Sergio Gontán Gallardo, coñecido futbolisticamente coma Keko, nado en Brunete (Madrid) o 27 de decembro de 1991, é un futbolista español. Xoga de extremo no Sacramento Republic da USL Championship dos Estados Unidos.
Traxectoria
Atlético de Madrid
Formouse nas categorías inferiores do Atlético de Madrid e na tempada 2008/09 subiu ao filial, o Atlético Madrid B, na Segunda División B, disputando 27 encontros e marcando tres goles. Esa mesma campaña debutou co primeiro equipo da man do adestrador mexicano Javier Aguirre. Foi o 29 de outubro de 2008 nun partido da Copa do Rei contra o Orihuela, converténdose no futbolista máis novo en xogar en partido oficial co club madrileño, con 16 anos e 307 días de idade.[1] Comezou a seguinte tempada no filial e debutou na Primeira División na xornada 2, nun empate 1-1 contra o Racing de Santander no Vicente Calderón. No mercado invernal foi cedido ao Real Valladolid, tamén en Primeira.[2] Disputou 13 encontros co equipo de Valladolid, onde tivo tres adestradores (Mendilíbar, Onésimo e Clemente), e acabou descendendo ao remate da tempada.
Na tempada 2010/11 foi cedido a dous equipos, FC Cartagena e Girona, ambos de Segunda División, cos que disputou un total de 26 partidos.
Catania
En xullo de 2011, despois de que o Atlético de Madrid non renovase o seu contrato, marchou a Italia para xogar na Serie A co Catania, club co que asinou un contrato por tres anos.[3] En xaneiro de 2012, despois de non ser utilizado en ningún partido polo adestrador Vincenzo Montella, saíu cedido xunto a Fabio Sciacca ao Grosseto, da Serie B.[4]
De volta en Sicilia debutou co Catania na Serie A o 24 de febreiro de 2013. Foi nun partido contra o Parma no Estadio Ennio Tardini, onde xogou como titular e marcou o segundo gol do seu equipo que acabou por darlle a vitoria.[5] A súa participación no club siciliano aumentou na súa terceira e derradeira tempada, na que xogou 19 partidos, pero o equipo acabou descendendo á Serie B.
Albacete
Na tempada 2014/15 volveu a España, fichando polo Albacete, na Segunda División. Foi titular na maoría de partidos do equipo adestrador por Luis César Sampedro, e marcou seis goles, dous deles no partido contra o Llagostera no que selaron a permanencia na categoría.[6]
Eibar
No verán de 2015 asinou contrato co Eibar de Mendilíbar, que iniciaba a súa segunda campaña na Primeira División. Foi titular durante a maioría de partidos, aínda que perdeu varios por lesións, e marcou os seus primeiros tres goles na categoría, sendo o primeiro deles contra o Sporting de Gijón en Ipurua e o terceiro contra o seu exequipo, o Atlético de Madrid, no Calderón.
Málaga
Na tempada 2016/17 fichou polo Málaga, onde asinou por catro anos.[7] Comezou como titular ata que unha lesión o afastou do equipo durante tres meses.[8] Disputou 22 partidos esa tempada e 21 na seguinte, na que o Málaga descendeu a Segunda.
Na 2018/19 regresou ao Valladolid, cedido polo Málaga.[9] Co equipo de Sergio González xogou 29 partidos e marcou dous tantos, contribuíndo á permanencia na máxima categoría un ano máis. De volta en Málaga contou con poucos minutos no equipo adestrador por Víctor Sánchez, no que xogou só media tempada.
Deportivo da Coruña
O 14 de xaneiro de 2020 anunciouse a súa fichaxe por dúas tempadas e media polo Deportivo da Coruña.[10] Debutou contra o Alcorcón e xogou sete partidos na tempada na que o equipo galego descendeu á Segunda División B.
O 5 de outubro de 2020, Keko e o Deportivo chegaron a un acordo para ampliar o contrato do xogador ata 2024.[11] Foi titular ao longo da tempada 2020/21 e marcou dous goles, contra Pontevedra e Zamora. Ao remate da tempada o seu contrato co club foi rescindido.[12]
Sacramento Republic
Despois de estar varios meses sen equipo, en xaneiro de 2022 asinou co Sacramento Republic, equipo da USL Championship, segunda categoría dos Estados Unidos.[13] No seu primeiro ano nos Estados Unidos proclamouse subcampión da US Open Cup, sendo titular na final que o seu equipo perdeu ante o Orlando City.[14]
Selección española
Foi internacional coas categorías inferiores da selección española dende a sub-16 á sub-19. Coa selección sub-17 proclamouse campión de Europa no torneo celebrado en Turquía en 2008 e coa sub-19 foi subcampión de Europa dous anos despois en Francia, cun equipo que el mesmo capitaneaba.[15][16]
Palmarés
Selección española sub-17
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
2.º descenso a Segunda División B |
|