Odoacro, nado preto do ano 433 e finado en 493, tamén coñecido como Odovacar, posiblemente derivado do xermánico Audawakrs ('que busca a riqueza'). Foi o xefe da tribo xermana dos hérulos, de orixe huna e escira. Na historia salienta por ser quen destituíu ó derradeiro emperador romano de Occidente, Rómulo Augústulo, en 476, quen foi deportado ó Castellum Lucullanum na baía de Nápoles.
Traxectoria
Despois de derrocar a Rómulo Augústulo, a Odoacro presentóuselle a oportunidade de nomear a un novo emperador titular e gobernar a través del, ou gobernar como axente do emperador romano de Oriente. A diferenza de moitos dos seus predecesores, como Ricimer, optou pola segunda opción, devolvéndolle as insignias imperiais de Occidente ó emperador Zenón en Constantinopla, xunto cunha carta na que pedía ser confirmado dux de Italia. Zenón accedeu a esta petición e concedeulle o rango de patricio.
Até a súa morte en 480, o emperador lexítimo de Occidente Xulio Nepote seguiu sendo teoricamente o superior de Odoacro, mentres que este chegou mesmo a emitir moeda no seu nome. Malia iso, Odoacro tamén se chamou a si mesmo rex Italiae (Rei de Italia) e como tal foi recoñecido durante o resto da súa vida.
Con todo, as relacións entre Odoacro e a Roma oriental empeoraron máis adiante, e en 489, co apoio do emperador Zenón, os ostrogodos baixo Teodorico o Grande invadiron o reino de Odoacro, destruíron o seu exército de bárbarosfoederati (e as poucas tropas romanas que aínda existían), forzando a que se rendese en 493. Teodorico convidou a Odoacro a un banquete en Rávena, e crese que alí o asasinou coa súa propia espada, facéndose con todo o seu reino.
Thompson, E. A. (1982). Romans and Barbarians: The Decline of the Western Empire(en inglés). Madison: University of Wisconsin Press. ISBN9780299087005.