Desde principios de 2010 contou con algunha convocatoria co primeiro equipo, debutando o 27 de xaneiro nun partido de Copa do Rei fronte ao Sevilla no Sánchez Pizjuán, onde foi titular.[3] Debutou en Primeira División da man de Lotina o 20 de marzo nun partido entre o Deportivo e o Real Valladolid en Riazor (0–2). En xuño de 2010 renovou o seu contrato por tres anos máis.[4] Na tempada 2010/11 alternou partidos do Fabril con partidos do primeiro equipo, xogando con este último 15 encontros, e viviu o descenso dos dous equipos nas súas respectivas categorías.
Na tempada 2011/12 subiu ao primeiro equipo de xeito oficial, pero contou con poucos minutos no ano do ascenso a Primeira. Na campaña seguinte foi apartado do primeiro equipo durante a primeira metade da campaña, pola súa negativa a renovar o contrato. Finalmente, o 28 de xaneiro de 2013 renovou por 3 campañas máis e marchou cedido ao Córdoba CF, en Segunda División, até o final da tempada.[5]
Na 2013/14 xogou 26 partidos co Deportivo, de novo en Segunda e con Fernando Vázquez no banco, logrando o ascenso e marcando o seu primeiro e único gol co equipo branquiazul, no partido de Copa fronte ao Córdoba, o seu equipo a tempada anterior.[6] Na seguinte tempada non contou con ningunha oportunidade co técnico Víctor Fernández, polo que en xaneiro marchou cedido ao CD Lugo.[7][8] Disputou só nove partidos co equipo lugués, debido a unha lesión que o mantivo afastado dos terreos de xogo durante máis de dous meses.[9] Ao remate da tempada rescindiuse o seu contrato co Deportivo, despois de case unha década no club.[10]
Ponferradina (2015-2016)
Poucos días despois fichou pola SD Ponferradina, en Segunda, club que acabou perdendo a categoría ao remate da campaña.[11]
Dacia Chișinău (2017)
Estivo sen equipo na primeira metade da tempada 2016/17 ata que en febreiro de 2017 marchou a Moldova para fichar polo FC Dacia Chișinău, co que se proclamou subcampión da liga moldova en maio, permanecendo no club unha tempada máis.[12]
Racing de Ferrol (2020-2021)
En xaneiro de 2018 volveu a Galicia para fichar polo Racing Club de Ferrol, que loitaba por conseguir a permanencia en Segunda B, asinando polo que quedaba de tempada e dúas máis.[13] O equipo acabou por descender a Terceira, volvendo ascender ao ano seguinte, sendo Seoane un dos piares do equipo ao disputar case todos os minutos da tempada. Comezou a 2019/20 cunha lesión, e tras recuperarse foi titular en todos os partidos ata que a competición foi suspendida por mor da pandemia de COVID-19.[14]