Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
A desoxitimidina monofosfato, tamén chamada monofosfato de desoxitimidina ou ácido desoxitimidílico (ou desoxitimidilato), abreviada como dTMP, ou tamén timidina monofosfato ou TMP, é un nucleótido formado polo nucleósidodesoxitimidina esterificado cun fosfato[1]. A molécula consta do azucre desoxirribosa unido á base nitroxenadatimina por enlace N-glicosídico entre o carbono 1' do azucre e o nitróxeno en posición 1 da base, e un grupo fosfato esterificado no carbono 5'.
O nome da molécula con frecuencia abréviase coas siglas TMP, pero é máis exacto denominala dTMP, xa que realmente é un desoxirribonucleótido. O feito de que con frecuencia se use por economía TMP en vez de dTMP é porque non hai confusión con outros nucleótidos, xa que só aparece na forma desoxi formando parte do ADN e non hai un nucleótido similar con ribosa na célula, a diferenza do que ocorre cos outros nucleótidos nos que si hai que distinguir.
A principal función do dTMP é a de ser un dos nucleótidos que forman parte do ADN, xunto co dAMP, dCMP e dGMP. É característico do ADN ter un nucleótido con timina, xa que o ARN no seu lugar ten un nucleótido con uracilo. Os nucleótidos chegan á zona de replicación do ADN en forma de nucleótidos trifosfato, perden dous fosfatos en forma de pirofosfato e enlázanse á cadea do ADN en forma de nucleótidos monofosfato.