Portbou é de terreo bastante accidentado e pola súa situación, cara ao golfo de León, sofre fortes ventos de tramontana. Na parte central do seu termo municipal está a cala de Portbou, onde se atopa a maior parte da súa poboación.
Ata o ano 1934 formaba parte do municipio de Colera. En 1940 tivo lugar a última batalla da Guerra civil española moi preto da vila. O 27 de setembro do mesmo ano falecía no Hotel Francia de Portbou o filósofo e historiador de arte alemá Walter Benjamin, de xeito non esclarecido. Existe un monumento conmemorativo na localidade obra do artista Dani Karavan que, utilizando formas abstractas e en íntima relación coa áspera natureza do Pireneo xerundense, insire na paisaxe un símbolo que permite achegarse á situación de ameaza existencial vivida polos emigrantes no século XX.
Turismo
Cando os primeiros turistas do norte de Europa chegaban a España, a finais da década de 1950, a primeira localidade máis aló dos Pireneos que se atopaban era a poboación fronteiriza de Portbou. Os que atravesaban a fronteira francesa en coche quedaban impresionados pola sinuosa estrada que percorre esta abrupta costa. Con todo Portbou debe parte da súa popularidade á súa estación de tren, clave para as comunicacións entre España e o resto de Europa. O tempo de espera que se producía a causa do cambio de ancho de vía entre os dous países permitía a moitos pasaxeiros pasear por esta localidade, atopándose unha poboación de gran beleza natural.
Ao longo do paseo da praia, as cafeterías, os restaurantes e os chiringuitos, atraen a unha gran cantidade de turistas durante o día. A situación especial da vila baséase na súa localización nun val, que freou a construción excesiva. Así, Portbou segue pequeno e rodeado de natureza.
A praia grande, fronte ao porto deportivo permanece tranquila durante todo o ano ata durante a tempada alta, durante xullo e agosto. Na praia pódense ver os barcos clásicos, normalmente llaguts cataláns, antigamente utilizados para a pesca, que na actualidade saen de paseo tripulados polos veraneantes.
Lugares de interese
Igrexa de Santa María de Portbou.
Praias: platja gran, les tres platgetes, platja del Pi, platja de les Fresses e platja del Claper.