Martín Rivadavia

Modelo:BiografíaMartín Rivadavia

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento22 de maio de 1852 Editar o valor en Wikidata
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor en Wikidata
Morte14 de febreiro de 1901 Editar o valor en Wikidata (48 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Naval Militar Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar Editar o valor en Wikidata

Víctor José Martín Rivadavia Villagrán, nado en Buenos Aires o 22 de maio de 1852 e finado ibíd. o 14 de febreiro de 1901[1], coñecido popularmente como Comodoro Rivadavia, foi un cargo militar arxentino, xefe da Armada e primeiro ministro de Mariña da nación arxentina. A cidade patagónica de Comodoro Rivadavia honra o seu nome e as súas exploracións da rexión durante o ano 1892

Traxectoria

Foi o neto do primeiro presidente da Arxentina, primeiro xefe de estado das Provincias Unidas do Río da Prata, Bernardino Rivadavia e bisnesto do avogado e militar galego Benito Rivadavia. Aos 13 anos ingresou no Exército, pero tempo despois, antes de cumprir os 17, solicitou o seu traspaso á Armada arxentina.[2]

En marzo de 1869 foi dado de alta como gardamariña a bordo do vapor Pavón, pasando en outubro do mesmo ano ao vapor Guardia Nacional, onde recibiu a súa iniciación bélica na última etapa da guerra co Paraguai. Un ano despois, pediu a baixa na Armada e marchou a Uruguai, a loitar co seu irmán nos conflitos civís no país, e por breves etapas tamén no Brasil.

En 1873 regresou á Arxentina e formou parte da Capitanía de Portos de Buenos Aires, como axudante, rango asimilado ao de Alférez. Un ano despois, reincorporouse á Armada como tenente de guerra e foi destinado ao bergantín goleta Rosales, buque co que, nos dous anos seguintes, realizou numerosas viaxes á Patagonia para intervir en labores hidrográficas.

En 1877 Rivadavia ocupou o cargo de segundo comandante do buque escolar de Cañoneras Uruguay tras a reorganización da Escola Naval baixo a dirección do capitán Martín Guerrico. A bordo dese barco, fixo unha viaxe de instrución cara ao sur, tocando varios portos ata o Golfo Nuevo. Ao seu regreso foi ascendido a capitán.

Ao ano seguinte asumiu o cargo de segundo comandante do buque Cabo de Hornos. Nel realizou sucesivas viaxes á Patagonia para proporcionar alimentos, víveres e artigos navais á escuadrilla do Comodoro da Armada Luis Py, e ás subprefecturas erixidas en varios puntos da costa marítima. En 1880 ascende a Maior da Mariña e ao ano seguinte nomeárono comandante da Constitución, embarcación fluvial destinada á navegación marítima, coa que realizaba labores de balizamento.

En 1884 ascendérono a tenente coronel da Mariña e ao ano seguinte pasou a ser xefe da escuadra Río Negro, onde baixo a súa xestión repararon todos os buques; estableceuse o plano hidrográfico do Río Negro e ergueuse un faro na desembocadura do devandito curso de auga. En 1888, despois de balizar o Porto de Bahía Blanca, realizou unha viaxe de instrución cos cadetes da Escola Naval a bordo da corveta La Argentina chegando ao Océano Pacífico, onde visitaron portos de Chile e Perú. Ese ano ascendeu a capitán de navío. Entre 1890 e 1891 foi nomeado comandante do cruceiro 25 de mayo e foi encargado de percorrer o sur da Arxentina para perseguir os barcos que cargaban guano sen permiso do goberno.

Xa no 1893 foi enviado a Inglaterra para buscar o cruceiro 9 de julio, embarcou en Newcastle e tomou cargo do cruceiro nunha travesía ata Estados Unidos. En 1895 foi enviado a Italia para supervisar o acoirazado Garibaldi. Polo seu traballo foi ascendido a Comodoro da Mariña e, en 1897, o Ministro de Guerra e Mariña Nicolás Levalle escolleuno como xefe do Estado Maior da Armada. Durante a súa etapa á fronte da Armada adquiríronse os acoirazados Belgrano e Pueyrredón e os transportes Pampa e Guardia Nacional. Ademais, rematou a primeira viaxe de circunnavegación da fragata ARA Presidente Sarmiento, sendo este un proxecto defendido dende hai moito tempo por Rivadavia polo feito de contar cun buque escola. Durante a súa administración reorganizáronse as escolas da Mariña; erixíronse varios portos; Adquiríronse faros e promulgouse a lei de contratación de persoal da Armada. En 1898 o Ministerio de Mariña foi separado do Ministerio de Guerra, no que ata entón formaban un único Ministerio, e Rivadavia foi nomeado polo presidente Julio Argentino Roca para ocupar o cargo de Ministro da Mariña nun momento no que a situación con Chile era comprometida pola cuestión dos límites non pactados aínda na Patagonia.

O 14 de febreiro de 1901, aos 49 anos de idade, morreu despois de 36 anos de carreira militar. Como homenaxe, o Ministerio de Agricultura decidiu que a vila que se fundaría ese ano na costa da baía de Tilly, na provincia de Chubut, se chamase Comodoro Rivadavia. Os seus restos repousan no Cemiterio da Recoleta.[3]

Notas

  1. "23 de febrero de 1901: Aniversario de Comodoro Rivadavia"(en castelán)
  2. Cristóforis, Nadia (2009). Proa al Plata: las migraciones de gallegos y asturianos a Buenos Aires. CSIC. p. 90. 
  3. "Comodoro de Marina Martín Rivadavia: un incansable trabajador dedicado a la Armada Argentina". 

Ligazóns externas