Reynaldo Benito Antonio Bignone Ramayón, coñecido como Reynaldo Bignone, nado en Morón (provincia de Bos Aires) en 1928 e finado na capital federal o 7 de marzo de 2018, foi un militar que, co grao de xeneral, chegou a ser presidente ditatorial da Arxentina entre 1982 e 1983.
Traxectoria
Bignone foi nomeado líder do país despois de que o expresidente Leopoldo Galtieri deixou o poder tras a derrota da Arxentina ante o Reino Unido na Guerra das Malvinas. O seu goberno tivo curta duración: a derrota na guerra e o crecente descontentamento da poboación demostrado en manifestacións indicaban que o retorno á democracia era inevitábel. Non obstante, o xeneral Bignone tentou condicionar o retorno á democracia a un límite nas investigacións de violacións de dereitos humanos durante o réxime militar de 1976 a 1983 e a chamada "Guerra Sucia". Esta proposta foi rexeitada polos partidos políticos arxentinos, e a investigación e xuízo dos militares comezou no goberno de Raúl Alfonsín, xa en 1983.
En 1999, despois de reaberto o xuízo de casos de apropiación ilegal de fillos de prisioneiros políticos, Bignone foi novamente enviado a xuízo. En marzo de 2007 foi preso e posto baixo custodia nunha base militar fóra de Buenos Aires como parte da investigación sobre abusos contra os dereitos humanos.