O primeiro scaRNA que se identificou foi o U85.[1] Difire dos ARN nucleolares pequenos típicos en que está composto por unha mestura de snoRNA de caixa C/D e de caixa H/ACA e pode guiar tanto a pseudouridilación coma a 2'-O-metilación. Non todos os scaRNA están compostos por mesturas de ARN nucleolares pequenos de caixas C/D e H/ACA e, de feito, a maioría dos scaRNA son indistinguibles estrutural e funcionalmente dos ARN nucleolares pequenos, e dirixen a modificación do ARN ribosómico no nucléolo.
scaRNA de Drosophila
Varios estudos identificaron scaRNAs en Drosophila.[1][2][3][4][5] Un dos estudos mostrou que varios scaRNA de Drosophila podían funcionar igual de ben no nucleoplasma de moscas mutantes que carecían de corpos e Cajal.[4] Outras investigacións mostraron que o scaRNA pugU6-40 ten como diana o ARN nuclear pequeno U6, cuxas modificacións ocorren no nucléolo e non en corpos de Cajal e que pugU1-6 e pug U2-55 guían dous ARN: o ARN nuclear pequeno e o ARN ribosómico de 28S.[5]
ARN específico do corpo de Cajal 1
O ARN específico dos corpos de Cajal 1 (tamén coñecido como SCARNA1 ou ACA35) é un ARN nucleolar pequeno que se encontra nos corpos de Cajal e crese que está implicado na pseudouridilación do ARN espliceosómico U2 no residuo U89.
O scaRNA1 é un ARN non codificante, os cales son produtos funcionais de xenes que non se traducen a proteínas. Ditas moléculas de ARN xeralmente conteñen importantes motivos de estrutura secundaria ou motivos para a unión a ligandos e interveñen en moitos procesos biolóxicos importantes da célula.[6]
O scaRNA1 pertence aos ARN nucleolares pequenos da clase de caixa H/ACA, xa que ten a estrutura predita de forquita-bisagra-forquita-cola, motivos de caixa H/ACA conservados e está asociado coa proteína GAR1.[7]