Bertel Tingström, nado o 27 de xuño de 1912 en Gotemburgo, e finado o 27 de xaneiro de 2004 en Uppsala, foi un numismático sueco, especializado nas moedas-placa de cobre suecas e moi coñecido como divulgador do coñecemento numismático a través dos medios de comunicación de masas do seu país.[1]
Traxectoria
Tingström naceu en Gotemburgo aínda que, aos seus seis anos, a súa familia fixou a súa residencia en Malmö. Nesa cidade recibiu a educación primaria e en 1930 matriculouse na Escola Xeral Superior (Högre Allmänna Läroverket) para cursar o ensino secundario, que completou na Escola de Secundaria de Comercio (Handelsgymnasium), tamén de Malmö.[2]
No curso 1931-1932 ingresou na Escola de Artillaría e en 1933 na Academia Militar de Karlberg, en Solna, onde en 1934 acadou o rango de alférez do exército sueco. Como militar participou na segunda guerra mundial e en 1945 ascendeu a capitán.[2]
No mundo civil, desenvolveu a súa actividade profesional no sector dos seguros, no que se mantivo desde 1935 ata a súa xubilación en maio de 1977. No exercicio da súa profesión residiu en diversas cidades suecas, entre elas Malmö e Halmstad. Entre 1948 e 1953 estivo destinado en Estocolmo e ese último ano trasladouse a Uppsala, onde ocupou o posto de director rexional da compañía na que traballaba.[2]
Tingström numismático
A afección de Tingström pola numismática comezou como coleccionista na súa infancia e o interese polo coñecemento nesta materia acompañouno durante toda a súa vida. Durante a súa estadía en Malmö formou parte da Sociedade Numismática de Escania e ao chegar a Estocolmo en 1948 ingresou na Sociedade Numismática Sueca, na que ocupou diversos postos directivos durante os 55 anos que permaneceu nela e da que chegou a ser nomeado membro honorario en 2002.[3] Como membro desta sociedade foi o seu representante na Fundación Numismática Sven Svensson e na Unión Numismática Nórdica.[2]
Entre outras entidades, Tingström foi tamén socio fundador do Club Numismático de Uppsala en 1969, entidade que presidiu durante varios anos.[2][4]
Logo da súa xubilación en 1977, en setembro dese mesmo ano matriculouse na Universidade de Uppsala, dotada dun recoñecido gabinete numismático, onde acadou a súa graduación en Historia e Historia Económica. En 1984 logrou o seu doutoramento coa defensa dunha tese acerca dun tema no que foi especialista: o papel das moedas-placa de cobre suecas como medio de pagamento nos séculos XVII e XVIII.[5][6]
Tingström acadou un sólido coñecemento da numismática sueca e fíxose moi popular como divulgador a partir da súa participación en 1961 nun coñecido programa da televisión do seu país.[2] Á parte das súas obras en forma de artigos e monografías, Tingström foi o responsable en materia numismática da Enciclopedia Nacional Sueca (Nationalencyklopedin) e a el débenselle numerosas contribucións nesta publicación enciclopédica. Por outra banda, Tingström foi o creador do Museo da Moeda de Avesta en 1983, institución que dirixiu ata 1996, cando foi sucedido por Ian Wiséhn.[7] Ademais, a el encomendóuselle a catalogación do importante achado de moedas-placa de cobre suecas resultado do naufraxio do buque Nicobar, nas costas de Suráfrica.[6][8]
Bertel Tingström faleceu en Uppsala o 27 de xaneiro de 2004 e foi soterrado en Visingsö.[6] Na súa memoria, a Sociedade Numismática Sueca emitiu en 2010 unha medalla conmemorativa en bronce.[9]
Recoñecementos
Publicacións
Monografías
Esta é unha escolma das monografías máis significativas da carreira numismática de Bertel Tingström:[15]
Notas
- ↑ Lagerqvist, Lars O.; Wiséhn, I. (2004).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Lagerqvist, Lars O.; Wiséhn, I. (2004). Páxina 66.
- ↑ "SNF:s hedersledamöter". Svenska Numismatiska Föreningen.
- ↑ Olsson, S-E. "Numismatiska Klubben i Uppsala 1969 - 1999". Numismatiska Klubben i Uppsala.
- ↑ Véxase (1984) en "Publicacións".
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Lagerqvist, Lars O.; Wiséhn, I. (2004). Páxina 67.
- ↑ Véxase (1995) en "Bibliografía".
- ↑ Véxase (1999) en "Bibliogr
afía".
- ↑ "Medalj från SNF till minne av Bertel Tingström". Svenska Numismatiska Föreningen.
- ↑ "SNF:s förtjänstmedalj". Svenska Numismatiska Föreningen.
- ↑ "SNF:s Elias Brenner-medalj för förtjänsterinom numismatiken". Svenska Numismatiska Föreningen.
- ↑ SNY Yhteenveto 1914-2020. Suomen Numismaattinen Yhdistys ry. 2020. Páxina 16.
- ↑ "Bertel Tingström hedrad". En Svensk Numismatisk Tidskrift. 5. Setembro de 1998. Páxina 125.
- ↑ "Gunnar Holstspriset till Bertel Tingström". En Svensk Numismatisk Tidskrift. 8. Decembro de 1999. Páxina 186.
- ↑ "Tingström, Bertel 1912-2004". WorldCat Identities.
Véxase tamén
Bibliografía