Joachim Meisner, nado o 25 de decembro de 1933 en Breslau (Baixa Silesia, Alemaña) e finado o 5 de xullo de 2017 en Bad Füssing, foi un eclesiástico católico latino, cardeal dende 1983 e arcebispo metropolitano de Colonia dende 1988 até 2014.
Traxectoria
Primeiros anos
Joachim Meisner naceu no distrito de Lissa, en Breslau, entón parte de Alemaña (hoxe en Polonia) o 25 de decembro de 1933, nunha familia católica con 3 fillos máis. Logo da expulsión da súa familia da Silesia en 1945 e do falecemento do seu pai no mesmo ano, os Meisner viviron en Körner (Turinxia). Logo dun período como profesional da banca, Joachim Meisner entrou en 1951 no seminario para adultos de Magdeburgo. Entre 1959 e 1962 estudou Filosofía e Teoloxía en Erfurt, onde foi ordenado diácono o 8 de abril de 1962. Foi ordenado sacerdote o 22 de decembro de 1962 polo bispo auxiliar de Fulda Joseph Freusberg. En 1969 doutorouse en Teoloxía pola Pontificia Universidade Gregoriana.
Bispo auxiliar de Erfurt-Meiningen
O 17 de marzo de 1975 foi nomeado bispo auxiliar de Erfurt-Meiningen e bispo titular de Vina. Recibiu a ordenación episcopal o 17 de maio de mans do administrador apostólico Hugo Aufderbeck; Meisner tomou como lema episcopal Spes nostra firma, da segunda epístola aos corintios de san Paulo.
O 22 de abril de 1980 foi nomeado bispo de Berlín. O papa Xoán Paulo II creouno cardeal, co título de Cardeal-Presbítero de Santa Pudenziana no consistorio do 2 de febreiro de 1983.
O 20 de decembro de 1988 foi nomeado arcebispo de Colonia, cargo no que permaneceu até o seu retiramento o 28 de febreiro de 2014, con 80 anos. Finou o 5 de xullo de 2017 en Bad Füssing.