A Maternidade de Elna, tamén coñecida como Maternidade Suíza (en francésMaternité Suisse d'Elne), foi unha institución fundada en 1939 pola enfermeira suíza Elisabeth Eidenbenz na comuna francesa de Elna, que permitiu o nacemento de 597 criaturas cuxas nais, refuxiadas da Guerra Civil Española, foron internadas en campos de concentración do sueste de Francia. Tamén fixo o propio con 200 criaturas máis, fillas de xudías perseguidas polo nazismo, durante a Segunda Guerra Mundial. Foi pechada pola Gestapo en 1944, despois de axudar a dar a luz a 597 bebés.
Localización
Elna é un concello francés situado no departamento dos Pireneos Orientais, na rexión de Languedoc-Rosellón. Tiña 6.410 habitantes en 1999. A maternidade instalouse a uns 7 km do campo de concentración de Argelès-sur-Mer nunha mansión abandonada nos arredores da cidade, o castelo de Bardou.
Refuxiados españois
Coa caída de Barcelona, último bastión republicano importante, en xaneiro de 1939, produciuse a maior diáspora da historia española, cando medio millón de persoas refuxiadas buscaron escapar a Francia como única salvación. Ante a presión da opinión pública internacional, o xefe do goberno, Édouard Daladier, autorizou o 5 de febreiro o paso de refuxiados a territorio francés. A fuxida realizouse principalmente polos pasos fronteirizos de Irún, La Junquera e Portbou, de onde saíron centos de miles de persoas, ademais dos restos do goberno republicano e da 130 Brigada Mixta do Exército Popular Español. Ata o 15 de febreiro de 1939 entraron oficialmente no departamento francés dos Pireneos Orientais (que entón tiña uns 230.000 habitantes), un total de 353.107 persoas, na súa maioría a pé: familias enteiras con todas as súas pertenzas que non tiveran posibilidade de fuxir doutro xeito, militares que loitaran na Fronte do Ebro e membros das Brigadas Internacionais que, por motivos políticos, non puideron regresar ao seu país de orixe.[1]Cando as autoridades francesas comprobaron a magnitude do éxodo, a catástrofe humanitaria xa era inevitable. Poucas semanas antes do remate da guerra, o "informe Valière", elaborado a petición do Goberno francés, estimaba, o 9 de marzo de 1939, a presenza duns 440.000 refuxiados en Francia, dos cales 170.000 eran mulleres, nenos e anciáns, 220.000 militares e milicianos, 40.000 persoas eivadas e 10.000 feridas. [2]
O goberno francés, impotente ante a situación, decidiu conducir aos exiliados da zona este cara ás praias de Argelès-sur-Mer, a 35 km da fronteira. Foron situados sobre a mesma praia, e a zona cercouse con arame de espino. Custodiábanlles tropas coloniais, marroquís e senegaleses, e algúns xendarmes. A situación tornouse caótica: non había campamentos de barracas, letrinas, cociña, enfermaría nin sequera electricidade, e comezaron a multiplicarse os casos de disentería. As persoas enfermas e feridas colapsaron os hospitais da rexión, e establecéronse dous campos próximos: Saint-Cyprien e Barcarès.
As condicións destes campos fixeron que as posibilidades de supervivencia dun recente nado fosen practicamente nulas, ademais de significar o parto un gran perigo para as nais. A mortalidade dos recentemente nados nos campos franceses superaba o 90 %.[3]
Elizabeth Eidenbenz
Elizabeth Eidenbenz foi unha mestra suíza que chegou a Madrid, con 24 anos, o 24 de abril de 1937 como enfermeira voluntaria da Asociación de Axuda aos Nenos da Guerra para axudar a nais e nenos durante a Guerra Civil Española, formando parte dun cargamento de axuda humana e material. Cando se produciu a caída da república, trasladouse cos refuxiados ao sueste de Francia, onde a maioría foron internados. Alí dedicouse a buscar e recoller mulleres embarazadas dos campos de internamento establecidos polos franceses.[3] Xestionou coas autoridades francesas os permisos necesarios e negociou os protocolos de actuación do persoal de maternidade dos campamentos. A súa actuación tivo lugar no Campo de concentración de Argelès-sur-Mer e nos de Saint-Cyprien e Rivesaltes.
Nun primeiro momento a maternidade instalouse nun edificio de Brouilla, que axiña quedou demasiado pequeno.
A maternidade
Despois de buscar un lugar axeitado, Elizabeth Eidenbenz conseguiu establecesr a maternidade nunha mansión de tres pisos semiabandonada nos arredores de Elna, na estrada de Montescot: o castelo de Bardou, construído en 1900. A súa restauración custou 30.000 francos suízos, que a asociación aportou. O primeiro neno naceu o 7 de decembro de 1939.[3]
O centro utilizou os corredores sanitarios da Cruz Vermella Internacional para a subministración. Consistían principalmente en leite condensado e en po, chocolate, queixo, conservas, fariña, azucre e arroz, ademais de biberóns e medicamentos. O resto do material procedía de recollidas e axuda humanitaria. Ademais, a escola de enfermaría suíza enviaba dous ou tres profesionais cada seis meses. O resto das actividades encargáronse de voluntarias e refuxiadas dos campamentos. De media, asistiuse a 20 partos ao mes.
Tiña 50 camas, distribuídas en cuartos de entre catro e oito camas cada un. A maioría destas salas levaban o nome de cidades españolas: Barcelona, Bilbao, Madrid, Santander, Sevilla e Zaragoza. Tamén houbo outros cos nomes de Suíza, Polonia, Marrocos e París. A sala de partos era unha pequena habitación branca cunha cama, unha mesa, un lavabo e un armario para os utensilios da matrona. [4]
Debido ás dificultades, a asociación fusionouse coa Cruz Vermella en xaneiro de 1942.
Segunda Guerra Mundial e peche
Desde o estalido da Segunda Guerra Mundial, a maternidade tamén comezou a acoller a nais xudías que fuxían da persecución nazi. Alí naceron unhas 200 nenas e nenos xudeus. Os alemáns ocuparon o sur de Francia en novembro de 1942 e comezaron a súa procura para deportalos a campos de exterminio. Este afán de ocultar e salvar xudeus provocou que a Gestapo realizase frecuentes visitas e inspeccións na maternidade, ante a oposición do seu director, que culminou co peche da maternidade por parte do exército alemán na Semana Santa de 1944.[3]
O edificio estivo abandonado ata que un artesán do vidro o adquiriu nos anos 90 para establecer alí o seu taller. Alí coñeceu por casualidade en 2001 a Guy Eckstein, de orixe xudía, que era un dos nenos nacidos na maternidade, e quen lle explicou a historia do edificio, descoñecida para el. Xuntos decidiron buscar a Elisabeth Eidenbenz e, en 2002, a historia -perdida no esquecemento- saíu á luz cando o concello decidiu renderlle unha homenaxe institucional á antiga enfermeira. Desde entón, foronlle concedidas varias distincións internacionais.[5]
Ese ano colocouse no lugar unha placa coa inscrición, en francés:
Este lugar, no que estivo a Maternidade Suiza de Elna de 1939 a 1944, viu nacer a 597 nenos e nenas. Dirixido por Elisabeth Eidenbenz baixo o patrocinio da "Seguridade a os nenos da Cruz Vermella Suiza".
As nais, vítimas inocentes da Retirada e de Segunda Guerra Mundial, estiveron internadas nos campos de Argelès, Saint-Cyprien y Rivesaltes.
Elna, 23 de marzo de 2002
O 14 de xullo de 2004, o concello da localidade, cuxo alcalde, Nicolás García, era neto de refuxiados españois, anunciou a adquisición da maternidade, co fin de conservar a súa memoria.
A historiadora Assumpta Montellà escribiu en 2006 o libro La maternitat d'Elna. Bressols dels exiliats polo que viaxou a Austria e coñeceu persoalmente a Elizabeth Eidenbenz.
En 2007 publicouse Una Cita en Arles da escritora María Luisa Prada, unha obra de ficción onde unha parte da obra se dedica a explicar como funcionaba a institución. En 2008 publicouse Femmes en exil, meres des campsde Tristan Castanier i Palau, co subtítulo Elisabeth Eidenbenz et la maternité suisse d'Elne, orixinalmente en francés. Tamén en 2008 a Editorial Grijalbo publicou Los hillos de Elisabeth, unha novela de Hélène Legrais que combina a ficción coa historia.
En 2007, o director Manuel Huerga iniciou o proxecto de rodaxe da película Las Madres de Elna, baseada no libro de Montellà.
En 2017 Silvia Quer dirixiu a telefilme La luz de Elna ambientada nos últimos anos da maternidade.
En 2019, a escritora chilena Isabel Allende publicou o libro Largo petalo de mar, onde incorpora a Elisabeth Eidenbenz como un dos seus personaxes e introduce fitos da súa biografía, como a creación da Maternidade de Elna, como parte da novela.