia con pequenas series de bronce.[1]
Do seu sucesor, Cileas (ca. 250 - 230 a. de C.) chegaron aos nosos días unicamente emisións de bronce, aínda que se conservan moi poucos exemplares.[3]
Durante o reinado de Prusias I (ca. 232 - 182 a. de C.) regularizouse e sistematizouse a emisión de moeda de bronce e de prata no reino, e ao seu nome prodúcense as primeiras grandes emisións monetarias.[1] Nos catálogos numismáticos máis habituais que cobren esta época hai unha certa confusión, xa que non se fai a diferenza entre os bronces de Prusias I e de Prusias II (182 - 149 a. de C.), en tanto que algunhas moedas de Cileas poden aparecer como atribuídas a Prusias I.[3]
O máis salientable de Nicomedes II (149 - 127 a. de C.) é o comezo, baixo o seu reinado, dos primeiros estateros de ouro da historia do reino. Estas moedas amosan o retrato do rei nos seus anversos e un xinete ao galope nos reversos, e introducen o ano de emisión da era bitinia, en substitución da datación da era seléucida.[4][5]
Á morte de Nicomedes IV en 74 a. de C., o reino pasou a estar gobernado polo Imperio Romano. Logo reconstituíuse inicialmente como provincia romana e posteriormente pasou a formar parte da provincia de Bitinia e Ponto. A Administración romana trouxo consigo a introdución da que se coñece como moeda provincial romana, co que as emisións de Bitinia chegaron ao seu fin.[2][6][7]
Nesta etapa de administración romana, 29 cidades da provincia de Bitinia e Ponto emitiron moeda durante o século II d. de C.[6][7]
Corsten, T. (1996). Katalog der Bithynischen Münzen der Sammlung des Instituts für Altertumskunde der Universität zu Köln.Band 2: Konige, Commune Bithyniae, Stadte (ausser Nikaia). Westdeutscher Verlag, Opladen. ISBN 9783531099415
Højte, J. M. (2006). "From Kingdom to Province: Reshaping Pontos after the Fall of Mithridates VI". En Tønnes Bekker-Nielsen (ed.). Rome and the Black Sea Region: Domination, Romanisation, Resistance. Aarhus University Press.
Sayles, W. G. (1998). Ancient Coin Collecting IV: Roman Provincial Coins. F+W Media. ISBN 0-87341-552-3