William Smith naceu nunha familia de puritanosanglicanos e cursou os seus primeiros estudos xunto co seu irmán na escola Madras House, en Hackney, da man do relixioso John Allen.[5]
Smith comezou estudos de teoloxía, aínda que acabou por graduarse en dereito. No seu tempo libre e dun xeito autodidacta accedeu á lectura dos autores clásicos, e cando entrou no University College, en Londres, recibiu diversos premios relacionados cos mundos grego e romano.[4]
Chegou a inscribirse na escola profesional de dereito Gray's Inn en 1830, aínda que renunciou a proseguir estes estudos para ocupar un posto na University College School, onde comezou a escribir sobre o mundo clásico.[4]
En 1849 publicou o "Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology" (en galego, Dicionario de biografía e mitoloxía gregas e romanas) e en 1854 o "Dictionary of Greek and Roman Geography" (en galego, "Dicionario de xeografía grega e romana" ), este último xunto con William George Smith e Charles Anthon.[4]
En 1850 publicou o primeiro dos seus dicionarios escolares e en 1853 iniciou a serie Principia, que supuxo un grande avance no ensino do grego e do latín. Máis tarde foi o editor principal de Students' Manuals of History and Literature ("Manuais do estudante de historia e literatura"). O desenvolvemento desta tarefa foi apoiado polo editorJohn Murray, quen se ofreceu a colaborar cando os editores orixinais comezaron a ter problemas financeiros. Murray era o editor do grande dicionario Latin–English Dictionary based upon the works of Forcellini and Freund, que Smith completou en 1865. [3][6]
The Atlas ("O Atlas"), que contou coa colaboración de George Grove, apareceu en 1875.[4][7]
Smith foi tamén autor de obras moi relevantes acerca de temas relixiosos, sempre desde un punto de vista lexicográfico, entre os que salientan un dicionario da Biblia (Dictionary of the Bible), publicado entre 1860 e 1865, outro sobre as antigüidades cristiás (Dictionary of Christian Antiquities), entre 1875 e 1880, e un terceiro acerca das biografías de personaxes cristiáns (Dictionary of Christian Biography), entre 1877 e 1887.[4]