O Slow Food é a tradución literal do inglésComida lenta e identifica un movemento gastronómico fundado polo cociñeiro italianoCarlo Petrini en 1986 que propón un sistema de alimentación enfocado ao sabor e ao pracer.
O principio básico do movemento é o dereito ao pracer da alimentación. Incita á preparación de alimentos utilizando produtos artesanais de calidade, producidos de forma sustentable para o medio ambiente e de forma xusta. Este movemento oponse á tendencia de uniformación do alimento no Mundo, e defende a necesidade de que os consumidores estean ben informados da súa elaboración e a transparencia dos seus ingredientes. Sosteñen que Comer é fundamental para vivir. A forma como nos alimentamos ten profunda influencia no que nos rodea (na paisaxe, na biodiversidade da terra e nas súas tradicións. Para un gastrónomo é importante coñecer as relacións entre o prato e o planeta. Alén diso, este movemento defende a importancia de mellorar a calidade da nosa alimentación e tomar tempo para saboreala, sendo esta unha forma sinxela de tornar ao noso de acotío máis pracenteiro.
Pautas do movemento
Defensa da biodiversidade
Preténdese gozar de excelentes alimentos e bebidas dun modo xeneralizado, esforzándose en protexer os diversos grans, vexetais, froitas e produtos animais tradicionais que están a desaparecer deixando paso aos alimentos producidos por agro-negocios. Slow Food pretende protexer o patrimonio culinario, para o que creou unha fundación para a conservación da biodiversidade.
Educación do sabor
Slow Food axuda ás persoas a redescubrir o pracer de se alimentar e comprender a importancia de coñecer de onde procede a comida, quen a fai e como se elabora.
Slow Food organiza feiras, mercados e eventos locais e internacionais onde os consumidores poden atopar os produtores, alén de probar alimentos de excelente calidade.
Correntes de oposición
Os críticos coa organización alegan que este é un movemento elitista, en canto que descarta maneiras alternativas baratas de preparar os alimentos. Ante estas opinións, Slow Food alega que traballa a prol da produción e consumo locais, que no final tornaríanse máis baratos por depender menos do transporte e das tecnoloxías e produtos químicos para a conservación dos alimentos.