Estudou nos Salesianos da Coruña[3] e no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. Tras licenciarse en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, viviu en Bilbao e Gasteiz para aprender éuscaro. Realizou diversas traducións do éuscaro e publicou un dicionario bilingüe galego-éuscaro.
Fixo un mestrado en Política lingüística e planificación da lingua galega e traballou como tradutor, profesor e investigador. Entre 2009 e 2012 foi lector de galego no Colexio Universitario de Cork, onde traballou baixo a dirección do poeta noiés Martín Veiga. No ano 2014 comezou a escribir a súa tese de doutoramento centrada nas relacións entre literatura e gastronomía.
Como creador ten publicado obras de poesía e narrativa curta. En 2011 obtivo o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo seu poemario Con gume de folla húmida.[4] Escribe a sección galega no proxecto plurilingüe Temps Obert 11.1.[5] É membro das Redes Escarlata. A súa obra está profundamente marcada polas viaxes, as linguas, o deporte e a gastronomía, unhas realidades que se entretecen ao longo da súa produción e que axudan a caracterizar a súa obra (poética, narrativa e ensaística) como un macrotexto. Publicou varios poemas no nº 223 (2019) da revista Grial.
En 2024 foi o gañador do III AROD Intercambio Poético Galicia-Irlanda en residencia para pasar o mes de setembro entre artistas, en The Tyrone Guthrie Centre Annaghmakerrig, en plena campiña irlandesa, grazas ao impulso da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Como deportista afeccionado, xogou ao rugby no Mareantes de Pontevedra, no Bandon RFC e no Sundays Well RFC; polo demais, mantén un blog dedicado a este deporte intitulado "Melé a cinco"[6] e editou a revista pontevedresa O salmón oval en 2015. Tamén xogou ao fútbol gaélico, primeiro no Nemo Rangers de Cork, e máis tarde no Douglas GAA, amais da Selección Galega, coa que participou no encontro internacional Galiza-Bretaña, celebrado en Narón o 21 de xullo de 2012.