Alexander Kuprin |
Nome orixinal | (ru) Александр Иванович Куприн |
---|
|
Nacemento | 26 de agosto de 1870 (Xuliano) Narovchat, Rusia (en) |
---|
Morte | 25 de agosto de 1938 (67 anos) San Petersburgo, Rusia |
---|
Causa da morte | cancro |
---|
Lugar de sepultura | Literatorskie mostki |
---|
Educación | Second Moscow Cadet Corps (en) Alexandrov Military School (en) |
---|
|
Campo de traballo | Prosa |
---|
Ocupación | escritor, poeta, escritor de literatura infantil, prosista, guionista, aviador, novelista, escritor de contos |
---|
Período de actividade | 1889 - 1934 |
---|
Xénero artístico | Conto, novela curta, sketch story (en) , Folletín, xornalismo de opinión e ficción especulativa |
---|
Movemento | Naturalismo |
---|
|
Obras destacables |
|
Cónxuxe | Q15107942 (1907–) |
---|
Fillos | Kissa Kouprine |
---|
|
|
Sinatura |
|
Descrito pola fonte | Concise Literary Encyclopedia (en) , (vol:3, sec:Куприн) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
---|
|
Alexander Ivanovich Kuprin, en cirílico Александр Иванович Куприн, nado en Narovtchat o 7 de setembro de 1870 e finado o 25 de agosto de 1938 en Leningrado, actual San Petersburgo, foi un escritor ruso. Entre as súas obras máis salientables atópanse os relatos Moloch (1896), Olesia (1898), O Duelo (1905), Esmeralda (1907), e O brazalete de granates (1911).[1]
Traxectoria
Kuprin foi fillo dun funcionario e dunha nobre empobrecida da familia de orixe tártara dos príncipes Kulanchakov. O pai morreu sendo el neno, e Kuprin e súa mai trasladáronse a Moscova, onde o futuro escritor estudou entre 1877 e 1880 nun ximnasio privado, completando os seus dez anos seguintes de formación, ata 1890, en diversas escolas militares, preparándose para ser oficial do exército. En 1894 deixou a carreira militar, despois dun incidente cun policía que provocou que fora reprendido polos seus superiores, e comezou unha longa serie de traballos entre eles periodista nun diario provincial, actor (mesmo nun circo), cantante de igrexa e cazador. Establecido en Kíiv, dedicouse xa en exclusiva á literatura, publicando relatos e ensaios en varios periódicos da capital ucraína, entre eles un ciclo de narracións marcadas polo forte realismo e centradas nas vidas das xentes correntes da súa contorna. En 1899 coñeceu a Anton Chekhov que influíu poderosamente na súa obra. O ano 1901, Kuprin trasladouse a San Petersburgo, onde ía escribir algunhas das súas mellores obras, entre elas, "No circo" (1902), moi louvada por Lev Tolstoi.
En 1902 comezou a amizade con Maxim Gorki, ó que dedicou a novela O Duelo (1905). Kuprin simpatizou coa primeira revolución rusa (1905-1907), que inmortalizou nalgunhas das súas obras. En 1905 atopábase en Sebastópol cando o vicealmirante Chukhnin reprimiu a insurrección dos mariñeiros do cruceiro Otchakov e axudou persoalmente a salvar de afogarse a algúns dos mariñeiros sobreviventes.
Tralo fracaso da revolución, Kuprin afastouse de Gorki e o seu círculo, cualificando posteriormente esa época da súa vida como "período das grandes decepcións". O relato de espías O xove Capitán Rybnikov (1906), considerada por algúns a súa obra máis perfecta, marca o inicio dunha época de menor dedicación á literatura, que coincide coa vida cada vez máis disipada do autor, que pasaba boa parte do seu tempo en tabernas e bordeis. Malia iso, segue a escribir e produce obras mestras como Sulamif (1908), A voda (1908) e "O brazalete de granates" (1911). Fixo unha longa viaxe polo oeste de Europa, reflectida na colección de contos de viaxes A costa azul vidrada (1912). Entre 1909 e 1915 apareceron as dúas partes da súa novela O foxo, na que describe cun naturalismo descarnado a vida cotiá das prostitutas rusas.
Despois da Revolución de Outubro de 1917 traballou na editorial "Literatura do mundo", fundada por Gorki, publicando artigos nos que por un lado glorificaba a revolución e ós seus líderes, e por outro amosaba os seus temores perante a "barbarie cultural" dos bolxeviques. En decembro de 1918 Kuprin entrevistouse con Lenin ó que propuxo a publicación dun xornal cultural. No outono de 1919 atopábase na poboación de Gatchina, nos arrabaldes de San Petersburgo, cando esta foi cercada polas tropas contrarrevolucionarias do xeneral Iudenich. Kuprin decidiu aproveita-la situación para emigrar coa súa familia, reacción non se sabe se meditada previamente ou non. Dende finais de 1919 viviu principalmente en París, onde tomou parte nas actividades políticas dos rusos emigrados e escribiu artigos e panfletos antisoviéticos. Dende mediados dos anos vinte foise retirando da actividade política buscando os medios de sacar á súa familia da situación precaria na que se atopaba, agravada polo alcoholismo do escritor. Escribiu numerosas obras por encargo, incluídos contos, ensaios históricos e descricións da paisaxe rusa.
En maio de 1937, no momento culminante da Gran Purga, regresou a Moscova, xa moi enfermo. Kuprin, que nunca acabou de superar o afastamento da súa terra, desexaba probablemente ser enterrado nela. Segundo a versión oficial, Kuprin aceptara os postulados do socialismo. Foi recibido cordialmente, concedéuselle unha vivenda propia e levantouse a prohibición da publicación das súas obras. Morreu na primavera de 1938 en Leningrado e está enterrado a carón doutros escritores no cemiterio de Volkovo da antiga capital rusa. Un planeta menor, descuberto polo astrónomo soviético Nikolai Stepanovich Chernykh en 1979, recibiu o nome de 3618 Kuprin, en recordo do escritor.
Kuprin como escritor
Kuprin foi un dos derradeiros representantes do realismo ruso que se ocupou do tema das inxustizas da sociedade protocapitalista e centrou a súa atención nas capas baixas da sociedade. A súa obra desenvolveuse so as influencias conxuntas de Tolstoi e Chekhov e , durante un período, a de Gorki. Entre 1907 e 1917 escribiu dentro das correntes naturalistas, que rexeitaría posteriormente. Kuprin interesouse pola psicoloxía do "home corrente" e polas situacións cotiás da vida. Foi un escritor de inclinacións humanistas, que pasou contas co seu pasado da academia militar en numerosas obras coma nos libros "Os cadetes"(1900) ou "Junker" (1928-1932). As súas obras máis logradas son os relatos curtos, onde poucas frases lle abondan para desenvolver personaxes e contornos e xogar coas asociacións.
O seu amor pola natureza (dentro dos seus primeiros contos hai varios dedicados a cabalos e outros animais) e os acontecementos que o afectaron, forneceron o material para as súas narracións. Mostra do primeiro son contos coma "A caza das pitas do monte", "O lobisome" ou "O bosque escuro"; do segundo, os relatos "O lostrego negro", "O capitán Rybnikov", "O río da vida", e "Kismet". Durante os anos en Francia escribiu elocuentes descricións da súa terra de acollida.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- V.Afanasiebv. Kuprin. Relato crítico-biográfico Moscova, 1960. (en ruso).
- Fedor Kuloshov: Tvorcheskii put’ A.I. Kuprina. MVSSO, Minsk 1963.
- Nicholas J. Luker: Alexander Kuprin. Twayne Publishers, Boston, Mass. 1978, ISBN 0-8057-6322-8.
Outros artigos
Ligazóns externas