Caio ou Gaio Xulio Fedro[a], nado ca. -15 e finado ca. 50, foi un fabulista romano. Seguidor de Esopo, introduciu mordaces alusións contemporáneas.
Traxectoria
Fedro foi un escravo orixinario de Macedonia. Recibiu a liberdade de mans de Augusto e desenvolveu a súa actividade literaria durante os reinados de Tiberio, Calígula e Claudio.
Publicacións
Publicou en cinco libros a súa colección de fábulas latinas en verso. Moitos dos temas destas composicións están tomados de Esopo; outros, con todo, proceden da súa experiencia persoal ou inspíranse na sociedade da súa época.
Características
Como el mesmo declara no prólogo da súa obra, a fábula foi inventada porque os escravos, medorentos do castigo se ousaban dicir o que sentían, enmascararon as súas ideas expresándoas en forma de fábulas para evitar con bromas finxidas as reaccións violentas dos seus señores.
Sexa ou non real esta afirmación, o certo é que no cento unha fábulas de Fedro que se conservaron apréciase con claridade a intención didáctica e moralizante que introduce o breve relato, protagonizado preferentemente por animais. Nelas desenvólvese o concepto de protesta social, adaptándoo ao contido e aos costumes da súa época. Altivo e ambicioso, quixo conferir ao apólogo moralista popular a elegancia e o garbo da poesía.
Con todo, aínda que Fedro confesa que só se limita a representar de forma xenérica a vida e os costumes dos homes do seu tempo (ipsam vitam et mores hominum ostendere), o certo é que as veladas alusións críticas a personaxes contemporáneos valéronlle un proceso por parte de Sexano, o poderoso prefecto do pretorio e favorito do emperador Tiberio.