O centro conta cun paraninfo grande, aparcadoiro privativo, patio de deportes, pavillón polideportivo, biblioteca, cafetaría, varias aulas de audiovisual-informática, museo de ciencias naturais, museo de física e química, grupo de teatro[1], revista Cartafol[2] etc.
Historia
O Instituto de Pontevedra foi creado por Real Orde do 30 de outubro de 1845 ao abeiro do Plan Xeral de Estudos (plan Pidal), que creaba un centro de ensino secundario en cada capital de provincia. A súa localización inicial foi no convento de San Bartolomeu de Pontevedra (anterior colexio dos Xesuítas e desamortizado uns anos antes), actual edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. En 1880 acolleu parte da Exposición Rexional que acolleu a cidade.[3]
Despois pasou ó edificio da Escola Normal de Maxisterio (pertencente despois á Deputación de Pontevedra), e en 1929 construíuse un edificio novo a carón das ruínas de San Domingos (IES Valle-Inclán). En 1963 o Instituto de Pontevedra dividiuse en Masculino e Feminino. O Masculino trasladouse á localización actual a finais dos anos sesenta, inaugurada en 1971, e en 1973 recibiu o nome de Sánchez Cantón, historiador finado dous anos antes. O instituto estivo dirixido por Xosé Filgueira Valverde entre 1946 e 1976, ano da súa xubilación. O novo edificio presentaba problemas estruturais, e foi reconstruído de novo en 1986.
O Sánchez Cantón herdou do histórico Instituto de Pontevedra:[4]
A colección ornitolóxica doada por Víctor Seoane López en 1866.
Diferentes pezas do Museo de Ciencias Naturais (herbolarios, materiais didácticos, animais disecados …) e dos laboratorios de Física e Química.
Arquivo onde se conservan memorias, expedientes e outros documentos fundamentais para coñecer a historia do Instituto e dos seus alumnos e profesores.
Por todo isto considérase o IES Sánchez Cantón como o herdeiro do antigo Instituto de Pontevedra (compartido co IES Valle Inclán, que herdou o edificio, e cos outros institutos da cidade) e tamén do Instituto Masculino de Pontevedra. Deste xeito pertence á REDE MUPEGA, que integra os institutos históricos de Galicia. Tamén participou activamente nas IV Jornadas de Institutos Históricos españois en xullo de 2010.[5]
En 2022 ingresou con outros tres institutos históricos galegos na Orde de Afonso X O Sabio coa categoría de Placa de Honor.[6]
Despois de Filgueira Valverde o IES Sánchez Cantón foi dirixido por José Ramón Pereiró Rodríguez, Eladio Rodríguez Gandoy, Elena Santillán Pedrosa, Margariña Valderrama, Casimiro Mesejo González, Rafael Táboas Pastor, Eladio Otero López, Rocío Vieites e Carlos A. Rodríguez Blanco.
En 2018 o claustro do instituto contaba con 75 profesoras e profesores.
Alumnado
Nos primeiros anos o instituto de Pontevedra tiña entre 60 e 100 alumnos, en 1860 xa eran máis de 150. As mulleres puideron matricularse desde 1882.[5] En 2018 o instituto contaba con máis de mil alumnos e alumnas.
↑ 3,03,1Fortes Bouzán, Xosé; Castelo Tettamancy, Mª Carmen; Fernández Arruti, Mª Carmen; Martínez Tobío, Mª Dolores; Mesejo Gozález, Casimiro; Núñez Fírvida, Mª Teresa; Rodríquez Gil, Rafael; Santillán Pedrosa, Elena; Valderrama Currás, Carmen (1997). O instituto de Pontevedra Século e medio de historia 1845-1995. Deputación de Pontevedra. ISBN84-88363-96-6.
↑ 5,05,1Otero López, Eladio (2018). "O IES Sánchez Cantón de Pontevedra e o seu legado histório". Homo Sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos institutos históricos de Galicia. Xunta de Galicia Museo Pedagóxico de Galicia. p. 33. ISBN978-84-453-5313-4.