O Instituto Italiano de Numismatica (en italiano: Istituto Italiano di Numismatica), é unha institución numismática italiana fundada en 1912. A súa sede está en Roma, no número 13 da rúa Quattro Fontane, no histórico Palazzo Barberini.[1][2][3]
Historia
Os promotores do Instituto foron un grupo de afeccionados e estudosos da numismática vinculados ao ámbito universitario, entre os que cabe salientar a Secondina Lorenza Cesano, da Universidade La Sapienza, de Roma. Inicialmente creouse como unha asociación de natureza privada; porén, no marco dunha reforma dos institutos de investigación histórica de Italia, un decreto do 3 de febreiro de 1936 outorgoulle a personalidade xurídica de dereito público, coa denominación de Istituto Italiano di Numismatica e baixo os auspicios da Xunta Central para os Estudos Históricos (Giunta centrale per gli studi storici).[1][2]
O seu primeiro órgano de expresión institucional foi Atti e Memorie, que entraba en competencia no sector coa preexistente Rivista italiana di numismatica, editada pola Sociedade Numismática Italiana, aínda que a publicación do Instituto focalizaba o seu interese maioritariamente na moeda clásica de Grecia e Roma, en tanto que a Rivista lle prestaba máis atención ás cuñaxes medievais e modernas.[2][4]
En 1954, baixo a dirección de Laura Breglia, fundouse a nova revista Annali dell'Istituto Italiano di Numismatica, para complementar outros aspectos non abranguidos pola anterior, como é o caso da medallística nos museos italianos.[1][2]
Entre 1946 e 1972, o Instituto foi a entidade escollida para a conservación da grande colección de moedas que o monarca Vítor Manuel III lle deixara ao Estado ao marchar ao exilio. A partir de 1972 a colección pasou ao Museo Nacional Romano.[2]
Xunto coa Comisión Internacional de Numismática e o Museo Filangeri, o Instituto Numismático Italiano foi fundador do Centro Internacional de Estudos Numismaticos en 1965, con sede en Nápoles.[1][2]
Funcionamento
Investigación
As tarefas que ten asignadas en tanto que instituto de investigación céntranse na investigación no campo da numismática, así como na promoción e no incentivo de actividades relacionadas co sector. Neste contexto, o Instituto leva a cabo investigacións, tamén en colaboración con outras institucións, e publica os resultados tanto en traballos monográficos como na súa publicación Annali.[3]
O Instituto é, pola súa vez, membro de varias asociacións internacionais, entre elas a Unión Internacional de Institutos de Arqueoloxía, Historia e Historia da Arte, de Roma, a American Numismatic Society, de Nova York, e o Consello Internacional de Numismática, con sede en Winterthur, Suíza. Con todas elas mantén contacto e colaboración constantes e participa na organización de encontros e no desenvolvemento de proxectos de carácter internacional.[3]
Biblioteca
Conta cunha biblioteca especializada con arredor de 20.000 volumes de monografías e publicacións periódicas de interese para a numismática, aberta para investigadores e tamén para estudantes universitarios cunha carta de presentación do profesor co que realicen os seus estudos.[1][3]
Eventos e encontros
No ámbito dos seus fins institucionais, o Instituto Italiano de Numismática organizou os seguintes eventos, varios deles de ámbito internacional:[5]
- 1961: VI Congreso Internacional de Numismática.
- 1978: Le forme e i modi della scambio e le espressioni del valore nel Mediterraneo Orientale, tra la tarda età del Bronzo e gli inizi della monetazione.
- 1982: Stato e moneta a Roma fra la tarda repubblica e il primo impero.
- 1983: Aspetti della società romana fra la metà del IV e la metà del III secolo a.C.: documentazioni a confronto.
- 1986: La moneta nei contesti archeologici: esempi dagli scavi di Roma.
- 1988: L'inflazione nel IV secolo d.C.
- 1995: Bernhard Laum. Origine della moneta e teoria del sacrificio.
- 1997: Metodi statistici e analisi quantitative della produzione di monete nel mondo antico. Tendenze e prospettive di ricerca.
- 1997: La storia mutilata: la dispersione dei rinvenimenti monetali in Italia.
- 2000: La moneta in ambiente rurale nell'Italia tardomedievale.
- 2001: Per una storia del denaro nel Vicino Oriente antico.
- 2004: Dal Denarius al Dinar: l'Oriente e la moneta romana.
- 2004: Weights in Context. Bronze Age Weighing of Eastern Mediterranean: Chronology, Typology, Material and Archaeological Contexts.
- 2008: Quantifying Monetary Supplies in Greco-Roman Times.
- 2011: Numismatica e archeologia. Monete stratigrafia e contesti (colaboración coa Universidade de Roma La Sapieza).
- 2014: Argentum Signatum. Le origini della moneta d'argento a Roma (colaboración co Instituto Italiano para a Historia Antiga).
- 2015: Contesti archeologici e numismatici di età tardo-antica nell'Italia centrale.
- 2015: 60 anni degli "Annali" dell'Istituto Italiano di Numismatica - un bilancio -.
- 2016: Coin Finds in Turkey: Urban Excavations.
- 2016: La moneta in contesto. Formalizzazione del dato archeologico.
Órgano directivo
A dirección administrativa do Instituto corre a cargo do seu Consello Directivo, composto polos presidentes dos catro Institutos Históricos Nacionais, o presidente do Instituto Nacional de Arqueoloxía e Historia da Arte, e dous expertos designados polo Ministro de Patrimonio e Actividades Culturais.[1][6]
Listaxe de presidentes
Esta é unha listaxe dos presidentes da entidade desde 1936, cando comezou a denominarse Instituto Utaliano de Numismática e a ter carácter público:[1]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Istituto Italiano di Numismatica". En Anuario. Nº 49. Unione Internazionale degli Istituti di Archeologia, Storia e Storia dell'Arte in Roma. Roma. 2007. Páxinas 327-330.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Storia Arquivado 25 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". Istituto Italiano di Numismatica.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Funzioni - Attivita Arquivado 28 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.'". Istituto Italiano di Numismatica.
- ↑ Gorini, G. (1988). "Cento anni della Rivista italiana di numismatica". En Rivista italiana di numismatica. XC.
- ↑ "Convegni Arquivado 29 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Istituto Italiano di Numismatica.
- ↑ "Organizzazione Arquivado 28 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Istituto Italiano di Numismatica.
- ↑ "La scomparsa del Presidente Arquivado 25 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". Istitutoitalianonumismatica.it
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
Asociacións relacionadas coa numismática |
---|
Ámbito internacional | |
---|
Europa | |
---|
América | |
---|
Asia, África e Oceanía | |
---|
Véxase tamén | |
---|