Echo & the Bunnymen é unha banda inglesa de post-punk, formada en Liverpool en 1978. Os seus membros orixinais foron o vocalista Ian McCulloch, o guitarrista Will Sergeant e o baixista Les Pattinson, axudados por unha caixa de ritmos. No ano 1980 Pete de Freitas uniuse como batería, e o seu álbum de estrea, Crocodiles, foi aclamado pola crítica entrando no Top 20 británico. O seu segundo álbum, Heaven Up Here, novamente agradou á crítica e acadou o número 10 nas listas británicas de álbums. O status de culto da banda foi seguido polo éxito masivo a mediados dos anos 80, e conseguiron entrar no Top 10 británico co tema "The Cutter", e o seu correspondente álbum, Porcupine, acadaría o número 2 no Reino Unido. A súa seguinte edición, Ocean Rain, continuou co éxito nas listas británicas, e é considerado o seu álbum máis destacado, con sinxelos coma "The Killing Moon", "Silver" e "Seven Seas". Un novo álbum de estudio, Echo & the Bunnymen, foi editado antes de que McCulloch deixase a banda para comezar unha carreira en solitario en 1988. O ano seguinte de Freitas morreu nun accidente de moto, e a banda reapareceu cunha nova formación. Aos membros orixinais Will Sergeant e Les Pattinson uníuselles Noel Burke coma vocalista, Damon Reece na batería e Jake Brockman nos teclados. Esta nova encarnación editou Reverberation en 1990, pero tanto as críticas como as vendas remataron por desfacer a banda no ano 1992.
Despois de traballar xuntos coma Electrafixion, McCulloch e Sergeant reuníronse con Pattinson en 1997 e volveron coma Echo & the Bunnymen co tema "Nothing Lasts Forever". Un álbum con material novo, Evergreen, tivo un bo recibimento por parte da crítica e a banda tivo unha volta exitosa. Aínda que Pattinson deixou o grupo por segunda vez, McCulloch e Sergeant continuaron facendo novo material coma Echo & the Bunnymen, incluíndo os álbums What Are You Going to Do with Your Life? de 1999, Flowers do 2001, Siberia do 2005 e The Fountain' do 2009.
Discografía
Álbums de estudio
EPs