Licenciado en Antropoloxía, trasladouse para proseguir os seus estudos nos Estados Unidos pero debido a tempos de guerra no seu país tivo que permanecer alí, podendo seguir estudando e impartindo clases en diferentes universidades de gran prestixio. Dende 1991 pertenceu a organismos internacionais como o Banco Mundial ou a ONU, entre outros como foros ou conferencias, nos que ocupou algúns cargos. En 2001 trala caída do réxime talibán, regresou a Afganistán e entrou en política sendo asesor do presidente Hamid Karzai e un ano máis tarde foi nomeado como Ministro de Finanzas. Durante o seu mandato como ministro de Finanzas, deseñou un paquete de reformas e iniciou varios programas de investimento público que levaron a melloras significativas nas condicións de vida dos afgáns en todo o país. En 2004, negouse a pertencer ó novo goberno e pasou a ser Chanceler da Universidade de Cabul, até 2008. Posteriormente presentouse como candidato independente ás Eleccións presidenciais de 2009 quedando en cuarto lugar.
Presidencia de Afganistán (2014-2021)
Volveu presentar a súa candidatura para a Presidencia de Afganistán en 2014. Logrou pasar á segunda volta ao conseguir o 31,56% dos votos (2 084 547) fronte a Abdullah Abdullah que quedou como candidato máis votado co 45% ( 2 972 141 votos). Mais na segunda volta, Ghani foi elixido presidente ao acadar o 55,27% dos votos fronte os 44,73% de Abdullah.[1] As eleccións estiveron marcadas pola violencia e polas acusacións de fraude, con todo, unha vez verificados os resultados,[2] Ghani formou un goberno de coalición co tamén candidato Abdullah Abdullah quedando este último como Primeiro Ministro de Afganistán.[3][4]
No relativo ás relacións exteriores procurou cultivar relacións cordiais cos veciños. A primeira visita como xefe do Estado foi a China, da que conseguiría axudas económicas por valor de 327 millóns de dólares.[5] Tamén asinou un tratado de comercio con Uzbekistán[6] e co apoio de Irán fíxose unha conexión ferroviaria entre a cidade afgá de Herat e a iraniana de Khaf.[7] Doutra parte, durante o seu mandato, Ghani, inaugurou o edificio do Parlamento e o encoro de Salam, ambos financiados polo goberno indio,[8][9] de quen conseguiría máis apoio para a construción de infraestruturas como unha nova presa preto de Cabul.[10] Porén, con Paquistán foi máis complexo, isto foi debido a que Afganistán sospeitaba que dende aló operaban os talibáns e Ghani cuestionou publicamente a vontade do goberno paquistaní de rematar con esa situación.[11] Ademais, o seu mandato coñeceu unha recrúa das accións dos insurxentes talibáns: estes, ademais, de atentado terroristas, foron ocupando territorio afgán. En 2018, logrouse unha tregua de tres días polas festividades de Eid al-Fitr e logo coa de Eid al-Adha.[12][13] Malia á esperanza de que elas favorecesen un diálogo entre goberno de Ghani e os talibáns, estes últimos rexeitaron a negociación.[14]
Os Estados Unidos e os talibáns conseguiron un acordo de paz en 2020, polo que os Estados Unidos e a OTAN fixaron en 14 meses o prazo para retirada de Afganistán.[15][16] Ghani resultou reelixido o 17 de maio de 2020 nun contexto marcado pola escalada de violencia cos talibáns e a pandemia de COVID-19, volvéndose a impoñer a Abdullah Abdullah.[17] Aínda que inicialmente Ghani se negara a liberar os 5 000 presos talibáns que o acordo entre estes e os Estados Unidos recollían,[18] finalmente fíxoo e asegurou respectar os plans estadounidenses.[19][20]
Fuxida de Afganistán
A retirada definitiva dos soldados dos Estados Unidos foi adiada polo presidente Joe Biden ata o 11 de setembro de 2021, facéndoa coincidir co vixésimo aniversario do 11S. Con todo, no verán de 2021, os talibáns protagonizaron un rápido avance tomando en poucas semanas a maioría das provincias de Afganistán. Así, cando os insurxentes estaban ás portas de Cabul, Ghani abandonou o país.[21] Tres días despois, os Emiratos Árabes Unidos recoñeceron que lle deran acollida a Ghani e a súa familia por "razóns humanitarias".[22] Dende alí, xustificou a súa fuxida coa idea de evitar un baño de sangue e apoiou as negociacións do seu predecesor, Hamid Karzai, cos talibáns.[23] Ademais tamén negou a acusacións de que se apropiase de cartos públicos, como sinalaba o embaixador afgán en Tadjiikistán.[24] Paralelamente, a vicesecretaria de Estado dos Estados Unidos afirmou que Ghani "non era xa un axente relevante en Afganistán".[25]. O 15 de febreiro de 2022 a ONU eliminou o seu nome da lista de xefes de Estado[26].