Utebo é un concello da provincia de Zaragoza. Situado a 12 km da capital, con 16.966 habitantes, de xeito que é así a terceira poboación da provincia, tan só superada por Zaragoza e Calatayud, e unha das maiores de Aragón.
Situación xeográfica
A súa poboación atópase repartida en tres núcleos de poboación: Casco Antigo, El Monte (zona desenvolvida a partir da década dos 40 do pasado século) e o Barrio de Malpica (limítrofe co barrio rural de Casetas pertencente a Zaragoza). A poboación sitúase na marxe dereita do río Ebro. O termo municipal é practicamente chairo e o 67% da extensión pertence a terras de cultivo, das que o 70% delas son de regadío fornecidas polas canles de rega do Ebro, do Jalón e o Canle Imperial de Aragón.
Igrexa parroquial da nosa Señora da Asunción, construída en dúas fases, a primeira no século XVI en estilo gótico-mudéxar e a segunda durante o século XVIII xa en estilo barroco. Conta cunha bela torre mudéxar (denominada Torre de los Espejos, polos seus enfeites de cerámica con máis de 8000 azulexos), que está representada no Pobo Español de Barcelona. O retablo maior é de madeira dourada e está dedicado á Virxe: trátase dunha obra barroca-rococó do século XVIII. Existen outros dous retablos dedicados á Inmaculada e ao Sagrado Corazón.
Na cidade vella predominan varias casas de ladrillo de tres andares, con portada de acceso en arco carpanel, galerías de ocos adintelados no piso superior ademais de beirados en ladrillo, madeira ou tella. De grande interese son algunhas casas-palacio dos séculos XVI e XVII, entre as que se atopan o grande edificio da Callejuela ou o da rúa do Hospital.
Cultura
Utebo conta cun museo-centro cultural denominado: Centro Cultural Mariano Mesonada - Museo Orús. No Museo Orús exponse a obra pictórica de José Orús despois de que este doase en 2004 a súa obra ao concello.