A Sociedad Deportiva Formentera é un club de fútbol español da localidade de Sant Francesc de Formentera, nas Illas Baleares. Foi fundado en 1969 e actualmente milita na Terceira División.
Historia
Fundado en 1969, debutou na Terceira División na tempada 1979/80, na que quedou en 19ª posición, volvendo ás divisións rexionais. Nesa tempada tamén debutou na Copa do Rei, na que superou a primeira rolda contra o UD Porreras pero caeu na segunda contra o Atlético Baleares.
Despois de máis dunha década consecutiva en Preferente, na tempada 2011/12 consegue o ascenso a Terceira División. Na tempada 2012/13, acabou en terceira posición e xogou por primeira vez na súa historia a promoción de ascenso a Segunda B, na que perdeu na primeira rolda contra o CD Cayón. Na tempada 2013/14, repetiu posición e xogou de novo a promoción. Nesta ocasión superou as dúas primeiras roldas contra o Villarrobledo e o Montañesa, pero caeu na terceira e definitiva contra o Eldense.
Na tempada 2014/15, proclamouse por primeira vez na súa historia campión da categoría. Neste caso disputou a eliminatoria de ascenso de campións, na que caeu derrotado polo Peña Sport. Na tempada 2015/16, acabou na segunda posición, xogando por cuarto ano consecutivo a promoción de ascenso, sendo eliminado na primeira rolda polo Mar Menor CF. Nesa tempada volveu xogar na Copa do Rei, na que superou en primeira rolda ao Alcoyano pero caeu en segunda rolda contra o Barakaldo.
Na tempada 2016/17 participa novamente na Copa do Rei. Nesta ocasión superou nas primeiras roldas a Atlético Saguntino, Lorca FC e Tudelano. En dezaseisavos de final, como equipo de Terceira División tocoulle xogar contra un dos mellores equipos de Primeira. O equipo caeu eliminado contra o Sevilla FC, despois de perder 1-5 en Sant Francesc e 9-1 no Sánchez Pizjuán.
Datos do club
- Tempadas en 1ª: 0
- Tempadas en 2ª: 0
- Tempadas en 2ªB: 0
- Tempadas en 3ª: 6
- Participacións na Copa do Rei: 3
Véxase tamén
Ligazóns externas