De La Rue plc (De La Rue public limited company) é unha compañíabritánica con sede en Basingstoke, Inglaterra, que produce impresións de seguridade, así como solucións dixitais e físicas para protexer bens, comercio e identidades en 140 países.[2]
A súa división de moeda deseña e produce papel moeda, substratos de polímero seguros e elementos de seguridade para billetes, como hologramas, fíos e outros sistemas de protección, para diversos bancos centrais autoridades emisoras de moeda.[3]
A súa división de autenticación produce selos fiscais, protección de marcas e solucións de seguridade para documentos de identidade, como páxinas de datos de policarbonato para os pasaportes.[4]
De La Rue cotiza na Bolsa de Londres e é o maior impresor comercial de billetes do mundo.[5]
Historia
A compañía foi fundada por Thomas de la Rue, que se trasladou en 1821 de Guernesey a Londres, onde se estableceu como fabricante de sombreiros de pallaLeghorn e, posteriormente, como papeleiro e impresor.[6]
En 1831, De la Rue acadou unha concesión (Royal Warrant) que lle outorgaba o dereito para a fabricación de naipes. En 1855 comezou a imprimir selos de correos e en 1860billetes de banco.[6] O primeiro papel moeda producido pola compañía foi para a illa Mauricio.[7] En 1896, a sociedade familiar converteuse nunha empresa privada.[6]
En 1921, a familia De la Rue vendeu as súas participacións na compañía, e esta comezou a cotizar na Bolsa de Londres en 1947.[6] Daquela a súa denominación era Thomas De La Rue & Company, Limited, e en 1958 cambiou a The De La Rue Company Limited. En 1968, a compañía cinematográfica británica Rank Organisation presentou unha oferta pública de adquisición de De La Rue, que foi rexeitada pola Comisión de Monopolios por considerar a operación contraria ao interese público.[8] En 1991, a empresa cambiou unha vez máis o seu nome, para se simplificar en De La Rue plc.[6]
En 1965, De La Rue creou unha empresa conxunta co impresor e inventoritaliano Gualtiero Giori, chamada De La Rue Giori. Con sede en Suíza, a empresa especializouse na construción de equipamentos de impresión de papel moeda.[9] Esta compañía imprimiu billetes para o Banco Central de Irán durante a década de 1960.[10]
En 1995, a compañía adquiriu Portals Limited, que cotizaba no mercado de valores londiniense desde 1904. Durante case 300 anos, Portals fora un dos principais fabricantes de papel moeda do mundo, e encargárase da súa produción para o Banco de Inglaterra desde 1724.[11]
En 1997, De La Rue adquiriu tamén Harrison and Sons, a planta de impresión de selos e billetes de High Wycombe, que pechou definitivamente en 2003.[12]
A principios de 2002, De La Rue comprou por 23 millóns de dólaresSequoia Voting Systems, unha compañía con sede en California que era un gran provedor de sistemas de votación electrónica nos Estados Unidos.[13] Logo de perder diñeiro durante tres anos nun negocio moi arredado das liñas tradicionais da empresa, en marzo de 2005Sequoia foi vendida a Smartmatic, unha multinacionaltecnolóxica que desenvolvera sistemas electorais avanzados, entre eles máquinas de votación.[14]
Logo da filtración dos coñecidos como Papeis de Panamá, xurdiu a polémica ao se revelar que desde 2002 ata 2010, De La Rue contratara en segredo o empresario de Nova Delhi Somendra Khosla para obter contratos en troques dunha comisión do 15 %.[15][16][17][18]
En 2003, a compañía asumiu a contrata das operacións de impresión dos billetes do Banco de Inglaterra, na planta situada en Debden, no condado de Essex.[19] En 2003 e 2004, De La Rue subministrou igualmente billetes a Iraq.[20][21]
A compañía foi recoñecida como modelo para outras pequenas e medianas empresas por Hermann Simon no seu libroHidden Champions ("Campións ocultos"), publicado en 2009.[22] Outra publicación, de 2011, escrita por Peter Pugh e titulada The Highest Perfection, recolle unha historia da compañía De La Rue ata o ano 2003.[23]
En 2016, a división de xestión de efectivo (Cash Processing Systems) foi vendida a Privet Capital e en decembro dese mesmo ano De La Rue anunciou a compra dunha nova división, DuPont Authentication.[24][25]
En marzo de 2018, a compañía vendeu o negocio do papel e conservou unha participación do 10 % no novo negocio, Portals International Limited.[26] O mes seguinte, De La Rue decidiu recorrer a decisión do Goberno británico de fabricar os pasaportes en Francia,[27] aínda que finalmente non seguiu adiante co recurso.[28]
O 26 de xullo de 2019, a Oficina de Fraudes Graves abriu unha investigación a De La Rue plc por sospeitas de corrupción en Sudán do Sur. Máis tarde decidiuse pechar o caso.[29][30]
En outubro de 2019, a compañía vendeu o seu negocio de solucións de identidade a HID Global por 42 millóns de libras.[31]
En abril de 2023 anunciouse que o presidente da compañía, Kevin Loosemore, presentaría a súa dimisión en no mes de maio, para "pór fin ás recentes especulacións en torno ao liderado da empresa", polo que o consello da empresa emprendeu a procura do seu substituto.[32] De xeito interio, Nick Bray ocupou o seu posto.[33]
Operacións actuais
Billetes de banco
De La Rue produce billetes de alta seguridade totalmente acabados, así como substrato de polímero e elementos de seguridade para máis de 69 sistemas monetarios nacionais.[5][34]
Fabricación de papel e impresión de seguridade
A compañía tamén produce outros documentos de seguridade, entre eles selos fiscais.[34]
Produtos de épocas anteriores
Selos de correos
A empresa tamén imprimiu selos postais para o Reino Unido e algúns dos seus territorios, así como para outros países, como Italia ou Perú, e para os Estados Confederados de América. Algúns selos moi famosos no ámbito filatélico, como os triangulares do Cabo de Boa Esperanza, foron impresos por De La Rue & Co. despois de que Perkins Bacon perdera a confianza das autoridades postais da época.[35]
Instrumentos de escritura
De La Rue afirma ter desenvolvido a primeira pluma estilográfica práctica en 1881 e posteriormente foi un dos principais fabricantes destes artigos de Gran Bretaña. Os produtos comercializábanse baixo a marca Onoto. A produción de plumas estilográficas de De La Rue cesou en Gran Bretaña en 1958, aínda que continuou uns anos máis en Australia.[36]
Barallas
En 1843, De La Rue estableceu o seu primeiro comercio no estranxeiro, xa que o irmán de Thomas De la Rue, Paul, viaxou a Rusia para asesorar sobre a fabricación de naipes. Os deseños de barallas de Thomas de la Rue son a base do deseño estándar moderno. O negocio de naipes vendéuselle a John Waddington en 1969.[37][38]
Xogos de mesa
Na década de 1930, De La Rue creou varios xogos de mesa; entre eles, un xogo de crícket chamado Stumpz, do que se produciron varias edicións, e tamén o xogo Round The Horn, que recreaba a carreira anual de barcos mercantes de vela, cargados de gran, que ía de Australia a Londres. Os xogos estaban formados por compoñentes de alta calidade e utilizaban naipes como parte do seu conxunto.[39]