Diodoro Sículo

Modelo:BiografíaDiodoro Sículo

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Διόδωρος Σικελιώτης
(la) Diodorus Siculus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 90 a. C. Editar o valor en Wikidata
Agyrion, Italia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Mortec. 30 a. C. Editar o valor en Wikidata (59/60 anos)
Actividade
Campo de traballoHistoria Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Sicilia
Sicilia Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónhistoriador, xeógrafo, mitógrafo Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1076951

Diodoro Sículo ou de Sicilia (en grego Διόδωρος Σικελιώτης) foi un historiador grego do século I a.C. nado en Agyrium (hoxe Agira), na provincia romana de Sicilia.

Traxectoria

Xerome de Estridón (Chronica) sitúa a madurez de Diodoro cara ao 49 a.C., o que coincide coas afirmacións do propio autor. A data máis antiga que menciona Diodoro é a súa visita a Exipto na 180ª Olimpíada (entre o 60 e o 56 a.C), que foi recordada por un tumulto en demanda da pena de morte para un cidadán romano que matara accidentalmente un gato, animal sagrado para os antigos exipcios (Bibliotheca historica 1.41, 1.83). O último feito recordado por Diodoro é a vinganza de Octavio César Augusto sobre a cidade de Tauromenium (hoxe Taormina), cuxa negativa a axudalo conduciu ao futuro emperador a unha derrota naval no -36 Diodoro non dá mostra de haberse decatado da conversión de Exipto en provincia romana -o que ocorreu no -30-, polo que seguramente publicou a súa obra completa antes desa data. Diodoro afirma que empregou trinta anos na composición da súa Historia e que emprendeu varias perigosas viaxes a través de Europa e Asia para completar as súas investigacións históricas; con todo, os críticos modernos advertiron varios erros sorprendentes que unha testemuña ocular non debería cometer.

Biblioteca histórica

Bibliotheca historica, 1746

A súa Historia, á que chamou Bibliotheca Historica, consta de 40 volumes, divididos en tres seccións:

  • A primeira sección (libros de I a VI) narra a historia por rexións xeográficas: historia e cultura de Exipto (libro I), Mesopotamia, India, Escitia e Arabia (libro II), África do Norte (libro III), así como Grecia e Europa (libros IV a VI).
  • Na seguinte sección (libros VII a XVII) conta a Historia do mundo desde a Guerra de Troia ata a morte de Alexandre Magno.
  • A última sección (libros XVIII a XL) trata dos acontecementos históricos desde a morte de Alexandre Magno ata o ano -60 ou ata o comezo da Guerra das Galias por Xulio César no -45 (o final está perdido e non está claro se Diodoro chegou ata o comezo desa guerra, como promete non prefacio da súa obra ou se, como suxire a evidencia, vello e canso de escribir, a terminou no -60).

Elixiu o nome de Bibliotheca en recoñecemento da multiplicidade de fontes que lle serviron para compoñer a obra. Entre os autores que puideron ser identificados figuran Hecateo de Mileto, Ctesias, Éforo, Teopompo, Xerome de Cardia, Duris de Samos, Diulo, Filisto, Timeo de Tauromenio, Polibio e Posidonio.

O uso liberal que fixo dos historiadores que o precederon articula a crítica negativa que se lle dá na edición de 1911 da Enciclopedia Británica:

Os erros de Diodoro proceden parcialmente da natureza da empresa, e da torpe forma de anais nos que verteu a porción histórica da súa narración. Non mostra ningunha das facultades críticas do historiador, limitándose a xuntar unha chea de detalles inconexos. A narración contén frecuentes repeticións e contradicións, fáltalle viveza e sóbralle monotonía. A mesma linguaxe, que se move entre o ático puro e o grego coloquial do seu tempo, permítenos detectar na narración os fragmentos sen dixerir dos materiais que empregou.

Moito máis comprensivo móstrase outro autor, C.H. Oldfather, quen escribiu na súa introdución á súa tradución de Diodoro:

Mentres que tales características exclúen a Diodoro de entre os historiadores máis capaces da Antigüidade, hai todas as razóns para crer que utilizou as mellores fontes e as reproduciu fielmente. O seu Primeiro Libro, que trata case exclusivamente de Exipto, é o relato literario máis completo da historia e costumes dese país logo de Heródoto. Os libros II a V cobren un espectro máis amplo, e debido á inclusión de abundante material mitolóxico, teñen un valor moito menor. No período do -480 ao -301, que desenvolve en forma de anais e cuxa fonte principal é a Historia Universal de Éforo, a súa importancia é variábel segundo se é a única fonte dispoñíbel dun período, ou se conservaron fragmentos doutros autores superiores. Ao medio século que vai do -480 ao -430, Tucídides dedícalle pouco máis de 30 capítulos; Diodoro cóbreo de forma máis completa (11.37 - 12.38), e é o único relato literario sen interrupción para a cronoloxía do período... Para os anos -362 - -302, Diodoro é outra vez a única fonte literaria ininterrompida, e ofrece o único relato cronolóxico de período de Filipo e completa aos escritores mencionados e a outras fontes contemporáneas en moitos aspectos. Para o período dos sucesores de Alexandre, -323 - -302 (libros XVIII a XX), é a principal autoridade e a súa historia do período adquire, xa que logo, unha importancia que non alcanza para os demais anos.

Como xa se indicou, a inmensa obra de Diodoro non se conservou intacta: temos os cinco primeiros libros e os numerados do X ao XX. O resto só nos chegou en fragmentos preservados en Focio e os resumos de Constantino Porfiroxénito.

A editio princeps de Diodoro foi unha tradución latina dos cinco primeiros libros, realizada por Poggio Bracciolli en Boloña en 1472. A primeira impresión do orixinal grego (en Basilea en 1535) contiña só os libros XVI a XX, e foi o traballo de Vincentius Opsopoeus. Todos os libros e fragmentos sobreviventes foron publicados só en 1559 por H. Stephanus en Xenebra.

Véxase tamén

Bibliografía

  1. Volume I: Libros I-III. Introdución, tradución e notas de Francisco Parreu Alasá, 2001. ISBN 978-84-249-2291-7. 
  2. Volume II: Libros IV-VIII. Tradución de Juan José Torres Esbarranch, 2004. ISBN 978-84-249-2732-5. 
  3. Volume III: Libros IX-XII. Tradución de Juan José Torres Esbarranch, 2006. ISBN 978-84-249-2858-2. 
  4. Volume IV: Libros XIII-XIV. Tradución de Juan José Torres Esbarranch, 2008. ISBN 978-84-249-0264-3. 
  5. Volume V: Libros XV-XVII. Tradución de Juan José Torres Esbarranch, 2012. ISBN 978-84-249-2333-4. 
  6. Volume VI: Libros XVIII-XIX-XX. Tradución de Juan José Torres Esbarranch, 2014. ISBN 978-84-249-2612-0. 

Ligazóns externas

Biblioteca histórica: