Aranda estaba ligado á chamada Escola de Barcelona, cuxa estética refinada supuxo unha novidade no cinema español. Fata Morgana (1966), unha das súas obras máis representativas está encadrada nesta corrente. Tras ela abordou xéneros máis comerciais de cinema fantástico e cinema erótico en Las crueles (1969), La novia ensangrentada (1972) e Clara es el precio (1974).
A finais da década de 1980 acadou os seus maiores éxitos comerciais. Entre 1987 e 1988 rodou dous filmes sobre a personaxe de El Lute que lanzaron á fama o seu protagonista, Imanol Arias, e conseguiron boa acollida entre a crítica e o público. Amantes (1991) foi o maior triunfo de Aranda: causou sensación polas súas audaces escenas sexuais, gañou os dous premios Goya principais (mellor filme e mellor director) e o Oso de Prata á mellor actriz no Festival de Berlín para Victoria Abril e contribuíu á consagración de Maribel Verdú e Jorge Sanz.