A práctica do fútbol en Pontedeume remóntase a comezos do século XX. Así no xornal local Ecos del Eume hai noticias ao longo do ano 1910 de partidos disputados polos clubs locais Eume e Rajoy contra distintos equipos da comarca.
O mesmo xornal informa da fusión dos clubs anteriores en reunión celebrada o 5 de febreiro de 1911 para formar un novo equipo co nome de Puentedeume F.C.[2]. Este club segue existindo en 1922, ano en que a revista coruñesaMarineda informa, no seu número do 1 de novembro, dun dobre enfrontamento entre os equipos de Puentedeume F.C. e Betanzos F.C.[3]. Pouco tempo máis debeu de existir o Puentedeume F.C. xa que en maio de 1923 temos noticia dun partido amigable en Fene entre os equipos eumeses do Alfonso XIII e Breamo F.C.; gañaron os primeiros por 4 a 1[4]. Efémera debeu ser a vida destes dous clubs pois en novembro de 1928 aparecen participando nun torneo organizado en Mugardos, os equipos eumeses de Eume F.C. e Rajoy F.C.[4]. Curiosamente levan o mesmo nome que aqueles que se fusionaran para formar o Puentedeume F.C.
Pouco máis se sabe ata a fundación do Sociedade Deportiva Eumesa en 1951. É de supor que a guerra civil truncou a traxectoria dos clubs eumeses.
Sociedade Deportiva Eumesa
A andaina da Sociedade Deportiva Eumesa comeza na tempada 1951/52 participando na Liga de Modestos de Ferrol[5]. Na seguinte tempada aparece encadrado no grupo norte da entón denominada Serie A Rexional (nomeada sucesivamente Primeira Rexional, Rexional Preferente e actualmente Preferente Autonómica de Galicia). Mesmo chega a proclamarse campión do grupo norte na tempada 1954/55 que lle dá dereito a participar na fase de ascenso a 3ª división[6], sen moita fortuna xa que remata na última posición na liguiña que formaban os campións e subcampións dos grupos norte e sur.
Durante as seguintes tempadas alterna a participación na Serie A ou 1ª Rexional e na chamada Liga da Ría, formada por equipos de Ferrolterra, agás os da cidade de Ferrol que tiñan a súa propia competición.
Na primeira metade dos anos 60 desaparece o club debido aos graves problemas económicos que arrastraba.
Eume Deportivo
En 1965 fúndase o Eume Deportivo. Ao pouco da súa fundación, na tempada 1968/69 participa na fase final da 1ª Rexional sen acadar o ascenso á Terceira división[7]. Os maiores éxitos do club prodúcense na primeira metade da década de 1980. Na tempada 1981/82 proclámase campión do grupo norte da Rexional Preferente[8], ascendendo á Terceira División onde permanece durante dúas tempadas enfrontándose a equipos de sona como o Pontevedra CF, o CD Lugo ou o CD Ourense[9][10].
Tralo paso pola 3ª División encadea dous descensos consecutivos a Rexional Preferente en 1984 e á Liga da Ría en 1985 arrastrando unha grave crise económica. Coa reestruturación das ligas galegas queda encadrado no grupo de Ferrolterra da nova Segunda Autonómica de Galicia. Na tempada 2003/2004 ascende á Primeira Autonómica de Galicia na que só permanece unha tempada. Logo doutro paso fugaz por esta categoría na tempada 2007/08, consegue un novo ascenso na seguinte tempada. Desde entón permanece na Primeira Autonómica.
En 2023 consegue o ascenso á Preferente galega, categoría na que non estaba desde a tempada 1984/85, ao superar ao Club Deportivo Lalín na última eliminatoria de ascenso.
Palmarés e traxectoria
Da S.D. Eumesa:
1 vez campión da Serie A, grupo norte (1954/55)
Do Eume Deportivo:
2 tempadas en categoría nacional: 3ª División (1982/83 e 1983/84)
1 vez campión da Rexional Preferente, grupo norte (1981/82)
3 veces campión da Segunda Autonómica, grupo 3 (2003/04, 2006/07 e 2008/09)[13][14].
(A) A tempada 2019/20 foi suspendida despois da xornada 25 por mor da COVID. Nese momento, o Eume ocupaba a 9ª posición.
(B) Na tempada 2020/21 non houbo competición por continuar a pandemia da COVID.
(C) Nesta tempada 2021/22, a COVID segue a alterar a competición. Fixéronse grupos máis pequenos e o Eume quedou encadrado no grupo 1A, formado por 11 equipos.
Categorías inferiores
O club posúe equipos en todas as categorías inferiores desde alevíns ata xuvenís. Este último equipo foi Campión Galego nunha ocasión[15]. Na tempada 2012/13 participou na Liga Galega, grupo 1[16].
↑ 4,04,1Jorge Manuel Deza Rey (2005). Historia do Racing Club de Ferrol, tomo I (1919-1939) (1 ed.). Edicións Embora. ISBN84-95460-40-8., páxinas 110 e 216.
↑Novas nos números 652 e 653 (17 e 24 abril 1952) da Hoja Oficial del Lunes da Coruña (en castelán)