The Economist é unha publicación semanal en lingua inglesa con sede en Londres, que aborda a actualidade das relacións internacionais e da economía desde un marco global. O seu primeiro número foi publicado o 2 de setembro de 1843 baixo a dirección de James Wilson. Aínda que por razóns históricas se define a si mesma como un xornal, o seu formato actual aseméllao ao dunha revista.
A publicación pertence a The Economist Group, unha sociedade editorial controlada no 50 % polas familias Rothschild e Agnelli.[3] O outro 50 % das accións son propiedade de investidores privados, incluíndo os traballadores da revista.[4] O cadro está formado por máis de 75 xornalistas procedentes de todo o mundo. Un consello editorial encárgase de elixir o redactor xefe, que non pode ser cesado sen o seu consentimento.
The Economist segue unha liña editorial liberal que apoia a liberdade económica, o libre comercio, a globalización, a inmigración e o liberalismo cultural, e que foi definida por eles mesmos como "un produto do liberalismo de Adam Smith e David Hume".[5] Entre outros obxectivos, busca influír nos cargos de responsabilidade política e económica, polo que o seu público destinatario é de clase alta familiarizado coa linguaxe económica. A publicación foi recoñecida no ámbito do xornalismo polo rigor e a excelencia dos seus artigos,[6][7] que adoitan non ir asinados, facéndose responsable da información presentada o consello editorial.[8]
Historia
The Economist foi fundado por James Wilson, banqueiro e empresario escocés, co obxectivo de esixir a derrogación do arancel á importación de grans (Corn Laws) e defender o libre comercio.
O 5 de agosto de 1843, Wilson publicou un prospecto en que se rexistraba o nome da cabeceira, o formato de semanario publicado cada domingo e unha liña editorial liberal que cubriría a actualidade informativa, non só no ámbito económico senón tamén en asuntos de interese xeral. Como lema propuña defender a existencia dese medio "para facer parte na contenda entre a intelixencia, que fai presión cara a adiante, e a indigna e tímida ignorancia que obstrúe o progreso".[13]
O naturalista Herbert Spencer foi o subdirector desde 1848 ata 1853. Pola súa parte, entre 1861 e 1877 o redactor xefe foi Walter Bagehot, xenro de Wilson. Neses anos, The Economist especializouse en actualidade política e económica, aumentando a súa influencia nos círculos de poder de Londres. Non obstante, a súa tiraxe estaba limitada a 10 000 exemplares na capital británica, algo que se mantivo ata comezos do século XX.[14]
The Economist non adquiriu un papel relevante no estranxeiro ata a segunda guerra mundial. Geoffrey Crowther, redactor xefe entre 1938 e 1956, apostou entón pola actualidade internacional e estableceu unha sección exclusiva sobre os Estados Unidos. Desde eses anos, a publicación reforzou a difusión e cobertura informativa nos cinco continentes; así, a circulación de exemplares creceu dos 100 000 semanais en 1970 a máis de 500 000 en 1992, e superou o millón na década de 2000.[14]
Liña editorial
Cando se fundou The Economist no século XIX, a palabra "economista" era empregada para definir o liberalismo económico. Hoxe en día, considérase unha publicación de filosofía liberal que apoia o libre comercio, a globalización, a libre circulación de persoas, o liberalismo cultural e a liberdade individual. Ademais, propón que o goberno deba manterse o máis afastado posible dos individuos e da empresa privada. De acordo con Bill Emmott, editor entre 1993 e 2006, "The Economist sempre foi liberal e non conservador",[15] e non está adscrito a ningunha corrente política, o que lle permite unha liña editorial flexible; nalgunhas ocasións defendeu políticas keynesianas, sempre e cando as mesmas sexan "razoables" para o contexto en que se aplican, e mesmo avogaron por un imposto sobre o carbono para combater o quecemento global.[16]
Karl Marx era lector da cabeceira, que definía como "o órgano da aristocracia financeira".[17]
The Economist dedica a maioría das súas páxinas a cubrir a actualidade política, económica e internacional. As cinco seccións principais son Countries and Regions (Países e rexións), Business (Negocios), Finance and Economics (Finanzas e economía), Science and Technology (Ciencia e tecnoloxía) e Other (Outros), en que se inclúen recensións de libros e necrolóxicas. Ademais, dentro de cada sección hai columnas de opinión.
Na epígrafe económica, está especializada en táboas estatísticas e índices propios con reputación a nivel internacional. O máis coñecido é o índice Big Mac, publicado por primeira vez en 1986, que compara o poder adquisitivo de distintos países a través do prezo dun Big Mac, a hamburguesa máis emblemática de McDonald's.[23]
Existe unha sección de cartas ao director, téndose en conta as opinións de personalidades influentes ou afectadas por un artigo de números anteriores. Por exemplo, un informe sobre a responsabilidade social corporativa publicado en 2005 provocou a protesta de diversas organizacións, entre elas Oxfam, o Programa Mundial de Alimentos e o presidente de BT Group, que atoparon nesta sección o seu dereito a réplica.[24] De igual modo, Amnistía Internacional contestou en 2007 unha reportaxe da publicación en que criticaban o seu labor.[25] As cartas ao director sempre van asinadas.
Estilo
Por tradición, The Economist non asina os seus artigos, xa que o consello editorial se fai responsable colectivamente da información.[8] Se unha reportaxe foi elaborada por máis dun autor, aclárase en que cidades se recolleron datos.
A publicación presupón que os seus lectores están familiarizados cos conceptos básicos da economía e cos seus actores máis coñecidos a nivel internacional. Moitos dos seus artigos están escritos cun estilo agudo e sentido do humor, especialmente notable nas portadas (con fotomontaxes e xogos de palabras) e nos pés de foto das imaxes.