Zamalek (en árabe exipcio, الزمالك, AFI: [ez.zæˈmæːlek]), termo que procede orixinariamente do turcoüzümlük, que significa "viñedo)" é un acomodado barrio do oeste do Cairo, Exipto, que ocupa a parte norte da illa Gezira no río Nilo.
A illa está conectada coas ribeiras do río mediante tres pontes en cada un dos lados leste e oeste da illa, entre os que se encntran a Ponte Qasr al-Nil e a Ponte do 6 de Outubro, e tivo varias fases de crecemento poboacional debidas a eventos económicos e políticos, o que conduciu ao aumento da densidade de poboación nalgunhas partes da illa e a grandes reducións das zonas verdes do barrio de Zamalek, aínda que se conserva un gran cinto verde no centro da illa que divide os duos barrios.
Descrición
Xunto con Maadi, Mohandessin, Heliópolis e Garden City, Zamalek é un dos barrios residenciais acomodados da área metropolitana do Cairo. En Zamalek viven tamén moitos estranxeiros. Hai moitos apartamentos con escaso mantemento debido a que os seus propietarios rara vez fan melloras; tamén hai programas de control de rendas de aluguer que permiten que algúns complexos residenciais de Zamalek alberguen a exipcios con ingresos baixos e medios.[1]
As rúas tranquilas e arboradas e os bloques de apartamentos e vilas do século XIX fano unha das zonas máis atractivas da cidade e unha zona residencial privilexiada para moitos expatriados europeos no Cairo. Tamén é un barrio que contén moitos restaurantes, bares e cafetarías elegantes, incluídos ahwas tradicionais ao aire libre e bares europeos. A zona da illa Gezira tamén é activa culturalmente: contén galerías de arte e museos, incluído o Museo de Cerámica Islámica, e dúas das salas de concertos e artes escénicas máis importantes do Cairo, a espaciosa Ópera de El Cairo e o El Sawy Culturewheel Centre.
Historia
Baixo o mandato de Ismail Paxá (1863 - 1879) a illa chamábase Jardin des Plantes (Xardín das Plantas) debido á súa gran colección de plantas exóticas procedentes de todo o mundo. O deseñador paisaxista francés De la Chevalerie deseñou o paisaxismo da illa, con xardíns e viveiros. Na ribeira leste construíu un quiosco para atender á illa e supervisar o seu desenvolvemento.
O quiosco foi substituído en 1869 polo Palacio de Gezirah, unha mansión de verán con forma de "U" deseñada por Julius Franz Paxá e decorada por Karl Von Diebitsch. O palacio foi construído para os hóspedes que asistiron á inauguración do Canal de Suez en 1869. O emperadorFrancisco Xosé I de Austria e a emperatrizEugenia de Montijo foron algúns dos hóspedes do palacio. Na actualidade, o Palacio de Gezirah é a parte central do Hotel Marriott O Cairo, cuxa azotea ten un teatro ao aire libre fronte ao Nilo.
Tamén se construíron outros palacios en Zamalek, incluído o palacio do príncipe Sa'id Toussoun, que actualmente contén oficinas do Consello de Ministros de Exipto, e o palacio do príncipe Amr Ibrahim (1924), que alberga actualmente o Museo de Cerámica Islámica.[2][3]
En 1882 construíuse o Gezira Sporting Club na zona sur da illa.[4] Posteriormente, o capitán británico Stanley Flower construíu en Zamalek un xardín acuático coñecido como Grotto Garden, que contaba cunha destácabel colección de peixes africanos.
↑Raafat, Samir (16 de agosto de 1997). "The Cairo Tower". egy.com(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2008. Consultado o 6 de xaneiro de 2021.