Cada ano, a Academia convida a países a presentar os seus mellores filmes para competir de acordo cunhas estritas regras, sendo aceptado soamente un filme por cada país.[3] Porén, debido a que o status de Alemaña dividiu o país ó longo da segunda metade do século XX, a República Federal Alemá (Occidental) e a República Democrática Alemá (Oriental) competiron de xeito separado na categoría de mellor filme en lingua non inglesa até o ano 1990. Con oito nomeamentos e unha vitoria,[5] a Alemaña Occidental tivo moito máis éxito cá Oriental, que só conseguiu un nomeamento en 1976 por Jakob der Lügner, un filme que o Festival Internacional de Cinema de Moscova rexeitou proxectar.[6] Alemaña Occidental recibiu catro nomeamentos consecutivos durante os primeiros anos de existencia do premio. Tivo peor acollida na década de 1960, xa que ningunha das súas propostas saíu nomeada. A chegada do novo cinema alemán conduciu a unha mellora da reputación do cinema alemán no estranxeiro. Como resultado disto, a Alemaña Occidental recibiu varios nomeamentos durante a década de 1970, conseguindo a vitoria no filme de 1979 O tambor de folla de lata.[7]
A Alemaña Occidental e a Oriental foron formalmente reunificadas o 3 de outubro de 1990.[8] A 63ª edición dos Óscar, celebrada o 25 de marzo de 1991,[9] foi a primeira vez que Alemaña puido participar como un único país. A Alemaña reunificada tivo éxito na categoría do Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa, conseguindo dous galardóns e oito nomeamentos en menos de dúas décadas.[5] Os tres filmes alemáns que recibiron o premio dende a reunificación foron Sen novidade na fronte (2022) de Edward Berger, Das Leben der Anderen (2006) de Florian Henckel von Donnersmarck e Nirgendwo in Afrika (2001) de Caroline Link. Ámbolos dous son os únicos directores alemáns que tiveron máis dun filme nomeado nesta categoría. Varios outros filmes alemáns recibiron premios da Academia noutras categorías diferentes á do mellor filme internacional.[a]
Propostas
De acordo coas regras da Academia, a selección das propostas oficiais de cada país debe ser realizada por "unha organización, xurado ou comité que debe incluír artistas e/ou creadores no eido do cinema".[3] No caso alemán, o comité de selección e procedemento están xestionados por German Films Service + Marketing GmbH, con sede en Múnic, coñecido como Export-Union of German Cinema até o ano 2004.[10] Os produtores e distribuidores de filmes poden enviar a German Films un filme para a súa consideración, que verifica a integridade da solicitude e o cumprimento das normas da Academia.[b] German Films non está representado no comité e céntrase soamente nos aspectos organizacionais.[11] Malia que a Alemaña Oriental adoitaba enviar propostas con moderación, Alemaña Occidental e a Alemaña reunificada participan regularmente, enviando propostas á Academia cada ano agás dende 1962 a 1964 e en 1991. A negativa do comité de selección a presentar un filme en 1991 foi moi controvertida.[c] A escolla de Das weiße Band – Eine deutsche Kindergeschichte en 2009 tamén causou certa controversia.
a^: Varios filmes alemáns foron nomeadas ou gañaron premios da Academia en categorías distintas á de mellor filme internacional. Aínda que nunca foi presentada por Alemaña Occidental para competir na categoría de mellor filme internacional, o filme Das Boot de Wolfgang Petersen foi nomeado a outros seis premios, xa que foi estreado comercialmente no condado dos Ánxeles.[7] Nove filmes alemáns foron nomeadas nas categorías de documental, mais só Serengeti darf nicht sterben (1959) de Bernhard Grzimek conseguiu gañar o Óscar ó mellor documental. Os outros oito documentais nomeados foron: Kahl (1961) de Haro Senft, Chariots of the Gods (1970) de Harald Reinl, The Silent Revolution (1972) de Edouard de Laurot, Battle of Berlin (1973) de Franz Baake, The Yellow Star – The Persecution of the Jews in Europe 1933–45 (1980) de Dieter Hildebrandt, Marlene (1984) de Maximilian Schell, Buena Vista Social Club (1999) de Wim Wenders e The Story of the Weeping Camel (2004) de Byambasuren Davaa e Luigi Falorni.[35]
c^: En 1991, o comité de selección emitiu un informe oficial segundo o cal ningún filme alemán posuía a calidade suficiente para ser candidato.[37] Aínda que o filme de Agnieszka HollandHitlerjunge Salomon fora un éxito de crítica (recibindo premios das sociedades de críticos de Nova York e Boston, o National Board of Review Award e Globo de Ouro) e nese momento era o segundo filme en lingua alemá con máis público nos Estados Unidos (despois de Das Boot), non foi seleccionado. Isto foi amplamente criticado e levou a varios cineastas alemáns destacados a escribir unha carta aberta denunciando o rexeitamento do comité a propoñer Hitlerjunge Salomon.[38] Afirmouse que o comité non escolleu o filme polo seu tema delicado (a historia dun xudeu que escapa á persecución nazi facéndose pasar por ario). Dise que os membros do comité describiron non oficialmente o filme como "lixo" e "unha vergoña". Tamén se dubidou de se cumpriría as regras da Academia porque foi rodado en Polonia e só financiado en parte por Alemaña.[37] Aínda que o filme non foi enviado, estreouse no condado dos Ánxeles, ao que o facía elixible noutras categorías. Foi candidato ao Óscar ó mellor guión adaptado, aínda que non gañou.[39]
d^: En 2009 o comité de selección escolleu Das weiße Band como proposta alemá. Isto causou certa controversia sobre as regras da Academia, que aceptaría o filme como proposta tanto de Alemaña como de Austria. Martin Schweighofer, director da Austrian Film Commission, expresou que non estaba contento coa decisión: "A incomodidade chega polas regras vagas da Academia. Nas consideracións esenciais, o filme é austríaco". Informouse de que o distribuidor estadounidense, Sony Pictures Classics, fixo presión a Alemaña para que o propuxese en lugar de Austria por razóns tácticas, xa que o cinema austríaco fora candidato dúas veces consecutivas, con Die Fälscher (2007) e Revanche (2008).[40]
e123 : Cada ano está vinculado a un artigo sobre ese ano en particular na historia do cinema.
↑A categoría foi chamada anteriormente Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa, mais isto cambiou a Óscar ó mellor filme internacional en abril de 2019, despois de que a academia considerase a denominación anterior desfasada.[1][2]