Ignacio Martín-Esperanza Tejada, nado en Verín o 5 de xuño de 1936, é un exfutbolista e exadestrador galego. Xogaba de dianteiro e foi un dos membros máis destacados do Pontevedra na década de 1960, na época coñecida como a do "Hai que roelo", na que o equipo militou durante varias tempadas na Primeira División.
Traxectoria
Como futbolista
Real Madrid
Fillo do capitán de carabineiros Ignacio Martín-Esperanza Albareda e de María Tejada Gómez, comezou xogando ao fútbol no Verín,[1] e aos 18 anos ingresou no Real Madrid.[2] Militou no filial do club branco, o Plus Ultra, en Segunda División, e saíu cedido dúas tempadas a dous equipos tamén de Segunda: o La Felguera e o Atlético Ceuta. Sumou 105 partidos e 31 goles na categoría de prata entre 1956 e 1960.
Betis e Algeciras
En 1960 fichou polo Betis, co que debutou na Primeira División o 11 de setembro, nun partido en que os béticos gañaron por 2-0 ao Mallorca. Titular indiscutible na súa primeira tempada en Sevilla, con Ferdinand Daučík no banco, unha grave lesión sufrida no Camp Nou en outubro de 1961 cortou a súa progresión.[3][4] Trala lesión disputou só 9 partidos máis no equipo andaluz en case dúas tempadas. Na segunda metade da tempada 1962/63 foi traspasado ao Algeciras, da Terceira División, que pagou por el 250.000 pesetas.[5][6] Foi unha peza clave para que o equipo lograse na fase de promoción o segundo ascenso á Segunda División da súa historia.[7]
Pontevedra
En 1963 fichou polo Pontevedra, que se preparaba para debutar na Primeira División. Disputou completos todos os encontros da tempada, e marcou un total de 8 goles, pero o equipo acabou descendendo. Con todo, volveu subir na seguinte campaña, tras proclamarse campión de Segunda, e mantívose durante cinco anos máis na elite, na época do Pontevedra que pasou á historia como a do "Hai que roelo".[4] Xogou un total de 172 partidos oficiais co Pontevedra, co que marcou 21 goles.
Como adestrador
Pouco despois de colgar as botas comezou a súa carreira como adestrador. En xaneiro de 1973 colleu as rendas do Pontevedra en substitución do cesado Caeiro,[8] pero non puido salvar o equipo do descenso a Terceira. Continuou á fronte do equipo na seguinte tempada, pero foi cesado despois de 11 xornadas, co equipo na quinta posición.[9] En xuño de 1974 asinou como novo adestrador do Lugo,[10] ao que dirixiu durante dúas campañas na Terceira División.
Nas tempada 1976/77 e 1977/78 adestrou o Algeciras, conseguindo na segunda delas o ascenso á Segunda División, 15 anos despois de que o lograse como xogador no mesmo club. Nos seguintes anos pasou polo Lleida e o Figueres, antes de regresar en 1982 ao Lugo, ao que adestrou durante unha tempada máis. A continuación adestrou o Hospitalet, o Portonovo e o Atlético Baleares, e entre 1993 e 1994 exerceu como secretario técnico do Pontevedra. En 1999 volveu brevemente ao banco do club granate,[11] pero dimitiu por sorpresa despois de só 6 xornadas, molesto porque o seu método de traballo fose cuestionado.[12] Continuou no club como director deportivo ata o ano 2001.
Notas