O departamento de Aude foi un dos oitenta e tres creados o 4 de marzo de 1790, en aplicación da lei do 22 de decembro de 1789. As súas fronteiras abarcan o que anteriormente foi unha parte da provincia de Languedoc.
Punto máis alto: Pic du Madrès (2.469m). Punto máis baixo: 0m (costa mediterránea)
Estrada máis alta: Col du Pradel (1.679m)
Outros cumios: Pic du Bernard-Sauvage (2.423m), Picaucel (2.027m), La Glèbe (2.024m)
Maior lagoa: Étang de Bages-et-de-Sigean (45 km²)
Estanques salgados: Étang de Salses-Leucate (110 km², compartido cos Pireneos Orientais), Étang de Gruissan (25 km²), Étang de l'Ayrolle e Étang de Campignol (16 km² entre ambos), Étang de Lapalme
Lagos de l'Estrade e Étang de Pissevaches
Desfiladeiros da Pierre-Lys, Gorges de Galamus, da Frau, do Orbieu, do Aude
Grutas de Limousis, de Laguzou, de Cabrespine (sima xigante)
Clima
O clima de Aude é predominantemente mediterráneo.
O outono caracterízase por tormentas violentas e rápidas.
O verán é a miúdo cálido e seco, o que favorece o cultivo da vide e a oliveira. Mais, o departamento é unha terra de contrastes:
No norte, a Montagne Noire (montaña negra) e, no sur, o país de Sault teñen climas de montaña, con temperaturas ás veces moi baixas en inverno.
No oeste, o clima é de tipo aquitano, con precipitacións máis importantes, mentres que no leste o clima é puramente mediterráneo.
No centro, na rexión Limouxine, Carcassonnaise e do Razès, o clima é intermedio, con exposicións importantes aos ventos. Os ventos están a miúdo presentes no Aude. É un dos departamentos franceses máis ventosos con 300 a 350 días de vento por ano. Este fenómeno débese principalmente aos relevos setentrionais e meridionais que forman un corredor.
No noroeste sopra o Cers, chamado Tramontane na Provenza, que é un vento de terra. É un vento seco e violento e frío en inverno. Ao contrario, sopra o Autan que é cálido e húmido e procede do mar ao sueste. Estes ventos regulares permitiron instalar centrais eólicas como en Avignonet-Lauragais.