Os tres países anteriormente citados evidentemente son diferentes, pero teñen unha historia e algunhas características que os unifican, xa que foron colonizados por países europeos situados fóra da Península Ibérica, a diferenza do resto de Suramérica. Isto afastounos, cultural e politicamente, do resto dos países do subcontinente do que forman parte e, en cambio, aproximounos á comunidade de países caribeños.
Tamén adoita denominarse ás veces como Güiana británica, o seu nome antigo cando era unha colonia do Reino Unido, de quen obtivo a súa independencia o 26 de maio de 1966.
As dúas terceiras partes do occidente do país son reclamadas polo seu veciño occidental, Venezuela, a zona chamada por esta última como Güiana Esequiba (Guayana Esequiba). O seu veciño do leste, Suriname, tamén reclama para si unha parte do territorio oriental güianés.
A estimación de poboación para o ano 2010 foi de 784 894 habitantes. O inglés é o único idioma oficial. A cidade máis poboada é tamén a súa capital, Georgetown.
Suriname (oficialmente e en neerlandésRepubliek van Suriname), é un país situado no norte de América do Sur, limitado ao leste pola Güiana Francesa, ao oeste por Güiana, ao sur polo Brasil e ao norte polo océano Atlántico.
A súa superficie é de 163 270 km², e a súa poboación, segundo datos da ONU de 2011, era de ao redor de 549 000 habitantes. Polo tanto, é o menos poboado dos países independentes de Suramérica.
Suriname reclama varias áreas territoriais situadas máis alá das súas fronteiras con Güiana e coa Güiana Francesa.
Está situado na costa norte de América do Sur, entre o Brasil e Suriname, limitando ao norte polo océano Atlántico.
Como os outros departamentos de ultramar, a Güiana Francesa é tamén unha rexión de ultramar de Francia, unha das 26 rexións de dito país. A Güiana Francesa é parte integrante de Francia desde 1946.[5]
É coñecida por ser o último territorio europeo na América do Sur continental, ademais de por posuír un rápido crecemento de poboación, dos máis altos a nivel mundial.[6]
A estimación da poboación para o ano 2010 foi de 260 000 habitantes. A cidade máis poboada é tamén a capital do departamento de ultramar, Caiena.
Suriname reclama á Güiana Francesa a área entre os ríos Litani e Maruiní. Este conflito territorial aínda non acadou unha solución.
Os outros territorios
A rexión da Güiana abarca, ademais das tres entidades políticas citadas, toda a área comprendida entre os ríos Orinoco e Amazonas, e cuxa principal característica xeolóxica é o escudo Güianés.
Ademais destas tres entidades, e dunha pequena parte do leste de Colombia, comprende estes outros dous territorios;
Güiana Venezolana
A Güiana Venezolana comprende aproximadamente a actual rexión de Güiana, o que antigamente foi a provincia de Güiana ou Guayana española do Imperio español. É unha ampla rexión natural que se localiza ao sueste do río Orinoco, estendéndose no territorio venezolano por medio millón de km², aproximadamente.
A Güiana Brasileira (Guiana Brasileira) e, antigamente Güiana portuguesa (Guiana Portuguesa), é un territorio que comprende o actual estado de Amapá, parte do de Roraima e a parte norte do de Pará. É unha rexión de relevo pouco accidentado, en xeral por debaixo dos 300 m, e cuxa planicie litoral está caracterizada pola presenza de mangleiros e lagoas.
Formou parte do Imperio portugués e, despois, do brasileiro. A rexión sufriu invasións de ingleses e holandeses, que foron expulsados polos portugueses. No século XVIIIFrancia reivindicou a posesión da zona, pero no tratado de Utrecht, de 1713, establecéronse os límites entre o Brasil e a Güiana Francesa, que non foron respectados polos franceses.
O descubrimento de ouro e a valorización do caucho no mercado internacional, durante o século XIX, promoveron o poboamento da rexión e estimularon as disputas territoriais.
Os franceses estableceron alí a República de Cunaní ou République de la Guyane indépendante (1886-1891).
Pero o 1 de maio de 1900 a Comisión de Arbitraxe de Xenebra concedeu a posesión do territorio a Brasil, que o incorporou a Pará co nome de Araguari. En 1943 converteuse en territorio federal bautizado como Amapá.
O descubrimento de ricos xacementos de manganeso na Serra do Navio, en 1945, revolucionou a economía local.
E o 5 de outubro de 1988, coa promulgación da nova Constitución, foi elevado á categoría de Estado.
Xeografía da rexión
Relevo
O relevo güianés está formado basicamente polo escudo de Güiana, bordeado no litoral por unha chaira costeira, que constitúe a zona agrícola onde se concentra a maior parte da poboación. No interior do territorio, no Escudo, abundan os outeiros e as selvas e, no sur e no oeste, esténdese unha gran rexión de montañassabanas.
O relevo máis importante do país é a serra de Pacaraima, que culmina no tepui Roraima, de 2810 msnm, situado na fronteira con Venezuela e o Brasil.
As precipitacións son abundantes, e xeralmente superan os 2000 mm anuais no occidente, chegando a 4000 mm en sectores orientais, o que fai ao clima moi húmido en toda a rexión.
Patrimonio biolóxico
Unha densa selva tropical húmida cobre a maior parte do territorio. É a extensión setentrional da selva amazónica, a cal se desenvolve ao redor do río Amazonas e da súa conca fluvial. As altas temperaturas favorecen o desenvolvemento duna vexetación mesta e exuberante, sempre verde. Existen nela innumerábeis especies de plantas aínda sen clasificar, milleiros de especies de aves, innumerábeis anfibios e millóns de insectos.[7]
Notas
↑Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t. 32, p. 18: Güiana Rexión do NL de América do Sur que se estende desde o río Orinoco ata o Atlántico e que comprende a Guyana Francesa, Surinam, o sector SL de Venezuela e unha parte do Brasil...
↑Aldrich, Robert & Connell, John (2006): France's Overseas Frontier: Départements et territoires d'outre-mer. Cambridge University Press. ISBN 0-521-03036-6.
↑pdfArquivado 06 de decembro de 2010 en Wayback Machine. Rapid Assessment Program. 2008. Biodiversity in the Konashen Community-Owned Conservation Area, Guyana. Conservation International, Arlington, VA, USA.