Formouse na canteira do Celta de Vigo, estreándose nunha convocatoria do primeiro equipo na tempada 2001/02, para o partido da Copa da UEFA xogado contra o Sigma Olomouc en Balaídos.[1] Tras varios anos como porteiro suplente do Celta B, en Segunda División B, fichou en 2004 polo Zamora, na mesma categoría. Xogou cinco anos no club zamorano, os últimos catro como porteiro titular.
Entre 2009 e 2013 xogou no Rayo Vallecano, co que logrou o ascenso a Primeira División en 2011. Con todo, no club madrileño dispuxo de poucos minutos fronte ao porteiro titular Cobeño, e máis tarde fronte ao tamén galego Rubén.[2] Na tempada 2013/14 militou no AD Alcorcón, en Segunda, xogando todos os partidos completos e sendo o terceiro porteiro menos goleado da liga.[3] En xullo de 2014 fichou polo Betis, co que logrou esa tempada o ascenso a Primeira, e onde estivo tres tempadas máis, pero disputando só un total de 10 partidos de liga nos catro anos, nos que o primeiro porteiro foi Antonio Adán.
O 23 de maio de 2018 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, por dúas tempadas.[4] No club coruñés fíxose rapidamente coa titularidade e chegou a xogar lesionado durante varias xornadas.[5] Na súa segunda tempada bateu o récord de José Luis Montes de porteiro con máis partidos consecutivos, 70, marca que alongou ata os 82.[6] Tras o descenso dos branquiazuis a Segunda División B, anunciouse a súa marcha, ao non chegar a un acordo co club.[7]
En decembro de 2020 fichou pola UD Logroñés, de Segunda División, que viña de aliñar catro porteiros diferentes no que ía de tempada debido a diferentes lesións.[8] Debido a estas urxencias, debutou co seu novo equipo como titular só un día despois de ser anunciada a súa fichaxe, nun partido ante o Girona en Montilivi. Ocupou a portería logroñesa durante os seguintes dous meses, ata que a titularidade volveu ser para Roberto Santamaría, xa recuperado da súa lesión.[9] O seu último encontro como profesional foi unha derrota por 0-4 diante do Sporting de Gijón nas Gaunas, o 6 de febreiro de 2021, retirándose ao remate da tempada.[10]
Trala súa retirada comezou a formarse como adestrador e pouco despois pasou a traballar como adestrador de porteiros e segundo técnico de Iñaki Bea na selección da República Dominicana, así como adestrador do equipo cadete do Rayo Majadahonda.[5]