O tesouro de Cabul, tamén coñecido como tesouro de Chaman-e-Hozori, é un tesouro monetario descuberto nos arredores de Cabul, Afganistán, en 1933. O depósito contiña arredor dun milleiro de pezas de prata, entre elas numerosos exemplares de moedas aqueménidas, así como moitas moedas gregas dos séculos V e IVa.C.[3][4][5]
O depósito do tesouro dátase aproximadamente en torno ao 350 a.C., xa que esta é a data probable da moeda menos antiga datable que forma parte del (unha imitación do tetradracma do moucho ateniense).[6]
Esta descuberta numismática resultou de grande importancia para o estudo e a datación da historia das emisións monetarias da India, xa que é un dos rarísimos casos en que as moedas punzonadas poden datarse, por mor da súa asociación con moedas gregas e aqueménidas no mesmo tesouro coñecidas e fielmente datadas. O tesouro demostra que as moedas punzonadas existían en 360 a.C., como tamén suxiren as probas literarias.[7] Consonte o numismáticoJoe Cribb, isto leva a considerar que a cuñaxe de moedas e o uso de técnicas de punzonado se introduciron na India a partir do Imperio Aqueménida, durante o século IV a.C.[8] Así e todo, numerosos estudosos indios consideran que o desenvolvemento da cuñaxe de moeda nas chairas do Ganxes foi unha evolución autóctona.[9]
Contexto histórico
O val de Cabul e a rexión de Gandhara, ao oeste do río Indo, caeron baixo o dominio aqueménida durante o reinado de Ciro o Grande (600-530a.C.). A rexión coñecíase tanto polo nome iraníano de Paruparaesanna como polo indio de Gandara. Ao principio foi administrada desde Bactriana, pero organizouse nunha satrapía separada cara a 508 a.C., con sede probablemente en Pushkalavati —preto da actual Charsadda, en Paquistán—.[10][11] Foi unha rexión que pagou tributos ata a época de Artaxerxes I (424 a.C.),[12] mais seguiu a formar parte da concepción real do imperio ata a conquista de Alexandre o Grande, cara a 323 a.C.[13] En tempos de Alexandre, a rexión estaba gobernada por sátrapas —gobernantes por dereito propio, mais sometidos ao emperador—.[14] A natureza da Administración local baixo o Imperio Aqueménida é incerta. Magee et al. sinalan que nin as fontes aqueménidas nin as clásicas mencionan a presenza de sátrapas en Gandhara. Emporiso, houbo personalidades oficiais coas que se toparon os acompañantes de Alexandre.[13]
A cuñaxe de moedas foi desenvolvida polos gregos de Asia Menor, influídos polas emisións lidias no século VII a.C. Nos dous séculos seguintes, o uso da moeda estendeuse por todo o Mediterráneo.[16] A conquista aqueménida de Asia Menor en 540 a.C. non supuxo un cambio inmediato na situación: a moeda grega continuou baixo o dominio aqueménida e o propio centro iraniano apenas utilizaba o diñeiro.[17] Darío I introduciu novas moedas aqueménidas —dáricos de ouro e siclos de prata—, principalmente para substituír as moedas lidias en Asia Menor.[18] As cidades gregas seguiron a cuñar as súas propias moedas de prata. Así, unha mestura destas moedas de prata gregas e os siclos aqueménidas comezaron a circular por todo o Imperio Aqueménida, aínda que xeralmente eran maioritarias as moedas gregas.[19]
Descuberta e almacenamento do tesouro
O tesouro foi descuberto por un equipo de construción en 1933, cando se escavaban os alicerces dunha casa preto do parque Chaman-i Hozori, no centro da cidade de Cabul. Segundo o daquela director da Delegación Arqueolóxica Francesa en Afghanistan (DAFA), o tesouro contiña unhas 1.000 moedas e algunhas xoias. 127 moedas e pezas de xoiaría leváronse ao Museo de Cabul e outras foron parar a diversos museos da India británica e a outros lugares. Dúas décadas máis tarde, Daniel Schlumberger, da DAFA, publicou fotografías e detalles dos achados almacenados no Museo de Cabul nun libro titulado Trésors Monétaires d'Afghanistan (1953).[3][20][21]
As moedas de Chaman-i-Hozori permaneceron no Museo de Cabul ata 1992-1993, cando os muxahidins afgáns saquearon o museo. Todas as moedas desapareceron, do mesmo xeito que outros obxectos. Dous anos máis tarde, 14 moedas do tesouro apareceron nunha colección privada de Paquistán. Os investigadoresOsmund Bopearachchi e Aman ur Rahman publicaron os seus detalles no libro Pre-Kushana Coins in Pakistan (1995).[22][21]
A aparición deste tesouro suxire, xunto con outros achados de moedas nas zonas de Afganistán e Paquistán, que as moedas gregas chegaran á India, polo menos ata o Indo, moito antes das conquistas de Alexandre o Grande.[5] Isto sucedeu baixo o dominio dos aqueménidas.[23] Os siclos aqueménidas representan unha pequena minoría, do mesmo xeito que nos tesouros doutras partes do imperio.[24]
Daniel Schlumberger publicou descricións de 115 moedas das conservadas no Museo de Cabul. Entre elas había 30 moedas de diversas cidades gregas, unhas 33 moedas atenienses e unha imitación iraniana dunha moeda ateniense, nove moedas reais aqueménidas de prata (siclos), 29 moedas cuñadas localmente das que se dicía que eran dun "tipo novo" e 14 moedas punzonadas en forma de barriñas dobradas.[1][3] Parece que as moedas gregas clásicas e aqueménidas foron importadas de Occidente.[23]
Siclos aqueménidas
Acháronse varios exemplares de siclos no tesouro de Cabul[27] como no do túmulo de Bhir, en Taxila (datado cara a 300 a.C.),[26] que evidentemente se transmitiron desde a parte occidental do Imperio Aqueménida. Normalmente amosan no seu anverso a figura dun monarca aqueménidacoroado e correndo cara á dereita, sostendo un arco e unha lanza —tipo coñecido como do "rei arqueiro"—, cunha marca de punzón rectangular no reverso.[5]
Os diversos depósitos de moedas descubertos na parte oriental do Imperio Aqueménida teñen en xeral moi poucos espécimes de siclos, o que suxire que a circulación destas moedas era en realidade bastante pequena en comparación coa da moeda grega, tanto arcaica como clásica temperá, nesa parte do imperio.[28]
As moedas gregas rexistradas no tesouro eran 30 exemplares procedentes de varias cidades gregas e unhas 34 de Atenas, xunto cunha imitación iraniana.[1] En xeral, as moedas gregas, tanto as arcaicas como as clásicas temperás, son comparativamente moi numerosas nos tesouros de moedas aqueménidas descubertos no leste do Imperio Aqueménida, moito máis abundantes que os siclos, o que suxire que a circulación de moeda grega xogaba un papel fundamental no sistema monetario desa parte do Imperio.[28]
Tipos arcaicos gregos
O tesouro de Cabul contiña algúns tipos de moedas gregas arcaicas —cuñadas antes de 480 a.C.—, entre elas algúns estateros arcaicos de Exina, Thasos e Quíos. Estas primeiras moedas cuñáronse utilizando un cuño no anverso cun deseño ilustrativo, en tanto que o reverso consiste en simples marcas xeométricas incusas gravadas cun punzón.[32][33]
Ademais, había dous tetradracmas clásicos temperáns de Acanto, así como un estatero de Córcira. Tamén había moedas das cidades de Levante: Panfilia e Chipre. O numismático Jonathan Kagan afirma que estas moedas deberon chegar á zona de Cabul pouco despois de seren cuñadas.[24]
Bopearachchi e Joe Cribb afirman que estas moedas "demostran de xeito tanxible a profundidade da penetración grega no século anterior á conquista das satrapías aqueménidas por Alexandre o Grande".[50] Segundo Joe Cribb, estas primeiras moedas gregas foron a orixe das moedas indias punzonadas, as primeiras moedas desenvolvidas na India, que utilizaron tecnoloxía de cuñaxe derivada da cuñaxe grega.[5][51]
Moedas redondas punzonadas
Schlumberger cualificou 29 moedas redondas punzonadas atopadas no tesouro como "dun novo tipo", non achado ata a data en ningún outro lugar. Trátase de moedas redondas, elípticas ou en forma de copa, correspondentes ao padrón de peso aqueménida, cuñadas con un, dous ou varios punzóns.[23] Adoitan amosar unha especie de símbolo de frecha no anverso e diversos símbolos xeométricos e circulares no reverso.[5] Tamén se atoparon moedas similares no tesouro de Shaikhan Dehri de Pushkalavati, no centro da zona de Gandhara,[56] mais non en Taxila.[57]
A súa dispersión en Cabul e Pushakalavati levou a Bopearachchi a postular que foron fabricadas localmente, mentres a rexión estaba baixo protección aqueménida, durante o século V a.C.[56] Algúns estudosos tamén cren que foron un "produto da Administración local aqueménida".[53][58] No entanto, outros afirman que a Administración local era en gran medida autónoma e seguía unha política monetaria independente.[54][55] Consonte Cribb, estas moedas eran imitacións locais de moedas gregas, con algúns deseños pictóricos, pero na súa maior parte non pictóricos, que utilizaban estándares de peso derivados das cuñaxes grega e persa".[57]
Segundo Bopearachchi, estas moedas ilustran a transición das moedas redondas normais ás moedas indias marcadas con punzón. En primeiro lugar, demostrouse que estas moedas son as predecesoras cronolóxicas das moedas curvadas e punzonadas, e en segundo lugar, cuñáronse segundo o padrón de peso aqueménida dun siclo (5,5 gramos) ou dous siclos (11 gramos).[59]
Evolución dos deseños
Por último, as moedas redondas do tesouro de Cabul amosan unha marcada evolución no seu deseño: a serie comeza con moedas redondas sinxelas cuñadas no anverso e no reverso con motivos animais que lembran os "deseños occidentais" de Creso, ou motivos aqueménidas.[58][59][61]. En particular, as moedas redondas, consideradas as máis antigas do tesouro, teñen un deseño no anverso que consiste nos bustos enfrontados de dous touros,[59][62] evocador do deseño das moedas de Creso de mediados do século VI a.C. cos bustos enfrontados dun león e un touro, xeralmente consideradas como as primeiras moedas cuñadas.[59][63] Outros deseños occidentais inclúen un cervo ou capiteis de columnas persas dobres.[58]
En moedas posteriores, o deseño do anverso abandónase progresivamente, e o reverso pasa a consistir nunha simple marca de punzón, que evoluciona progresivamente ata motivos máis simbólicos —como as moedas en forma de copa con liñas arredor dun círculo central—,[64] antes de chegar a unha fase en que as moedas redondas se cuñan con múltiples punzóns.[59][65][66]
En resumo, estas moedas foron "as precursoras das moedas curvadas e punzonadas", e "o uso de punzóns independentes está na orixe da cuñaxe de moedas con múltiples punzóns indias".[59] Máis tarde, os reis mauryanos emitiron descendentes destas mesmas moedas nos territorios ao sur do Hindu Kush para a circulación local.[67]
Barriñas con marca de punzón
Demostrouse que as moedas redondas punzonadas preceden cronoloxicamente as "barras dobradas", cuñadas tamén baixo o Goberno aqueménida desde Bactriana ata o Punjab.[23][53][54][55] A práctica de utilizar barras de prata sen marcar como moeda é coñecida na meseta iraniana e parece que foi corrente na Asia Central baixo o Imperio Aqueménida.[71] Crese que as barras dobradas derivan desa práctica, representando "un matrimonio entre a cuñaxe grega e a moeda iraniana en barra".[72]
Bopearachchi atribúe aos paropamisade —nome que os gregos daban aos pobos da rexión de Hindu Kush— as "barras curtas con marcas de punzón" (28 mm x 15 mm) descubertas en Chaman-e-Hozori,[70] cuxo deseño utiliza dous símbolos circulares perforados en cada extremo dunha das faces da barra.[73] Estas barriñas dobradas lembran claramente tipos indios posteriores con marcas de punzón, que utilizan varios dos deseños destas moedas "de novo cuño".[23] As "barras longas" con marcas de punzón (42 mm x 10 mm), das que non se achou ningunha no tesouro de Cabul, atribúense á zona de Gandhara, e están presentes no tesouro do túmulo de Bhir en Taxila.[73][74]
Outro espécime de barriña dobrada e punzonada aqueménida.[75]
Barriñas punzonadas do tipo atribuído aos paropamisadae baixo poder aqueménida.[76]
Comparación entre barriñas con punzón paropamisadae e co habitual dos karshapana.[76]
As barras de Taxila usan xeralmente os mesmos motivos, mais son alongadas.[73][77]
Evolución das moedas indias marcadas con punzón
Consonte Joe Cribb, os primeiros punzóns sobre barras curvadas áchanse no noroeste do continente, e os seus deseños sinxelos adoptáronse despois nas chairas do Ganxes, antes de que os deseños evolucionasen cara ao uso de punzóns máis numerosos en cada moeda. Isto tamén queda demostrado polo feito de que nas chairas do Ganxes non se coñezan deseños de moedas anteriores ás súas sinxelas barras marcadas con punzón, en tanto que as barras punzonadas de Cabul e Gandhara foron precedidas alí polas moedas redondas punzonadas e con símbolos, cuñadas baixo os aqueménidas.[72]
Daniel Schlumberger tamén considera probable que as barras punzonadas, similares ás numerosas atopadas no noroeste da India, se orixinasen inicialmente no Imperio Aqueménida, e non no corazón da India:[23]
“
As barras punzonadas considerábanse ata agora indias (...) No entanto, o padrón de peso é considerado por algúns expertos como persa, e agora que vemos que tamén se descobren no solo de Afganistán, debemos ter en conta a posibilidade de non cumpra procurar o seu país de orixe alén do Indo, senón máis ben nas provincias orientais do Imperio Aqueménida. — Daniel Schlumberger.[78]
”
Impacto na datación das moedas indias punzonadas
Non se coñece con certeza cando comezaron a cuñarse as moedas punzonadas na India, e hai propostas que van desde o ano 1000 a.C. ata o 500 a.C. No entanto, o estudo da cronoloxía relativa destas moedas estableceu con éxito que as primeiras moedas punzonadas inicialmente só tiñan un ou dous punzóns, e que a cantidade de punzóns foi aumentando co tempo.[7]
Segundo Joe Cribb, o estudo do tesouro de Cabul suxire que as moedas indias punzonadas poderían remontarse unicamente a mediados do século IV a.C. ou un pouco antes, e que en realidade comezaron coas moedas punzonadas dos aqueménidas na zona de Cabul e Gandhara. Esta data concorda con varias obras literarias que mencionan o uso da moeda na India. Este primeiro deseño adoptouse posteriormente nas chairas do Ganxes para evolucionar cara a moedas con varios punzóns.[7]
Outro achado datable produciuse en Kosambi, onde apareceron falsificacións chapadas en prata que imitaban os primeiros tipos de moedas punzonadas e barriñas de Chaman-e-Hozori nos niveis do Imperio Maurya asociados aos Pilares de Ashoka que alí se atopan.[80] Isto é outro indicio de que as primeiras moedas punzonadas só datan de mediados do século IV a.C., e que seguían a ser a emisión estándar de referencia na época de principios do Imperio Maurya, a mediados do século III d.C.[7]
Así e todo, a historiadora Romila Thapar afirmou que as moedas punzonadas estaban en circulación antes do dominio mauryano e a opinión xeral adhírese ao século VI a.C. como data da súa introdución.[81]
Achados relacionados
En 2007 descubriuse un pequeno tesouro de moedas nun depósito achado na antiga Pushkalavati —tesouro de Shaikhan Dehri—, en Paquistán, que contiña un tetradracma cuñado en Atenas cara a 500/490-485 a.C., xunto con varios tipos locais e lingotes de prata fundida. A moeda ateniense é o exemplo máis antigo coñecido do seu tipo achado tan ao leste.[82]
Notas
↑ 1,01,11,2Cribb, J. (1985). Páxina 548: "As imitacións iranianas eran copias próximas de tetradracmas de prata de Atenas; a derradeira moeda grega do tesouro de Chaman-e-Hozori é un exemplo destas copias iranianas dunha moeda ateniense".
↑Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 56-57: "O tesouro de Chaman-e-Hozori de Cabul descuberto en 1933, que contiña [...] unha imitación local dun tetradracma ateniense".
↑ 5,05,15,25,35,45,55,6Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 57-59: "O máis importante e informativo destes atesouramentos é o de Chaman-e-Hozori, de Cabul, descuberto en 1933, que contiña siclos reais aqueménidas da parte occidental do Imperio Aqueménida, xunto cun gran número de moedas gregas que datan do século V e principios do IV a.C.".
↑Eggermont, P. H. L. (1975). Páxinas 175-177: "Cómpre ter coidado de distinguir a unidade xeográfica limitada de Gandhara da unidade política que leva o mesmo nome".
↑Graham, O. (2013). Páxina 174. Col. 1: "A moeda grega antiga desenvolveuse en Asia Menor, probablemente influída pola circulación da moeda lidia no século VII a.C. A produción de moeda grega medrou co florecemento das polis e estendeuse por todo o Mediterráneo durante o apoxeo da fase de colonización entre ca. 700 e ca. 500 a.C. Como resultado, a cuñaxe de moeda na Antigüidade foi un fenómeno esencialmente grego e converteuse nun medio de intercambio cuxo legado perdura hoxe en día".
↑Alram, M. (2016). Páxinas 69-71: "os [[|tetradracma]]s de Atenas, sobre todo, convertéranse no transcurso do século V nunha especie de moeda de comercio mundial [...] Os aqueménidas introduciran a súa propia moeda distintiva en Asia Menor, que, porén, só formaba unha pequena parte da oferta monetaria e circulaba xunto coas moedas gregas locais e importadas".
↑ 26,026,1Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 57-59: "Moedas deste tipo achadas nos tesouros de Chaman-e-Hozori (depositado cara a 350 a.C.) e do túmulo de Bhir (depositado cara a 300 a.C.)".
↑ 31,031,131,231,331,431,5Kagan, J. (2009). Páxina 230: "O tesouro de Cabul de 1933, publicado por Schlumberger, constaba de máis de 115 moedas [...]. Atenas é novamente o grupo máis numeroso, con 33 tetradracmas rexistrados fronte a oito siclos. Ademais do estatero arcaico desgastado de Exina, un estatero fragmentario de Thasos e un estatero desgastado de Quíos poden ser arcaicos. Hai dous tetradracmas clásicos temperáns ben conservados de Acanto e un estatero clásico temperán de Córcira. Unha vez máis, hai un importante compoñente levantino representado por moedas de Panfilia, Cilicia e Chipre, aínda que ningunha de Fenicia."
↑Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 56-57.
↑Cribb, J. (2003): "As evidencias do tesouro de Cabul suxiren que o prototipo da primeira cuñaxe da India, é dicir, a cuñaxe de barras curvadas, foi pola súa vez unha adaptación dunha imitación local afgá da cuñaxe grega. Isto formula a cuestión de se é axeitado suxerir unha orixe grega, é dicir, unha orixe occidental, para a tradición de cuñaxe india."
↑ 53,053,153,2Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 56-57: "No mesmo tesouro tamén se descubriron dúas series de moedas de prata locais que parecen ser produto da Administración aqueménida local. Unha serie fabricouse do mesmo xeito que as moedas gregas do tesouro, mais con deseños anovadores de orixe local, e a outra tiña un deseño local similar pero fabricado dunha forma nova, o que a relaciona coas moedas de prata punzonadas da India. Semella que foron estas moedas locais, que utilizaban unha tecnoloxía adaptada das moedas gregas, as que proporcionaron os prototipos das moedas marcadas con punzón, as primeiras moedas fabricadas na India".
↑ 54,054,154,2Magee, P. et al. (2005). Páxina 714: "Deuse certo debate sobre a natureza da Administración aqueménida sobre as provincias orientais, utilizando fontes aqueménidas e clásicas. O que está claro é que ambas coinciden en referirse á existencia de sátrapas en Bactriana e Arachosia (Harauvatish), en tanto que que ningunha fai referencia a sátrapas en Gandhara, Thatagus ou Hindush".
↑ 55,055,155,2Bopearachchi, O. (2017): "A «autonomía» que revelaban os asentamentos urbanos das satrapías persas ao sur das montañas do Hindu Kush tamén pode apreciarse na súa política monetaria. Mentres que todo o imperio aceptaba os dáricos e os siclos aqueménidas como moeda de curso legal, os sátrapas indios emitían a súa propia moeda consistente en barras curvadas e punzonadas".
↑"Coins minted in the Kabul". Center for Environmental Management of Military Lands (cemml.colostate.edu).
↑Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxina 59: "Nos territorios ao sur do Hindu Kush, os reis Maurya da India emitiron moedas punzonadas, descendentes das moedas locais da Administración aqueménida na mesma zona, para a circulación local".
Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). "Coins illustrating the History of the Crossroads of Asia". En E. Errington; J. Cribb; Claringbull, M. (eds.), The Crossroads of Asia: transformation in image and symbol in the art of ancient Afghanistan and Pakistan, Ancient India and Iran Trust. Páxinas 56-59, ISBN 978-0-9518399-1-1
Cribb, J. (1985). "Dating India's Earliest Coins". En J. Schotsmans; M. Taddei (eds.), South Asian Archaeology, 1983: Proceedings from the Seventh Internationa.C.nference of the Association of South Asian Archaeologistan in Westeren Europe Held in the Musees Royaux d'art et d'histoire. Istituto Universario Orientale, Nápoles. Páxinas 535-554.
Inventario fotográfico do tesouro de Cabul no Museo Nacional de Cabul —hoxe desaparecido logo do saqueo de 1992-1994—. Fonte: Curiel, R.; Schlumberger, D. (1953). Trésors Monétaires d'Afghanistan. Imprimerie nationale, París.