A Asociación Deportiva Miño é un club galego de fútbol que se fundou en 1983 no concello brigantino de Miño. Na actualidade xoga no Grupo Norte da Preferente Autonómica de Galicia.
Compite como local no Campo Municipal de Gallamonde de herba artificial, con capacidade para 1000 persoas.
Historia
O antecesor do club actual foi o Miño Club de Fútbol, fundado orixinalmente no ano 1935. O seu maior esplendor deportivo tivo lugar na década de 1970, ao proclamarse campión das Mariñas, da Copa Coruña, do Mini Teresa Herrera, do conde de Fenosa e tamén do Trofeo García que enfrontaba o campión da zona das Mariñas contra o da zona da Costa. Unha das vitorias máis prezadas polo club miñés foi un 2-1 en 1976 ante a UD Salamanca, por aquel entón un conxunto de Primeira División con xogadores de renome como Jorge D'Alessandro, Ricardo Rezza ou o cabanés Juan Alberto Bustillo.[1]
No 1983 o club pasou por un proceso de refundación e adquiriu o seu nome actual: Asociación Deportiva Miño. Nas seguintes décadas conseguiu dous ascensos dende a Segunda Autonómica de Galicia, o último na tempada 2014/2015, ao superar o Galicia de Caranza e ao filial do CD As Pontes, para acadar a Primeira Autonómica, na que se asentou por varios anos. Nestes anos de crecemento o club tamén acadou dous campionatos da Copa Delegación de Ferrol, no 2014 e 2018.
O bo nivel de xogo do club miñés aseguroulle o segundo posto na tempada inmediatamente posterior ao ascenso, acabando con 67 puntos e sendo superado unicamente polo Betanzos. Isto permitiulle xogar a promoción de ascenso a Preferente, perdendo no Gallamonde por 1-2 ante o Sofán. Conseguiu o terceiro posto na tempada 2016/2017 por detrás do Boimorto e da SD O Val, pero nas seguintes tempadas perdeu folgos, ocupando a sétima (2017-2018), novena (2018-2019) e quinta (2019-2020) prazas da Primeira Galicia.
Tras a paréntese provocada pola pandemia de COVID-19 na tempada 2021/2022, o conxunto brigantino quedou integrado no acabado de crear Grupo 1 Subgrupo A (a división en dous do Grupo A Coruña/Ferrol) con conxuntos da súa contorna. Nunha tempada con altos e baixos os de Miño remataron terceiros por detrás do CD Narón e do Cultural Maniños, perdendo a oportunidade de unirse ó grupo de ascenso.
Favoreceu, e moito, ao club miñés a volta á normalidade da competición, e baixo a dirección de Manel, o equipo acabou líder do Grupo Coruña/Ferrol con 78 puntos, derrotando a perseguidores constantes coma o Olímpico CF e o Eume Deportivo. Tras o empate a dous goles da xornada 33 entre o conxunto miñés e o Olímpico, quedou todo por decidir para o último partido da tempada, no que o Miño visitaba o Campo Rodrigo García Vizoso da Grela. Alí goleou por 1-5 ao Ural para proclamarse campión con 3 puntos de vantaxe sobre o Olímpico e acadar así o primeiro ascenso á Preferente Galicia da súa historia.[2]
- Uniforme titular:camiseta branca cunha franxa vermella, pantalón branco e medias vermellas.
Datos do club
Historial na liga
Notas