Tesouro de Ellerby


Tesouro de Ellerby

· Data do depósito: 1727.

· Período ou cultura: Época xeorxiana británica.

· Lugar de aparición: Ellerby, East Yorkshire, Inglaterra.

· Coordenadas: 52°49′12″N 00°13′12″O / 52.82000, -0.22000

· Data do achado: 2019.

· Descubridor: .

· Composición: 266 moedas de ouro e unha vasilla.

· Materiais: ouro e gres vidrado.

· Conservación: dispersado en mans privadas.

O tesouro de Ellerby (tamén coñecido como tesouro de Ellerby Area) é un tesouro composto por 266 moedas de ouro dos séculos XVII e XVIII achadas empaquetadas no interior dunha vasilla de gres vidrada, nunha casa de Ellerby, East Yorkshire, Inglaterra, en 2019.[1]

Descuberta

O tesouro foi descuberto durante as obras de renovación dunha vivenda do século XVIII, debaixo do piso da cociña.[1][2]

O contido do recipiente foi retirado antes de informar as autoridades e non se fixo rexistro ningún da posición das moedas no seu interior. Xa que logo, non foi posible determinar a estratigrafía da disposición das moedas dentro da vasilla.[1]

Crese que o tesouro pertenceu a Sarah Maister, irmá do comerciante William Maister, de Hull. Sarah casou cun membro dos Fernley, outra das familias comerciantes da cidade, con prósperos negocios no Báltico, e sábese viviu en Ellerby logo de enviuvar e ata a súa morte en 1745.[2][3]

Contido

A vasilla

A vasilla que contiña as 266 moedas de ouro é de gres, do século XVIII, e presenta o selo fiscal do reinado da raíña Ana (1702-1714). O recipiente está case completo —unicamente lle faltaba unha asa—; e foi vidrado con sal esparexido de manganeso, o que lle deu un ton de cor marrón pálido, que se vai aclarando desde o bordo ata a base.[1]

A forma da vasilla é cilíndrica e coas paredes delgadas, coa base lixeiramente acampanada. Presenta unha decoración con marcas xeométricas estriadas, e preto dos restos da asa amósanse gravadas as iniciais AR,(presumiblemente correspondentes a ANNA REGINA, o nome da monarca naquel momento.[1]

As magnitudes da vasilla son as seguintes:[1]

  • Peso: 174 g.
  • Altura: 89,5 mm.
  • Profundidade: 81,9 mm.
  • Diámetro superior: 72 mm.
  • Diámetro inferior: 73,3 mm.
  • Grosor da parede: 2,9 mm.

As moedas

A moeda máis antiga data de 1610 e a máis recente é unha guinea emitida a nome de Xurxo I, cuñada en 1727. Estímase que o seu valor nominal, trasladado á época actual, roldaría as 100.000 libras esterlinas.[1]

A distribución das moedas por reinados é a seguinte:[1]

Reinado Período Cantidade
Xacobe VI e I 1603-1625 34
Carlos I 1625-1649 42
Carlos II 1660-1685 25
Xabobe II 1685-1688 14
Guillerme e María 1688-1694 10
Guillerme III 1695-1702 25
Ana 1702-1714 31
Xurxo I 1714-1727 84
Xoán V (Portug.) 1706-1750 1

Comercialización

Aínda que inicialmente se entendeu que o achado cumpría as estipulacións da Lei do Tesouro, do Reino Unido, de 1996, polo que foi declarado formalmente como tesouro,[1] posteriormente esta declaración foi revogada, ao non cumprirse o precepto de que todas as súas pezas tivesen polo menos 300 anos de antigüidade, o que lles deu aos seus descubridores a posibilidade de vendelas libremente.[2]

A compañía de poxas numismáticas Spink & Son organizou a venda das moedas para as 16:00 horas do 7 de outubro de 2022,[4] e o resultado foi o seu esparexemento do tesouro entre diversos coleccionistas privados de todo o mundo. O prezo total da venda foi de 628.000 libras, que logo ascendeu ata as 754 000, ao lle sumar as comisións correspondentes.[3]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Coin Hoard (YORYM-18E84)". Portable Antiquities Scheme (Finds.org).
  2. 2,0 2,1 2,2 Newton, G. (29022). "Ellerby Hoard: The incredible story of the once in a generation historic find beneath a Yorkshire kitchen floor". En The Yorkshire Post (Yorkshirepost.co.uk). 10 de setembro.
  3. 3,0 3,1 "Ellerby: Gold coins found hidden under kitchen floor sell for £754,000". En BBC (BBC.com). 7 de outubro de 2022.
  4. A Remarkable Hoard of English Gold Coins (1610-1727). Spink & Son. 2022.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas