Nado como Daniel Foe, fillo dun comerciante presbiteriano, máis tarde engadiu un De aristocrático como o seu pseudónimo. Despois de rematar os seus estudos e coa oposición do seu pai que quería que entrase na carreira eclesiástica, tentou varios negocios que foron un fracaso ata que casa cunha rica herdeira en 1684, pero en 1692 entra en prisión por bancarrota, pero consegue recuperarse e en 1696 dirixía unha factoría de lousas.
Tras escribir o panfleto The Shortest Way with Dissenters, no que satirizaba a política dos conservadores ingleses contra os disidentes foi arrestado o 31 de xullo de 1703 e exposto na picota durante tres días, logo do que acabou na prisión de Newgate. Robert Harley, o primeiro ministro, ofreceulle a liberdade a cambio da súa colaboración como axente da intelixencia, fundou o xornal A Review of the Affairs of France en 1704 e apoiou o ministerio de Harley, cando Harley perdeu o poder en 1713 continuou escribindo en apoio de Godolphin, e de novo apoiou a Harley no ministerio tory de 1710 a 1714. Trala morte da raíña Ana e a entrada no goberno dos liberais, seguiu a facer traballo de intelixencia para eles. En 1706 estivo en Edimburgo como axente secreto para facer todo o posible para que se asinara o Tratado de Unión de 1707 con Escocia.
Robinson Crusoe (1719) é a novela máis coñecida de Defoe, conta a historia dun náufrago nunha illa deserta e as súas aventuras, o relato baséase na historia real de Alexander Selkirk na illa de Juan Fernández. Moll Flanders (1722) é unha novela picaresca, que conta a caída e redención dunha muller inglesa no século XVIII.
En total atribuíronse á súa autoría 545 títulos, entre panfletos, poemas satíricos e obras literarias