Miguel Ángel Alonso Naya, máis coñecido como Míchel Alonso, nado en Ferrol o 24 de xullo de 1974, é un adestrador de fútbol galego.
Traxectoria
Adestrou nas canteiras do Racing de Ferrol e do CD As Pontes e en marzo de 2003 colleu as rendas do primeiro equipo do club pontés, que militaba na Segunda B, en substitución de Víctor Pellón "Calpita".[1] O equipo acabou descendendo pero Míchel Alonso foi renovado para a seguinte tempada e dirixiu o equipo en Terceira ata a súa dimisión en maio de 2004.[2] Para a tempada 2005/06 fichou pola SD O Val, na que foi a segunda campaña en Terceira da súa historia.[3] Con todo, estivo só uns meses no cargo, que deixou en novembro tralos malos resultados.[4]
No ano 2006 regresou ao Racing de Ferrol como segundo adestrador de José Luis Vara, e trala destitución deste, de Manolo García.[5] Deixou o club no verán de 2007 e en xaneiro de 2009 comezou a súa segunda etapa como adestrador do O Val, desta vez na Primeira Autonómica. Con todo, esta nova etapa durou menos de dous meses, pois a finais de febreiro foi elixido polo Racing de Ferrol para substituír no banco ao cesado Manolo Sánchez. O equipo ferrolán ocupaba a sétima posición do seu grupo de Segunda B no momento da súa chegada, e rematou a tempada na mesma posición, lonxe do seu obxectivo do ascenso, polo que Míchel Alonso non continuou no club.
En 2010 converteuse en adestrador do Ordes, co que logrou facilmente a permanencia na Terceira División,[6] e na tempada seguinte pasou ao Somozas, tamén de Terceira.[7] Adestrou a este último equipo durante catro anos, e na tempada 2013-14 logrou un histórico ascenso á Segunda B, ao rematar o equipo primeiro do seu grupo.[8] Ao ano seguinte cumpriu o obxectivo de manter ao equipo na categoría e recibiu unha oferta de renovación, pero decidiu deixar o club.[9]
O 14 de xuño de 2016 foi presentado como adestrador do Racing de Ferrol por segunda vez,[10] sendo cesado catro meses despois debido aos malos resultados.[11] En maio de 2017 volveu a coller as rendas do Somozas, recentemente descendido de novo a Terceira,[12] finalizando en sexta posición e deixando o club ao final da tempada. En maio de 2018 incorporouse ao Rápido de Bouzas como director deportivo,[13] pero en outubro pasou a ser adestrador do equipo de forma provisional tras a rescisión do contrato de Xurxo Otero.[14] Finalmente ocupou o posto durante todo o resto da tempada.[15]
En xuño de 2019 foi anunciado como novo adestrador do Coruxo, na Segunda B.[16] En novembro conseguiu clasificar o Coruxo para a Copa do Rei por primeira vez na súa historia, tras chegar ás semifinais da Copa Federación.[17] Adestrou o club vigués durante dúas campañas e en xuño de 2021 fichou polo Formentera, da Segunda RFEF.[18]
Na súa primeira tempada no club balear acabou a liga na sétima posición, a só dous puntos da promoción de ascenso. Renovado para unha segunda campaña,[19] logrou a permanencia tras acabar 11º, e a continuación decidiu deixar o banco balear, a pesar de ter unha oferta para continuar.[20]
En outubro de 2023 foi anunciado como novo adestrador do Compostela, da mesma categoría, onde substituíu o cesado Manel Menéndez.[21] A pesar dun bo comezo con sete vitorias nos dez primeiros partidos, a chegada do 2024 devastou estas boas sensacións, sumando o equipo só nove puntos dos trinta posibles. Tras vinte partidos ligueiros adestrando o Compostela o propio Míchel recoñeceu a mala situación e presentou a súa dimisión, sendo a derrota ante a UP Langreo o golpe final.[22]
Na tempada 2024/25, fichou polo Arousa, prometendo ante os medios darlle importancia a canteira na súa etapa.[23]
Palmarés
- Somozas
Notas