Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Membrana.
A membrana nictitante ou terceira pálpebra, é unha estrutura propia de certos animais.
Trátase dunha fina lámina, unha dobra da conxuntiva, que se encontra en moitos animais e que actúa como unha pálpebra accesoria que ten por obxecto protexer e limpar o globo ocular por debaixo das pálpebras principais.
Localízase por regra xeral nunha posición medio-ventral. É retráctil e pódese estender no sentido horizontal e cubrir a córnea, non bloqueando enteiramente a visión, xa que é translúcida nalgúns animais.
Nas aves, a membrana nictitante pecha por un só lado, e é case transparente. As pálpebras propiamente ditas non se pechan durante o pestanexo, pero o fan para durmir.
Normalmente non é visíbel nun animal san, pero pode cubrir medio ollo se o animal está enfermo (virus, diarrea, febre, vermes).
Nos mamíferos ten unha forma en T. No ser humano materialízase na prega semilunar da conxuntiva, unha protuberancia de cor rosa no canto interno medial dos ollos.
Etimoloxía
Nictitante vén do latínnictĭtans, -antis, participio presente activo do verbo nictitāre, frecuentativo de nictāre, "pestanexar", "chiscar o ollo".[2]