As aletas dorsais son pequenas e subiguais. As pelvianas son pequenas e angulares. A marxe superior da aleta anal ten a parte superior provista de dentículos dérmicos laterais maiores que os restantes, formando a cada lado unha verdadeira crista marxinal.[4][5]
Historia natural
Normalmente encóntrase en zonas profundas, no noiro continental, a profundidades de 150 a 1400 m, sobre fondos lamosos. Os individuos máis novos xeralmente habitan en augas máis superficiais que os xuvenís e os adultos. En Galicia varios autores citan á zapata en fondos da plataforma continental de máis de 200 m, desde a foz do Miño até a Estaca de Bares.[6]
Os seus sistemas visual e electroceptor son son capaces de detectar os movementos das súas presasbioluminiscentes.
Os machos maduran sexualmente cando alcanzan os 24–42 cm de lonxitude, e as femias, cando miden 39–45 cm. A especie é ovípara, e as femias teñen 13 ovos no oviduto ao mesmo tempo.[4][7]
Status de conservación
Debido á súa abundancia, a zapata forma unha parte importante das capturas accidentais da pesca comercial de augas profundas en gran parte da súa área de dispersión. Porén, a causa do seu baixo valor económico xeralmente se descarta, aínda que en moitas zonas consómese fresca ou salgada, e tamén se emprega para a obtención de coiro. Para a súa venda nas peixarías adoita presentarse eviscerada (ás veces, tamén decapitada) e sen pel, que é dura e difícil de eliminar. As artes utilizadas para a súa captura son o arrastre e o palangre.[7]
Segundo José Carlos Capel, tanto o a zapata como os seus parentes o melgacho (Scyliorhinus canicula) e a roxa (S. stellaris) son especies comestíbeis que requiren cociñarse nun perfecto estado de frescor porque, do contrario, denotan un sabor desagradábel. Os lombos, unha vez limpos, poden presentarse en distintas preparacións, harmonizando ben coas salsas de tomate e verde, ou en guisos amarelos, e resultan excelentes en fritura coa fórmula do adobo andaluz, a dicir deste gastrónomo.[8]
↑Duran, Miquel (2007): Noms i descripcions dels peixos de la Mar Catalana. Tom I, Àgnats, Condrictis, Osteïctis (1a. part). Palma de Mallorca: Editorial Moll. ISBN 978-84-273-6508-7. p. 109.
Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.