"You Know You're Right" é unha canción da banda estadounidense de grunge Nirvana, editada o 8 de outubro do 2002. É o primeiro corte do seu álbum recompilatorio Nirvana, e o derradeiro sinxelo oficial da banda. Trátase da derradeira canción gravada pola banda, xa que dous meses despois Kurt Cobain suicidaríase[1].
Historia
"You Know You're Right" foi escrita en 1993, sendo unha das derradeiras composicións coñecidas de Kurt Cobain. Durante anos só se soubo dela por unha gravación de afeccionado dunha versión ao vivo, realizada o 23 de outubro de 1993 no Aragon Ballroom de Chicago, Illinois, e por unha interpretación da canción por parte da banda de Courtney Love Hole, durante o MTV Unplugged realizado en 1995.
Unha versión de estudio do tema foi gravada na derradeira sesión realizada por Nirvana, o día 30 de xaneiro de 1994 nos Robert Lang Studios de Seattle, Washington, pero permaneceu oulta aos seareiros durante anos tras a morte de Cobain. Esta gravación converteuse no obxecto de disputas legais entre Love e os memros superviventes da banda, Dave Grohl e Krist Novoselic. Grohl e Novoselic querían a canción para un box set de Nirvana, pero Love bloqueou a súa edición, e iniciouse unha batalla polo legado de Nirvana.
Love sostiña que "You Know You're Right" sería malgastada nun box set, e que sería máis apta para unha colección de sinxelos semellante a 1 dos Beatles. A súa demanda falaba da canción como un "éxito potencial de extraordinario valor artístico e comercial", e o seu representante afirmou que a publicación que levase a canción podería vender 15 millóns de copias[2]. Novoselic revelou que non estaba necesariamente en desacordo con Love: "Sempre considerei todo o que ela dixo. Considerámolo e estivemos de acordo e dixémoslle, 'Hei, é unha gran idea, Courtney.' Procurei levarme ben con Courtney, pero só hai un tanto que ti podes facer".
En setembro do ano 2002, resolveuse o preito entre Love e os restantes membros de Nirvana, e anunciouse que "You Know You're Right" aparecería "nun único CD da historia da banda" chamado Nirvana a finais dese ano. Un MP3 da canción sen masterizar foi filtrado a Internet case dous meses antes do seu lanzamento oficial, e o tema foi posto en rotación nun bo número de emisoras de rock alternativo, incluso despois de que o selo discográfico de Nirvana lles enviase cartes para que deixasen de facelo.
"You Know You're Right" foi finalmente publicada como sinxelo promocional, e realizouse un vídeo musical dirixido por Chris Hafner. O vídeo usou varias material de arquivo de varias actuacións da banda reconstruído para dar a impresión de que o tema estaba sendo realmente interpretado, incluídos breves partes de Cobain cantando. A canción foi a primeira da banda en chegar ao primeiro posto da lista da Billboard Mainstream Rock Tracks e a súa quinta en encabezar a Modern Rock Tracks. O tema sería reeditado no seu segundo recompilatorio de grandes éxitos, Icon, publicado en 2010.
Notas
|
---|
|
Álbums de estudio | |
---|
Álbums en vivo | |
---|
EPs | |
---|
Videos | |
---|
Recompilatorios | |
---|
Box sets | |
---|
Sinxelos | |
---|