Margaret Eleanor Atwood, nada en Otava o 18 de novembro de 1939, é unha poeta, escritora, crítica literaria, mestra, activista ambiental e inventora canadense. Dende 1961, publicou dezaoito libros de poesía, dezaoito novelas, once libros de non ficción, nove coleccións de historias curtas de ficción, oito libros infantís e dúas novelas gráficas, así como unha serie de publicación en prensa tanto de poesía como ficción. Atwood gañou numerosos premios e honras pola súa escritura, incluíndo dous Premios Booker, o Premio Arthur C. Clarke, o Premio do Gobernador Xeral, o Premio Franz Kafka, o Premio Princesa de Asturias das Letras e o Premio PEN Center USA Lifetime Achievement do Círculo de Críticos Nacional do Libro.[1] Varias das súas obras foron adaptadas para o cinema e a televisión.
As obras de Atwood abranguen unha ampla variedade de temas, incluíndo o xénero e a identidade, a relixión e o mito, o poder da linguaxe, o cambio climático e a "política do poder".[2] Moitos dos seus poemas están inspirados en mitos e contos de fadas que a interesaron dende moi cedo.[3]
É a segunda dos tres fillos de Carl Edmund Atwood, zoólogo, e Margaret Dorothy William, nutricionista. Debido á investigación que levaba a cabo o seu pai sobre entomoloxía forestal, Atwood pasou gran parte da súa infancia entre o norte do Quebec, Otava e Toronto.
Ben cedo converteuse en ávida lectora de todo tipo de literatura, desde novelas de misterio, ata contos dos irmáns Grimm, historias sobre Canadá e cómics. Foi ao instituto en Leaside, Toronto. Comezou a escribir aos 16 anos. En 1957 iniciou os seus estudos universitarios na Vitoria University de Toronto. Tivo como profesores a Jay Macpherson e Northrop Frye, que encamiñaron a súa poesía inicial (Double Persephone) cara ao tema dos mitos e os arquetipos.
En 1968, casou con Jim Polk, de quen se divorciou en 1973. Logo, contraeu matrimonio co novelista Graeme Gibson, con quen se mudou a Ontario, ao norte de Toronto. En 1976 tiveron á súa filla Eleanor Jess Atwood Gibson. Volveu a Toronto en 1980.
É descrita como unha escritora feminista, xa que o tema do xénero está presente en varias das súas obras de forma destacada. Centrouse na identidade canadense, nas relacións deste país con Estados Unidos de América e Europa, nos Dereitos Humanos, en asuntos ambientais, nos mitos sociais sobre a feminidade, na representación do corpo da muller na arte, a explotación social e económica desta, así como as relacións de mulleres entre si e cos homes.
En 1969 publicou The Edible Woman, onde se fixo eco da marxinación social da muller. En Procedures for Underground (1970) e The Journals of Susana Moodie (1970), os seus seguintes libros de poesía, os personaxes teñen dificultades para aceptar o irracional. Esta última quizais sexa a súa obra poética máis coñecida; nela, escribe desde o punto de vista de Susana Moodie, unha pioneira da colonización da fronteira canadense do século XIX. Coa obra Power Politics (1971) usa as palabras como refuxio para as mulleres débiles que se enfrontan á forza masculina.
Como crítica literaria é moi coñecida pola súa obra Survival: A Thematic Guide to Canadian Literature (1972), definida como o libro máis asombroso escrito sobre literatura canadense e que conseguiu aumentar o interese na literatura deste país. Ese ano, publicou Surfacing, unha novela onde se formula en termos políticos o conflito entre natureza e tecnoloxía. Con grande éxito e avalada pola crítica, escribiu You Are Happy (1974), e a súa terceira novela, Lady Oracle (1976), unha parodia dos contos de fadas e as novelas de amor. En 1978, publicou Two-Headed Poems, que explora a duplicidade da linguaxe, e Up in the Tree, un libro infantil. A súa seguinte novela, Life Before Man (1979), é máis tradicional que os seus libros de ficción anteriores e céntrase nunha serie de triángulos amorosos.
Atwood segue escribindo, con grande éxito para a crítica e para os seus lectores. Estúdanse os seus libros en escolas, institutos e universidades de todo o mundo.
In Other Worlds: SF and the Human Imagination (2011)
Novela gráfica
Angel Catbird, con Johnnie Christmas e Tamra Bonvillain (2016)
War Bears, con Ken Steacy (2018)
Guións de televisión
The Servant Girl (1974)
Snowbird (1981)
Heaven on Earth (1987)
Notas
↑"Awards List". margaretatwood.ca. Consultado o 6 de febreiro de 2021.
↑Marion, Wynne-Davies (2010). Margaret Atwood. British Council. Horndon, Tavistock, Devon: Northcote, British Council. ISBN978-0746310366. OCLC854569504.
↑Oates, Joyce Carol. "Margaret Atwood: Poet", The New York Times, 21 de maio de 1978.
Bauch, Marc (2012). Canadian Self-perception and Self-representation in English-Canadian Drama After 1967. Köln, Germany: WiKu-Wissenschaftsverlag Dr. Stein. ISBN978-3-86553-407-1.
Carrington, Ildikó de Papp (1986). Margaret Atwood and Her Works. Toronto, Ontario: ECW Press. ISBN978-0-920763-25-4.
Clements, Pam. "Margaret Atwood and Chaucer: Truth and Lies," in: Cahier Calin: Makers of the Middle Ages. Essays in Honor of William Calin, ed. Richard Utz and Elizabeth Emery (Kalamazoo, MI: Studies in Medievalism, 2011), pp. 39–41.
Howells, Coral Ann (2006). The Cambridge Companion to Margaret Atwood. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN978-0-521-54851-9.
Miceli, Barbara. "Margaret Atwood's The Heart goes Last: Panopticism, Discipline, Society, and Ustopia" in Metacritic Journal for Comparative Studies and Theory 5.2 (decembro de 2019), pp. 79–90.
Miceli, Barbara. "Religion, Gender Inequality, and Surrogate Motherhood in Margaret Atwood's The Handmaid's Tale", in CoSMo (Comparative Studies in Modernism), n° 12 (2018), pp. 95–108.
Pivato, Joseph (6 de outubro de 2020) [26 de abril de 2016]. "Atwood's Survival: A Critique". Canadian Writers. Faculty of Humanities & Social Sciences, Athabasca University.
VanSpanckeren, Kathryn; Castro, Jan Garden, eds. (1988). Margaret Atwood: Vision and Forms. Carbondale: Southern Illinois University Press. ISBN978-0-8093-1408-9.
Wrethed, Joakim (2015). "'I am a place': Aletheia as aesthetic and political resistance in Margaret Atwood's Surfacing". Journal of Aesthetics & Culture7 (1): 28020. doi:10.3402/jac.v7.28020.