Hans Erni

Modelo:BiografíaHans Erni

Hans Erni en 2010, aos 101 anos.

Nome orixinal(de-ch) Hans Erni Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento21 de febreiro de 1909.
Lucerna, Suíza
Morte21 de marzo de 2015 (106 anos)
Lucerna, Suíza
ResidenciaLucerna Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeSuíza Suíza
Formación profesionalEscola de Artes Aplicadas de Lucerna.
Académie Julian.
Escolas Unidas de Belas Artes e Artes Aplicadas de Berlín.
EducaciónEscola de Deseño, Cine e Arte de Lucerna
Academia Julian
Escolas Unidas de Belas Artes e Artes Aplicadas de Berlín Editar o valor en Wikidata
Lateralidadedestro Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPintura, gráficos, ilustración, escultura, gravado e selo postal Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Lucerna Editar o valor en Wikidata
OcupaciónDeseñadora gráfica, pintor, escultor, gravador, ilustrador.
Membro de
Participou en
28 de xuño de 1964Documenta III
1948Competicións artísticas dos Xogos Olímpicos de 1948 Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeGertrud Erni-Bohnert.
Doris Erni. Editar o valor en Wikidata
FillosSimone Erni. Editar o valor en Wikidata
PaisGotthard Erni Editar o valor en Wikidata  e Maria Schaer. Editar o valor en Wikidata
Premios
Cabaleiro da Lexión de Honra.
Premio de Arte e Cultura da cidade de Lucerna (1967).
Medalla da Paz da ONU (1983).
Insignia de Honra da cidade de de Lucerna (1984).
Cidadán de Honra da Cidade de Lucerna (2004).

Descrito pola fonteObálky knih,
The Art of The Countries and Peoples of The World. Tome 5 (en) Traducir, (sec:Швейцария, p.405) Editar o valor en Wikidata
Sitio webhttps://www.hansemi.ch/
IMDB: nm3791613 BNE: XX871653 Discogs: 2270763 Editar o valor en Wikidata

Hans Erni, nado en Lucerna o 21 de febreiro de 1909 e finado na mesma cidade o 21 de marzo de 2015, foi un pintor, escultor, deseñador gráfico e gravador suízo.[1]

Deseñou numerosas litografías, carteis, murais, libros e medallas, e creou deseños para uns 90 selos de correos, principalmente para Suíza, Liechtenstein e a ONU. Igualmente, foi o deseñador de tres billetes para o Banco Nacional Suízo en 1938, así como da moeda conmemorativa suíza de ouro de 50 francos dedicada ao centenario da fundación Pro Patria en 2009.

Erni tamén utilizou algunha das súas obras con fins políticos en varias ocasións: a nivel nacional para campañas de referendo (como para a introdución do sistema de Seguridade Social AVS ou o sufraxio feminino), e a nivel internacional, sobre todo para a conservación da natureza e contra as armas nucleares.[2]

Traxectoria

Primeiros anos e formación

Erni naceu en Lucerna en 1909, o terceiro dos oito Fillos de Maria Schaer, agricultora, e de Gotthard Erni, maquinista naval e pintor afeccionado.[1][3][4]

Logo da súa educación ordinaria, entre 1915 e 1923 formouse inicialmente como topógrafo, e en 1927 comezou a súa educación artística na Escola de Artes Aplicadas de Lucerna.[3][4]

En 1928 viaxou a París, onde estudou na prestixiosa Académie Julian e traballou de xeito autónomo nun estudio propio. Logo residiu en Berlín entre 1929 e 1930, onde continuou a súa formación artística nas Escolas Unidas de Belas Artes.[3][4]

Durante a súa estadía en París coñeceu a pintura contemporánea desenvolvida naquel país e tomou como referentes a Pablo Picasso, a quen coñeceu alí,[2] e a Georges Braque.[5]

Traxectoria artística

Hans Erni en (1967), por Erling Mandelmann.

Na capital francesa traballou baixo o pseudónimo François Grèques e participou en exposicións colectivas; uniuse ao grupo Abstraction-Création e tomou contacto, entre outros, con Arp, Brancusi, Kandinsky e Mondrian.[3]

A partir de 1930 elaborou numerosos frescos e murais en lugares públicos do seu país e no estranxeiro, como "A Virxe María e o Neno" (1935) na Hirschenplatz de Lucerna, "As Tres Grazas", na estación de Lucerna (1935), os oito grandes murais no Grand Palais de París para a exposición internacional, co título de "Construír e vivir" (1947) ou diversos murais para exposicións da UNESCO e da Organización Mundial da Saúde (1949-1950), entre outros moitos.[3]

En 1936 viaxou a Bélxica, a Italia e ao Reino Unido, e entre 1937 e 1938 residiu en Londres, onde participou en varias exposicións colectivas con pintores abstractos.[3]

Logo dos seus primeiros contactos coas vangardas e os seus comezos estilisticamente próximos ás linguaxes formais cubista, surrealista e abstracto-concreta, na década de 1930 Erni achou o seu propio camiño como artista, fortemente influído intelectualmente e apoiado xornalisticamente polo marxismo non dogmático de Konrad Farner, xa que concibía a súa arte como un medio para alcanzar o fin superior do coñecemento humanístico do mundo.[4]

Reverso do billete de 1.000 francos de 1938.[6][7]

En 1938, Erni participou no deseño da cuarta serie de billetes do Banco Nacional Suízo, xunto co pintor de Berna Victor Surbek,[2] encargándose do deseño dos billetes de mil francos,[8] de cincocentos francos[9] e de cincuenta francos.[10] Esta serie imprimiuse, mais nunca chegou a pórse en circulación, dado que foi concibida como unha serie de reserva, por se era necesario o seu uso de xeito urxente no transcurso da segunda guerra mundial, o cal non sucedeu.[7] As súas acusacións de comunista por parte dalgúns sectores políticos suízos influíron tamén en que os billetes non saísen á circulación.[2][5]

Hans Erni deuse a coñecer ao gran público en 1939 con obras como o mural monumental en 12 partes, de case 100 metros de lonxitude para la Exposición Nacional Suíza de Zürich,[2][5][11] que sintetiza a abstracción e o realismo.[3] Esta obra foi trasladada posteriormente ao Museo Nacional Suízo, na mesma cidade.[4]

De 1940 a 1945 prestou o seu servizo ás Forzas Armadas do seu país como pintor de camuflaxe. En 1945 fixo novas viaxes a Inglaterra, Bélxica, os Países Baixos e Francia.[3]

En 1950 creou as súas primeiras obras en cerámica e abriu un estudio permanente en París, que non abandonou ata a década de 1990. Os anos 1950 e 1951 pasounos nunha viaxe de estudo e investigación en Mauritania e Guinea, o que lle serviu para pintar numerosos cadros sobre temas africanos ao seu regreso a Europa. Estes primeiros anos da década de 1950 levou a cabo exposicións individuais nas principais cidades dos Estados Unidos, nunha xira organizada por Joseph W. Faulkner.[3] En 1960, xunto con Alfred Pauletto, Celestino Piatti, Hugo Wetli e Kurt Wirth, organizou unha exposición sobre a temática dos artistas gráficos. En 1964, participou na documenta III de Kassel, na sección gráfica.[12]

Hans Erni amósalle un cartel do Museo do Transporte de Lucerna ao director Alfred Waldis (1969).

Erni foi durante moito tempo un artista controvertido nos círculos profesionais por mor da súa gran popularidade, máis pouco e pouco foi recuperando prestixio, sinaladamente a partir dunha exposición en Schaffhausen en 1966. Porén, non chegou a acadar o recoñecemento por parte da crítica artística ortodoxa e dos museos de arte oficiais do seu país, que o someteron a un certo ostracismo por cuestións políticas, ao ser considerado un artista con vinculacións comunistas.[2][5] Varias viaxes a África, Oriente Medio, a India, a China e o Xapón ampliaron os seus xa notables contactos europeos e americanos, o que repercutiu na súa sona internacional. Malia as dificultades no ambiente artístico oficial no seu país, en 1977 instituíuse a Fundación Hans Erni, e dous anos máis tarde, en setembro de 1979, o Museo do Transporte de Lucerna creou no seu seo o Museo Hans Erni, que recolle unha ampla colección de máis de 300 obras do artista,[4] con pezas como o gran mural de 30 metros de longo titulado Panta rhei («Todo flúe»), creado ex professo para ese lugar.[3][13]

En 1937, Erni foi un dos cofundadores da asociación de artistas Allianz.[3] Entre 1969 e 1976 foi membro da Comisión Federal Suíza de Arte,[4] e de 1961 a 1993 tamén foi membro correspondente da Academia de Belas Artes da República Democrática Alemá.[2][14]

Unha das facetas máis recoñecidas de Erni foi a de deseñador de selos postais. A el encomendóuselle o deseño de res series de selos postais para o Principado de Liechtenstein: «250 anos do Principado» (1969), «Sapporo 1972 (Xogos Olímpicos de Inverno)» (1971) e «Xogos Olímpicos de Verán de Múnic 1972» (1972). Ademais destas tres series de selos, tamén deseñou outras series para a ONU e para Suíza,[5] esntre elas as que recollen os retratos de Max Bill, Albert Einstein, Alberto Giacometti, Hermann Hesse, Arthur Honegger, Paul Klee, Le Corbusier, Thomas Mann e Rainer Maria Rilke. O seu selo europeo de 50 rappen coñecido como «Aire e Auga» (1986) gañou varios premios internacionais e foi recoñecido mellor selo do ano.[15]

Reverso da moeda conmemorativa do centenario de Pro Patria (2009).[16]

Na etapa final da súa carreira, Hans Erni encargouse tamén do deseño do reverso da moeda de ouro de 50 francos conmemorativa do centenario de Pro Patria, unha fundación patriótica e benéfica suíza sen ánimo de lucro encargada de desenvolver proxectos sociais e culturais.[16][15][17]

Erni tamén creara anteriormente algunhas medallas, entre elas a do centenario do Parque Natural de Langenberg (1969),[18] a do Museo Suízo do Transporte Aeroespacial (1972)[19] ou a dos 50 anos do festival de tiro de Lucerna (1979).[20]

Hans Erni foi obxecto dun bo número de exposicións individuais tanto en Suíza como no estranxeiro, así como de amplas retrospectivas, como as do Kunstmuseum de Lucerna (1944 e 1972), as do Musée de l'Athénée de Xenebra (1961 e 1965); a do Museum zu Allerheiligen de Schaffhausen (1966) e a do Seedamm-Kulturzentrum de Pfäffikon (1976).[4]

Erni seguiu a traballar no seu estudo diariamente ata os seus derradeiros días. Finou en Lucerna o 21 de marzo de 2015 aos 106 anos.[3][11]

Recoñecementos

Ao longo da súa traxectoria artística, Hans Erni foi merecedor de numerosos galardóns.

  • 1967: Premio de Arte e Cultura da cidade de Lucerna.
  • 1983: Medalla da Paz da ONU.
  • 1984: Insignia de Ouro da cidade de Lucerna.
  • 2004: Cidadán honorario da cidade de Lucerna.
  • 2005: Medalla de honra en Saint-Paul-de-Vence (a partir da década de 1980 residiu ocasionalmente nesa cidade).
  • 2009: Schweizer Lifetime Award 2008 en recoñecemento a toda unha vida de traballo.

Vida persoal

Erni casou coa artista Gertrud Bohnert (1908-1948) que finou nun accidente de equitación; con ela tivo unha filla, Simone Erni, tamén artista. En 1949 contraeu matrimonio en segundas nupcias con Doris Kessler, unha secretaria 18 anos menor ca el, e con ela tivo dúas fillas e un fillo.[5]

Escolma de traballos

Notas

  1. 1,0 1,1 Baudin, A. (2015). "Hans Erni". En Dictionaire Historique de la Suisse.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Guanziroli, S. (2015). "Schweizer Künstler Hans Erni tot. Der patriotische Rebell". En Blick. 22 de marzo.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 "Biografie von Hans Erni". Hanserni.ch
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "Hans Johann Erni". Adhikara Art Gallery (Adhikara.ch).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 "Swiss artist Hans Erni dies aged 106". En The Guardian. 22 de marzo de 2015.
  6. "1000 Francs 4th series; reserve banknote". Numista.com
  7. 7,0 7,1 "Fourth banknote series (1938)". Swiss National Bank (SNB.ch).
  8. "1000 Francs 4th series; reserve banknote". Numista.com
  9. "500 Francs 4th series; reserve banknote". Numista.com
  10. "50 Francs 4th series; reserve banknote". Numista.com
  11. 11,0 11,1 Bucheli, R. (2015). "Künstler Hans Erni gestorben: Zwischen Dekor und Kunst". En NZZ Online. 22 de marzo.
  12. "Documenta III. 28 June – 6 October 1964. International Exhibition". Documenta.de
  13. "Hans Erni Museum". Museums.ch
  14. "Hans Erni". Akademie der Künste (ADL.de).
  15. 15,0 15,1 Ghidelli, E. (1995).
  16. 16,0 16,1 "50 Francs Pro Patria". Numista.com
  17. "Fifty Francs 2009 Pro Patria, Coin from Switzerland - detailed information". Onlinecoin.club
  18. "Art Medal - Wildlife Park Langenberg Hans Erni". Numista.com
  19. "Art medal - Swiss Museum of Transport Hans Erni". Numista.com
  20. "50th Federal Shooting Festival Lucerne". Numista.com

Véxase tamén

Bibliografía

En alemán

  • Bühlmann, K. (1997). Geächtet-geachtet. Die Geschichte des Hans Erni-Museums im Verkehrshaus der Schweiz in Luzern. Eine Dokumentation. Hans Erni-Stiftung, Lucerna.
  • Bühlmann, K.; Obrist, M. (2002). Hans Erni. Dialog. Arbeiten im öffentlichen Raum. Benteli, Berna. ISBN 3-7165-1285-0
  • Bühlmann, K. (2009). Zeitzeuge Hans Erni. Dokumente einer Biografie von 1909 bis 2009. NZZ, Zürich. ISBN 978-3-03823-505-7
  • Farner, K. (1943). Hans Erni, Weg und Zielsetzung des Künstlers. Arbeiten aus den Jahren 1931 bis 1942. Amstutz, Herdeg & Co. Zürich.
  • Farner, K. (1945). Hans Erni. Ein Maler unserer Zeit. Mundus, Basilea.
  • Furger, A. (1998). Ateliergespräche mit Hans Erni. NZZ, Zürich. ISBN 3-85823-739-6
  • Giroud, J-C. (1993). Hans Erni. Die Plakate 1929-1992. Benteli, Berna. ISBN 978-3716508756
  • Giroud, J-C. (1996). Hans Erni. Werkverzeichnis der illustrierten. P. Cramer, Xenebra.
  • Ghidelli, E. (1995). Kunst im Kleinen. Die philatelistischen und numismatischen Werke von Hans Erni. Multipress, Reinach. ISBN 978-3952083703
  • Hans Erni. Werkverzeichnis der Lithographien, ABC, Zürich. ISBN 978-3855041411
  • Matheson, J. (1983). Hans Erni. Das zeichnerische Werk und öffentliche Arbeiten. Ex Libris, Zürich. ISBN 978-3719307943
  • Matheson. J. (Ed.) (1996). Hans Erni gestaltend – Hans Erni à l'œuvre – Hans Erni at work. ABC, Zürich. ISBN 9783855041619
  • Rast, J. (1962). Grafiker als Maler, Hans Erni, Alfred Pauletto, Celestino Piatti, Hugo Wetli, Kurt Wirth. Kunstverein Olten, Olten.
  • Ruegg, W. (1980). Hans Erni: Hans Erni: Das Malerische Werk / Peintures/Paintings. Berna. ISBN 978-3719307400

En francés

  • Catalogue raisonné de l'œuvre lithographie et grave de Hans Erni. Caillier, Xenebra.
  • Giroud, J-C. (1996). Hans Erni. Catalogue raisonné des livres illustrés. Patrick Cramer, Xenebra.
  • Richoz, C. (1989). Erni, vie et mythologie. Fondation Pierre Gianadda, Martigny. ISBN 978-2884430180
  • Roy, C. (1964). Hans Erni. Lausana.
  • Singh, J. (1979). Hans Erni. Éd. de la Tribune, Xenebra.

En inglés

  • Von Moos, S. (1993). "Hans Erni and the Streamline Decade". En The Journal of Decorative and Propaganda Arts, 19. Páxinas 120-149.

Ligazóns externas