Quinto Aurelio Memio Símaco finado no 526, foi un aristócrata romano do século VI, historiador e partidario da ortodoxia nicena.[1] Foi un mecenas do coñecemento secular e converteuse en cónsul no ano 485. Apoiou ao papa Símaco no cisma da elección dos papas e foi executado como o seu xenro Boecio despois de ser acusado de traizón. Era neto do célebre orador pagán Quinto Aurelio Símaco que polemizou con san Ambrosio.
Traxectoria
Pertenceu á familia Símaco, unha das familias senatoriais máis ricas e influentes de Roma. O seu pai, Quinto Aurelio Símaco, fora cónsul no 446. Memio Símaco tivo tres fillas (Rusticiana, Gala e Proba) e adoptou ao mozo Anicio Manlio Severino Boecio ao morrer o pai deste; máis tarde, Boecio casou con Rusticiana e a parella tivo dous fillos, Símaco e Boecio, ambos cónsules no 522. Os cargos civís de Memio Símaco incluían ser nomeado cónsul único para 485, o terceiro membro coñecido da súa familia para ocupar este cargo.[2]
Aínda que Símaco era o xefe dunha familia cunha longa conexión coa tradición pagá -o seu avó Quinto Aurelio Símaco pronunciou un famoso discurso instando ao regreso do Altar da Vitoria á Casa do Senado romano- era un fervente cristián,[3] interesado tanto nas disputas teolóxicas. e, máis prosaicamente, nas loitas polo control do Papa. Durante e despois da disputada elección do papa Símaco (que aparentemente non estaba relacionado con el), el xunto con Anicio Probo Fausto Niger foron os dous únicos senadores que apoiaron ao papa contra o seu rival máis popular, Lourenzo, antipapa.[4]
Símaco cultivou a antiga cultura romana, escribindo unha historia romana en sete volumes; esta obra perdeuse agás unha sección citada por Xordanes no seu Getica. A riqueza de Símaco permitiu o seu patrocinio: participou na publicación do Commentarii in Somnium Scipionis de Macrobio Ambrosio Teodosio, e incluso hai unha copia do traballo corrixido pola súa man.[5]
Na súa maior parte, Símaco mantivo boas relacións cos novos gobernantes de Italia, tanto Odoacro como Teodorico o Grande, demostrado polo seu nomeamento como praefectus urbi entre 476 e 491, cónsul en 485, patricio durante o 510 e, mesmo converténdose no, influínte cargo de, caput senatus (presidente do Senado). A súa visita a Constantinopla, despois da cal Prisciano dedicoulle algúns poemas, foi probablemente en nome do rei Teodorico.
Non obstante, Símaco contradiciu ao rei ostrogodo, que o condenou a morte por traizón no 526, un ano despois da execución de Boecio.[6]
Notas
- ↑ Kaylor & Phillips (2012), p. 8
- ↑ O primeiro fora o seu bisavó, Quinto Aurelio Símaco no 391.
- ↑ Ámbalas dúas súas fillas fixeron votos relixiosos.
- ↑ Stevens, Susan T. (1982). "The Circle of Bishop Fulgentius". Traditio 38 (338): 327 – 341. JSTOR 27831119. doi:10.1017/S036215290000948X.
- ↑ Hedrick Jr. (2000), p. 183 ("Aurelius Memmius Symmachus v.c. emendabam vel distinguebam meum Ravennae cum Macrobio Plotino Euexodio, v.c.; traducido: "Eu, o nobre Aurelio Memio Simaco, corrixín e puntuei a miña copia en Rávena xunto con Macrobio Plotino Euxodio")
- ↑ Boecio (2000), p. XIV
Véxase tamén
Bibliografía