Prudencio Romo, nado en Noia o 10 de outubro de 1927 e finado en Santiago de Compostela o 19 de marzo de 2007, foi un compositor e intérprete de guitarra, baixo e violín principalmente. Foi director musical do mítico grupo Los Tamara.
Traxectoria
Familia e comezos
Era fillo dun garda de asalto destinado en Galicia que permaneceu fiel á II República Española durante a Guerra civil española. Por esa razón estivo preso no Castelo de Santo Antón da Coruña.
Comezou como neno de coro na igrexa de San Martiño de Noia. Estudou no Seminario de Compostela, onde formou parte do coro da catedral. Formouse musicalmente en coros relixiosos e en bandas militares.
Los Tamara
Prudencio foi un dos fundadores de Los Tamara na vila de Noia, en 1958. O conxunto formouse para participar nun concurso de Radio Vigo. Aproveitaron a viaxe para dar concertos en Vigo. Alí coñeceunos un empresario francés do espectáculo, de visita na cidade. Este contratounos para unha xira polas colonias francesas do norte de África. Nesa época formaban Los Tamara, amais de Prudencio, o seu irmán Alberte, Manolo Paz, Pepe Sarmiento, Henrique Paisal e Xermán Olariaga.
O ano seguinte trasladáronse a Francia, onde se uniu Pucho Boedo. Realizaron xiras polo país galo, Alemaña e Suíza. Chegaron a tocar no famoso Teatro Olympia de París, no que compartiron cartel con Jacques Brel ou Charles Aznavour. En 1963 gravaron o seu primeiro disco e comezaron a actuar tamén por España e Galicia. A mediados dos 60, Los Tamara gravaron a primeira canción de pop en galego, Galicia, terra nosa. Segundo Prudencio, a discográfica non quería que gravasen esa canción en galego. Xa que logo, para asegurar o éxito de vendas, esixiulles que a cara B fose unha canción en castelán (que foi Gibraltareña). Porén, tal foi o éxito da canción que despois a casa de discos non quería máis que música en galego.
Precisamente, o autor desa composición era Prudencio Romo, igual que Puerto de Compostela, que era unha crítica ás obras do Peirao do Marqués no porto de Noia. As cancións A Santiago voy e Mi Tierra Gallega, quizais as máis coñecidas de Los Tamara, en realidade eran orixinais de Ricardo Ceratto, amigo de Prudencio. Porén, foi Romo quen se encargou dos arranxos que acabaron facéndoas famosas, polo que se lle adoitan atribuír. A partir de aí, musicaron poemas de varios escritores galegos, o que lles provocou problemas coa censura.
Despois de Los Tamara
O grupo disolveuse en 1976 coa enfermidade de Pucho Boedo. Dende entón, Prudencio Romo seguiu relacionado coa música no terreo empresarial, como director do selo Marfer e como arranxador. Tamén compuxo cancións para artistas da época.
A principios dos 80 volveu a Noia, onde seguiu vinculado á música. Formou e dirixiu durante varios anos a Banda da Serra de Outes. Tamén dirixiu os festivais de zarzuela que se fixeron na Sociedade Liceo de Noia. A finais do ano 1994, a corporación municipal de Lousame encargoulle o labor de formar unha banda de música no concello. Foi director desta ata 2006, o ano anterior ao seu falecemento.
En 1996 foi nomeado fillo predilecto da súa vila natal, Noia.
Morte
Faleceu o 19 de marzo de 2007 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), días despois de ser operado do corazón. Está enterrado no cemiterio da Igrexa de Santa María a Nova de Noia.[1] Co motivo do seu pasamento, na súa vila natal, decretáronse 3 días de loito oficial.[2]
Notas