José Luis Míguez Iglesias, coñecido como Luisito, nado en Teo o 7 de agosto de 1966, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego. Na actualidade adestra o Arousa SC da Segunda División RFEF.
Traxectoria
Luisito foi contratado polo Racing de Ferrol iniciada xa a tempada 2009–10, en substitución dos irmáns Juan e José Veiga.[1] Fixo o seu debut no banquiño ferrolán con vitoria ante o CD Lugo no estadio Anxo Carro (0–1).[2] A pesar de que o equipo descendeu a Terceira División, a directiva decidiu renovalo de cara á seguinte campaña.[3] Na tempada 2010–11 o equipo conseguiu o segundo posto da clasificación e xogar a fase de ascenso a Segunda B. O 13 de xuño de 2011 anunciouse que non continuaría no club departamental, tras non conseguir retornar ao Racing a Segunda B.[4]
O 12 de xaneiro de 2012 presentouse como adestrador do CD Ourense. En maio de 2013 renovou por dúas tempadas.[5] Logo da desaparición por motivos económicos do club ourensán, co que na 2013-2014 rematara 8º na 2ªB e gañara a Copa Federación, quedou sen equipo, mais en outubro de 2014 anunciouse a súa fichaxe polo Pontevedra CF da Terceira División trala destitución de Manu Fernández. Co club granate consegue o ascenso á 2ªB tras proclamarse campión do grupo galego da Terceira División na tempada 2014-2015.
O 4 de febreiro de 2019 firmou polo Deportivo Fabril, en substitución de Sergio Pellicer, até o final da tempada 2018–19.[6] O 21 de xuño de 2019 anunciouse a súa renovación por unha campaña, pese ao descenso do equipo Terceira División.[7] O 14 de maio de 2020 anunciouse que non continuaría no filial branquiazul, logo de dar por rematada a tempada a RFEF debido á COVID-19.[8]
En febreiro de 2021 volveu ao Pontevedra como substituto de Jesús Ramos, asinando ata final de tempada.[9] Na primavera de 2022, asina polo Arousa SC en substitución do cesado Xurxo Otero.[10]
Notas