A clementina[1] (Citrus x clementina) é un froito cítrico híbrido, proveniente da hibridación entre a mandarineira e a laranxeira amarga, de onde provén ese característico sabor agre, pero á vez tamén doce. A clementina é coma unha mandarina de forma arredondada coa tona de cor laranxa escura, unha polpa zumarenta, xeralmente sen pebidas e de sabor doce[2].
Historia
Disque a orixe das clementinas foi unha hibridación accidental descuberta polo padre Clément Rodier a finais do século XIX. No xardín de laranxeiras amargas do seu orfanato en Misserghin, preto de Orán, Alxeria[3] atopou un pé diferente a todos os demais que botaba un máis doce, do que gustaban moito os rapaces do orfanato. Na honra do freire, púxoselle o nome ao froito. O nome Clemente, á súa vez viría do latín clemens, -ntis, ‘clemente’, cognome romano, habitual na época cristiá, e empregado por dezasete papas e varios santos[4].
Con todo, hai outros autores que opinan que se orixinou na China moito antes. James Saunt comenta "Algunhas autoridades cren que é virtualmente idéntica á variedade coñecida como Mandarina do Cantón cumpridamente cultivada nas provincias chinesas de Guangxi e Cantón."[5]
Outras clasificacións establecen as clementinas como mandarinas sen pebidas ou sementes, debido ao feito de seren froita híbrida.
Características
O froito das clementinas é un hesperidio. O froito é oval e pequeno, cunha monda delgada, lisa e brillante de cor laranxa intenso. Estónase doadamente e unha vez feito, pódese separar facilmente en zumentos cuarteiróns en número de oito a catorce. O froito non contén normalmente sementes (pebidas), o cal é unha característica moi apreciada.
Nalgúns países non se diferencian as clementinas das mandarinas: en alemán denomínaselle normalmente "Mandarine". Con todo non debe ser confundido con froitas semellantes como a popular satsuma, que é outro nome da xaponesa mikan.
Este tipo de cítrico introduciuse en California para o seu cultivo en 1914, aínda que xa se cultivou experimentalmente desde 1909 no Citrus Research Center da Universidade de California, Riverside. As clementinas cultiváronse tradicionalmente en Marrocos e España, estando no comercio de Europa dende hai moitos anos. Nos Estados Unidos creouse un mercado para este tipo de froita, cando o frío inverno de 1997 en Florida arrasou as plantacións de laranxa, incrementando o prezo destas e diminuíndo a súa dispoñibilidade. As clementinas de California están no mercado desde mediados de novembro até finais de xaneiro, por iso en certas zonas coñécense como "laranxas de Nadal".
As clementinas perden a súa característica de ser froitos sen sementes cando as abellas fertilizan as súas flores con pole doutras especies de cítricos achegadas. Por iso é frecuente que haxa disputas entre cultivadores de clementinas e apicultores que teñen as súas abellas nas inmediacións das leiras.
Antioxidantes
Como en todos os cítricos, o limoneno é un dos principais compoñentes dos óleos das clementinas. Outros constituíntes son: linalol, α-terpineol, α-pineno, β-pineno e mirceno.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas